Mima, Robot e o Libro máxico de Monserrat Galícia, ilustrado por Ona Caussa e traducido por Carmen Paris, foi publicado por Tambre en 2020. Unha nena que vive cun robot acaba de cumprir nove anos; recibe dous agasallos: un canciño (Boliña) e un libro máxico que se vai escribindo conforme se precisa a información. Ao día seguinte van río arriba no barco do tío Onofrio, cara a Cidade da Maxia. Nela buscan unha madriña; a Fada Xenerosa que Mima precisa para que lle faga unhas lentes. Coas lentes postas, a nena pode ler a primeira historia que aparece no libro, o seu pasado, a historia da morte do pai e a desaparición da pequena no río. Agora deben buscar a nai, unha bibliotecaria de Tec. Continúan a viaxe río arriba pero atoparán un problema cando descobren que Robot está sendo buscado e teñen que rescatalo dos seus antigos donos. A bibliotecaria marchou de Tec, así que deciden seguir buscando río arriba, chegan ao País das Vacas no que nin os robots nin os obxectos derivados do chamado progreso son ben recibidos, e alí van atopar algo que converte a historia nun conto de princesas.
Unha boa narración, ben contada, que nos leva de viaxe por un río con diferentes cidades e mundos que van dende a realidade á fantasía máis absoluta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario