O carteiro que non sabía ler de Susana Peix está ilustrado por Lara Sánchez e publicado por Triqueta Verde.
Da presentación editorial: "Lucas, o carteiro do bosque, goza repartindo cartas e, aínda que non sabe ler, grazas á súa intuición e ao apoio dos seus veciños, sempre logra cumprir co seu traballo. Pero un día recibe unha carta diferente, e por primeira vez, non sabe a quen debe entregala. Decidido a resolver o misterio, Lucas percorrerá o bosque en busca do destinatario. Para quen será esa misteriosa carta?". Esta é a única carta que non lle dá pistas ou que o confunde, porque ao oso carteiro todos os animais lle axudan cunha marca ou cun arrecendo para que poda adiviñar a quen vai dirixida, pero esta vez... vai dun lado a outro e non atopa o destinatorio, é xustamente cando lla vai devolver cando descobre que vai dirixida a el, estano agardando para que a abra e vexa o que pon por medio dos debuxos. Este será o primeiro paso para aprender a ler porque lle van axudar a facelo. Unha historia que se resolve moi ben e remata dunha maneira optimista. A partir de agora nunca máis sentirá esta angustia e nunca terá que dubidar acerca de a quen entregar o correo.
Onde está Otti? de Silvia Penide e Estafanía Padullés publicado en Hércules ediciones. Para presentalo: "Una pequeña historia sobre cómo, a veces, perderse es encontrarse".
Certamente, cando colocamos á infancia ante sentimentos demasiado fortes como a perda, o mellor é colocar animais para que a dor non sexa tan forte. Levamos séculos facéndoo, para que podan entender o que sucede sen necesidade de colocar a un humano nesa situación. Neste caso, con moi poucas palabras pero moi significativas, váiselle diso: Otti (o can) "non está na súa camiña, nin en ningún dos lugares onde acostuma, cando o chama non vén". Agora aparece a parte positiva: "quérete" (non é ese o motivo), "agora vive noutro sitio", e pasamos a implicar a lectora "agora está nun recunchiño dentro de ti, nas túas lembranzas (...) quere que penses na súa cariña e rías moitísimo (...) dálle unha aperta co pensamento (...) estará contigo agora e sempre. Otti agora está en todas partes".
Texto moi sinxelo, con letra maiúscula unicamente, sen puntuación, pero cun significado simbólico moi potente: non se ve, non está, foise, pero non penses que che esqueceu, el quérete pero está noutro sitio. Un lugar tan irreal que despois de mostrar o ceo se sitúa dentro do peito e nas lembranzas, quere que esteas contenta e segura porque sempre estará para axudarche, vai estar conntigo sempre porque está en todas partes. Un bo empeño, logros indudables pero... haberá que ver o resultado da lectura da rapazada, como funciona,se precisa demasiada axuda...


Ningún comentario:
Publicar un comentario