Os metrosiderais de Héctor Cajaraville, publicada en oqueleo.
Dise: "Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos". Continúa o resumo: "Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapazas e rapaces que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes veranse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade na que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí, configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigural deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos."
De novo, acudimos á rapazada con dificultades como sucedeu en O grupo de An Alfaya ou Plan de rescate de Antía Yáñez. Li é fillo dos chineses que teñen unha tenda, Kofu ten a imaxe dunha moza do manga ou otaku, Estela leva roupa grande que semela ocultar a súa figura, Tom comunícase con eles por medio dun caderno, a el sempre o acompaña un can; seguún din o grupo de acosadoras "Marimacho e os seus lacaios: Limonciño, a Gueixa e Mudiño"; a filla dun maltratador, a dun suicida, un rapaz que non fala sen que se sepa a razón, un inmigrante de segunda xeración... erros da natureza, di a acosadora, pero eles serán os que destapen o misterio. Unha caixa de música que resulta ser un astrolabio, un barco -o San Lesmes- que navegaba alá polo 1525, o Tratado de Tordesillas, Nova Zelandia, o capitán do barco, o metrosidero, os maorís, a Irmandade Filantrópica, María Pita, Teresa Herrera, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega Concepción Arenal, María Barbeito, Isabel Zendal, Francisca Herrera... Todos teñen o seu lugar nesta historia na que a fantasía se mestura coa realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario