sábado, 10 de febreiro de 2024

Segunda parte dun premio Xuventude Crea de Novela Curta

Na segunda parte do Premio Xuventude Crea de Novela Curta, Cando sangren os lobos, aparece a novela xuvenil Aqueles corpos nosos nos que continuamos as aventuras dos irmáns Fernán e Xandre Malvís, os Garrido, Breogán coa súa nai meiga e a comisaria Ana.

Seguimos cun lobishome bo que quere controlarse e acabar cos malos, cunha compañeira que non o comprende e non quere vivir nun mundo no que o misterioso se faga dono da realidade, dous rapaces namorados, o sacaúntos aparecendo dende a mitoloxía galega do medo, uns paramilitares que teñen como misión acabar cos que non sexan humanos convencionais, e o mal... sempre o mal tratando de xogárnola. 

Compostela como espazo polo que se move todo este grupo de personaxes que van da realidade á ficción e viceversa, enchendo a cidade do sobrenatural, máis alá dun corpo santo e unha tumba. 

Sinopse da presentación editorial: "Todos os actos teñen consecuencias. Fernán e Xandre Malvís buscan recuperar a normalidade nas súas vidas e sandar as cicatrices inflixidas polo enfrontamento cos irmáns Garrido. A cidade, pola contra, non esquecerá con tanta facilidade o conflito entre as dúas familias, e as fauces de Compostela escolleron unha nova vítima. Os Malvís terán que facer uso de todo o seu coñecemento do mundo sobrenatural para resolver a desaparición de Sandra Valverde antes de que o seu corpo se engada á lista de necrolóxicas. Polo camiño farán fronte a unha pregunta que o cambiará todo: ata onde están dispostos a chegar para protexer o que queren? Logo do éxito de «Cando sangren os lobos» (I Premio Xuventude Crea de Novela Curta), Adrián Gómez Ramos regresa á escrita con «Aqueles corpos nosos»."

Estes libros de Adrián Gómez Ramos están publicados na colección Fóra de Xogo de Xerais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario