luns, 20 de outubro de 2025

Varias novelas para adolescentes

A sombra do graffiti de Brais Babarro Fernández e En terra allea de Pepe Carballude están publicadas na colección Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial: "Unha vila dos Estados Unidos vese arrasada por un tornado. Todos puideron escapar agás Bego, unha estudante galega de bacharelato que está de intercambio, quen, ademais de facer fronte á destrución, atopa o cadáver dun rapaz que leva ao pescozo o pano que ela trouxera desde Muros, coas sinaturas de amigos e familia. Soa, sen saber como o finado se fixo con el, e co medo de poder ser acusada de asasinato, comezará unha investigación contra o reloxo para probar a súa inocencia. A primeira pista tena clara: o mozo ten un nome tatuado no brazo.Quen é Stewart Amwer?"

O que se conta sucede nunha poboación tranquila do Medio Oeste americano con 502 habitantes, nun sábado o que a esta estudante lle toca facer voluntariado (limpando a piscina do seu centro de estudos); a compañeira que a acerca no coche mentres falan do calor e  de que comeza a temporada de tornados, anuncia a aventura "Rapaza de intercambio vivindo a experiencia americana a tope." A historia que se nos conta en terceira persoa titula os seus capítulos co horario e dura dende as 9,30 da mañá ata as 17,42 da tarde.

A novela conta moito, dende o perigo de colocar os cascos con playlist e non escoitar os múltiples avisos de perigo e evacuación que a conducen a unha perigosísima aventura solitaria ata os episodios de autolesións difíciles de superar de autolesións, o imaxinario que arrastramos polo cine sobre os perigos da investigación policial norteamericana, unha paisaxe de catástrofe absoluta na que só quedan cascallos da civilización... e algo que nos remite ao presente, as forzas da natureza arrasando con todo o que a humanidade dá creado esquecéndoa. Aparecen tamén os cazatornados, eses aventureiros que os buscan en vez de fuxir e a amizade que se crea entre o estudantado das escolas que máis tarde se van atopar en lugares moi diferentes da sociedade pero gardarán e tentarán axudarse na medida do posible. Un mozo pegado a unha mascota co seu nome nos grafittis e tatuaxes, un pano cheo de afecto que o busca para acompañalo nese último instante igual que el quere facer coa mascota indo na dirección contraria á que se dirixen todos. Unha moza que no medio do desastre vai descubrindo o enigma, paso a paso, minuto a minuto... 

Ese mundo que se esfarela nun instante, daranos que pensar? lembraranos o que acaba de pasar no Mediterráneo e aprenderemos algo del? 

Un esforzo, unha novela que nos leva lonxe sen deixar de estar aquí, unha narración que bebe do cine de aventuras, detectives e catástrofes.  


 En terra allea de Pepe Carballude tamén está en Costa Oeste de Galaxia. Da presentación editorial: 

"En terra allea aborda o tema da migración e os dramas colaterais: explotación laboral, dificultades coa vivenda, problemas de convivencia, enganos, abusos…, mais tamén aparece xente boa que tenta poñerse na delicada situación do outro. As relacións humanas, as friccións e os consensos, a imposición e a tolerancia, as penas e os momentos felices, pesan moito no decorrer da trama, onde, ao final, triunfa o amor. Un retrato real, traumático, dun feito que se pode ver acotío e unha chamada á solidariedade e á colaboración de todos."

Recollerei algún fragmento para ver o que hai: "Nun terreo cedido a unha construtora a cambio de deixar os baixos para oficinas sociais (hai uns corenta anos) ten as súas dependencias unha asociación á que acoden os xitanos arrombados en casouchas enferruxadas, aqueles que se resignan á incomodidades dun piso de protección oficial, os inmigrantes en busca de futuro, os retornados á terra de seu, os fuxidos de todo tipo de inxustizas, as mulleres violentadas, os indocumentados...  Aquí atopamos unha enfermeira xubilada, coñecedora do terceiro mundo en primeira persoa, despois de facer voluntariado nos anos de traballo, pero tamén un mozo cabreado co mundo (ou sen dar superado a súa relación co mundo da droga que considera que pode facer a súa vontade con todos os dereitos e ningunha obriga), un cura daqueles que defenderon e defenden a cultura do país e ás xentes máis necesitadas que entrega o seu e fai da reitoral un acubillo, dúas mozas (unha xitana e unha inmigrante que se axudan e descobren o amor que as une), o odio a un pai que a abusou e que tapa o seu delito cunha ideoloxía afastado da familia... O problema dos pisos cedidos e compartidos nos que por veces atopas ao teu explotador noutro que parecía ser tamén explotado, a quen che trata mal e che rouba (isto xa o viramos moitas veces entre os emigrantes galegos que foran espoliados polos seus compatriotas e para exemplo a novela que recolle un feito real en Azucre), a dobre moral daqueles que aproveitan o traballo dos inmigrantes para pagarlles mal e facelos traballar moito. Pensando nisto, igual a novela ten un pouso de "boísmo" que, ao meu entender, lle resta algo de calidade. Xente afastada do seu medio, sen referencias que a "sancionen  moralmente" pode facer algo que na súa contorna nunca se atreverían a levar a cabo, pode que nesas circunstancias poda saír tamén o peor que gardan (como nos pasa a todos e todas). Entendo que nos gustaría colocarnos no "politicamente correcto", que debemos construír o imaxinario defendendo as persoas que poden estar en desvantaxe pero tamén debemos coidar a credibilidade e non deixar ao lectorado sen armas de defensa. Houbo curas coma esa criatura de deus que, como dicía unha veciña atea, "se houbese máis coma el, crería", hai xente boa e pode que sexa a maioría pero vense máis os outros, hai conflitos que se resolven moi ben e a min gustaríame que todas o fixesen así e que os bos tivesen unha boa vida e que o lesbianismo se aceptase tamén entre os calés... 

Está claro que Carballude nos presenta unha historia para ler e que temos que facelo, coma todas as súas!

Ambas novelas recollen conversas de whp e emoticóns achegándose, desta maneira, ao mundo xuvenil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario