O primeiro libro dunha autora que
recolle a cita de Ursula
K. Le Guin: un adulto creativo é un neno que sobreviviu. E demóstrao!
Charlotte de Consuelo Vercher está publicado por Kalandraka na colección 7 leguas, ilustrado por Clara Encinas e traducido ao galego por Tamara Andrés.
Da presentación editorial: "Unha emotiva historia de familia, convivencia e solidariedade. Un breve relato cheo amor e sabedoría sobre a xustiza, o sentido da vida e a morte desde os ollos da infancia. Charlotte, cos seus case sete anos, empeza a escribir as súas memorias. Encántalle cambiar de nome, abrazar ao seu irmán, liberar grilos ou inventar palabras. O seu pai traballaba deseñando motores para avións, aínda que agora recolle chatarra. A súa casa parécelle un cámping con colchóns, montañas de roupa e xoguetes por todas partes. Cando a súa nai enferma, Charlotte adopta o nome de Pallasa e proponse coidar aos seus pais. Máis tarde, disposta a modificar o rumbo dos acontecementos, chamarase Meiga. E aínda que as magas non sempre poden cambiar as cousas, polo menos poden pedir desexos. Como fotografías dun álbum familiar, as ilustracións de Clara Encinas achegan os protagonistas da historia aos lectores e lectoras revelando detalles significativos das súas vidas cotiás."
Un anaco do comezo para coller o ton: "Chámome Charlotte. Teño seis anos, case sete. Fixen a conta e xa vivín 2427 días. Non o fixen eu soa. Seis por sete ás veces atáscaseme, así que pedinlle axuda a Colin. En troco tiven que darlle un anaco de chocolate da miña merenda. (...) Crezo e crezo coma as árbores do parque do lado e coma as do meu xardín. (...) O monitor quéreme e, cando alguén me quere, eu namoro. (...) Digo ben rosmar porque non souben falar ata hai cousa dun mes. Falar falaba, iso si, mais non coma o resto da xente, así que ninguén entendía nada. Papá estaba moi preocupado e levábame a moitos psicólogos, que me mandaban facer debuxos e me preguntaban moitas cousas para intentar avaliar non sei moi ben o que. (...) Agora papá está mais acougado, déixame tranquila e son a única raíña dun mundo que só me pertence a min. (...) Quero moito a meu irmán e encántame darlle apertas. Estou namorada del, e tamén de Manel, de Paolo e de moitos máis. O de Colin e máis eu é un amor non correspondido. É unha mágoa porque, na tele, vexo namorados que se abrazan e se bican na boca e son moi felices. Eu sei que non nacín debaixo dunha ponte, pero fago que o creo para ter unha escusa e pelexar con el. Nacín porque papá e mamá se deron un bico na boca moi longo e iso fixo que a barriga de mamá medrase e despois, nun chiscar de ollo, mamá puxo na cama un pequeno animal que se converteu en Charlotte. Hai uns días aprendín o que aconteceu máis polo miúdo: como acabo de dicir, papá e mamá bícanse durante moito tempo, logo papá pega a súa piroliña á parrochiña de mamá e de aí sae un bebé. Iso é máis ou menos o que entendín"
A inocencia falando de todo o divino e o humano, falando de si e dos demais, do viciño que adoptou un compañeiro e vai casar con el, da enfermidade e a morte da nai, a creación de palabras e o herdo da roupa, da solidariedade e da relación cos viciños de diferentes nacionalidades, das manifestacións e da revolución que sempre está pendente... A través das súas palabras imos coñecendo a terrible situación situación da familia. Hai un capítulo no que Charlotte fala en terceira persoa, porque ás veces hai que distanciarse para poder resistir.
Un marabilloso personaxe que vai formar parte do noso imaxinario: Charlotte ou Flor de illa ao sol, como dicide chamarse ao final do relato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario