mércores, 15 de outubro de 2025

No ano Castelao

No ano Castelao e pensando nos máis pequenos igual había que ter en conta un par de publicacións de anos pasados, da editorial Galaxia. certamente non hai que pecharse nas novidades e debemos volver a vista atrás moitas veces para recuperar obras que continúan a ser necesarias.

Cousas de nenos, publicada e Árbore de 2004 recolle algunha desas marabillosas viñetas nas que Castelao fai protagonistas aos nenos e as nenas, a relación entre eles e cos maiores ou cousas nas que os que interveñen son os animais (tan queridos pola rapazada). Estas "cousas", formato creado polo noso autor, fainos interrogar sobre o que sucede e non se entende demasiado ben. Na presentación fálase disto, de como a mirada das crianzas é a do propio autor que os pon a eles a preguntar en voz alta (igual que falan ante o emperador nú. Inocencia e tenrura envolven estes anacos de realidade nos que a imaxe e o texto se complementan marabillosamente formando iso que os coetáneos chamaban "cousas da vida por Castelao" para colocar nese arquetipo os sucesos que resultaban significativos e nos que había que pensar.

A imaxe de portada co meniño das piñas subido ao pino, abrazado ao tronco con pernas e brazos mentres este se move tráenos o mellor do autor rianxeiro, ese sentimento de vulnerabilidade fronte á natureza e de amor infinito por ela.


 

O outro libro é o de Marilar Aleixandre, Castelao segundo Rañolas publicado en Costa Oeste, que se publicou por primeira vez no 2000 e agora se fai , de novo co selo "2025 ano Castelao" . Entre a autora e Rañolas van debullando a vida de Castelao en artigos que se titulan "Rañolas explica quen é Rañolas (e Castelao), Daniel dorme cun coitelo baixo da almofada (para falar dese tempo de Castelao neno na Pampa),  O estudante bailador e os caciques (adolescencia e primeira xuventude en Rianxo), Cóntase un conto de cego, Castelao ponlles aos galegos uns novos ollos, Verbas de lume e de chumbo (mitins), A derradeira lección do mestre, O desterro soñando a terra, Para ler máis (un final de ampliación cunha bibliografía na que seguir afondando nesta figura).  Todo el ilustrado coas imaxes do autor.

Dous libros para atender a diferentes idades e dende diferentes ópticas. O primeiro deles para entregar e ver a reacción, observar que pode pensar esta xeración sobre o que creou o gran Castelao naqueles tempos, o segundo para seguir unha biografía dialogada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario