Wombo Combo de Paula Carballeira aparece ilustrado por Paula Cheshire (moi acorde coa temática) e publicado na colección Merlín de Xerais.
Sinopse:"Sara odia a súa vida, ou polo menos a súa vida real: non ten case amigas e moito menos amigos; búrlanse do seu aspecto; non é brillante nos estudos, nin sequera mediocre... Sara ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Pero Sara ten outra vida, unha vida virtual onde xoga en liña con ducias de persoas e é imbatible nas loitas facendo «Wombo Combo». Sara pasa cada vez máis tempo diante da pantalla: deixa de falar, de comer, de durmir... Ata que entra nun videoxogo novo onde debe ir superando retos, se non quere sufrir as consecuencias. Un texto teatral audaz que reflexiona sobre a vida virtual e a soidade na adolescencia." Para maiores de 11 anos.
Xogar, como facer solitarios, é aditivo e solitario. Ou podes xogar con alguén máis, contra el ou con el para vencer a outro. Dentro do xogo non pasa o tempo pero fóra o tempo pasa, a xente medra. Todos os xogos rematan, pero os xogadores quedan nos seus cuartos, agardando a que saia outro. Que pasa cando se acaba o xogo? Que relación ten a vida real coa virtual? Para que un avatar? Os estímulos do dixital, as chamadas ao xogo, a dispersión ou concentración da atención, o xogo e a vida, ludopatías e zombis, o inglés invadindo o léxico, o xogo como evasión, a pantalla como prisión voluntaria, como conseguir vidas extra, a mestizaxe de linguas, premios e castigos, bolas de lume e lobishomes, trolls e videoxogos, heroes nas pantallas e acosados na escola, tetris e wombo Combo, gameiros, seguidoras nas redes, lixo espacial...
"- Non saes porque tes medo? - Non saio porque, cando xogo no ordenador teño o control, podo con calquera"
"- Nos videoxogos podo ter milleiros, millóns de amizades, e ademais ser outra. - Tamén podes ser ti, doutra maneira. - Non me gusta ser eu."
"- Xogas para ser alguén, Sara, alguén que non pdoerías ser na vida real? - Na vida real podo ser eu. Na vida real o tempo é meu."
Por que se sorprenden cando descobren que detrás dos avatares hai rapazas?
Ningún comentario:
Publicar un comentario