Contos de obxectos de Xabier P. DoCampo, con fotografías de DNL e publicado por Xerais constitúe unha xoia, un tesouro que así se nos mostra dende a imaxe da cuberta: un cofre do que sae luz.
Da presentación editorial: "Oito relatos até agora inéditos que DoCampo gustaba de contar amosando no momento preciso algún obxecto central no desenvolvemento da trama. Obxectos que Daniel Puente Bello recreou nas coidadas fotografías que ilustran o libro. Realidade e ficción, escritura e oralidade, tradición e actualidade conviven neste fato de contos que dialogan coa escrita dos grandes clásicos galegos da narrativa curta, como Rafael Dieste, Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro. Un libro para celebrar a vontade de narrador oral de Xabier P. DoCampo."
Certamente, os relatos teñen moito que ver coa narración oral, pero tamén coa escrita deste mago das letras. Un deles, O Habanero fora publicado hai anos por parte do que entón era a a Fundación Caixa Galicia, Colección Nova 33 ao lado dun relato de Ana Romaní (Marmelada de amoras) con ilustracións de Sergio Casas.
O prólogo de Fina Casalderrey "Retorno do viaxeiro" é un verdadeiro pórtico de entrada a esa arte de contar, "o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar" en palabras de Docampo, amor inmenso como o que mostra Fina cando lle abre a porta das emocións. Os obxectos son testemuñas, son grans de realidade que o narrador garda na man (caixiña das alfaias) mentres conta. Cada relato comeza coas palabras exactas, continúa polo río de augas limpas de forma case matemática de tan natural, creando expectativas e misterio, agardando o momento final con esa luz que deslumbra e aclara o camiño xa percorrido. Ninguén contaba como el eses sucedidos nos que entraba, que relacionaba coa súa vida e nos introducían noutro mundo, naquel que se abre cando petan na porta pola noite. Cultivar sobre a tradición, construír sobre o oficio de contar, abrir a esportas ao manancial de palabras que nos alimenta... hoxe, aínda botamos máis de menos a Docampo, porque sempre estabamos... estamos agardando polas súas historias, as que foron e as que precisaban ser contadas. Os misterios e enigmas que nos envolven, esas escaleiras que non conducen a ningunha parte, os desaparecidos nun recodo do camiño, os ritos de paso, as historias da emigración que sempre tiveron segredos ou aquelas outras nas que demos e maldicións nos sorprenden polas costas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario