Amosando publicacións coa etiqueta Mitoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mitoloxía. Amosar todas as publicacións

domingo, 6 de abril de 2025

A ducia de traballos de Hércules vistos por Carlos López e Siro

Os doce traballos de Hércules de Carlos López está ilustrado por Siro e publicado por Hércules de Ediciones.

Da presentación editorial: "Hércules, fillo do deus Zeus e da mortal Alcmena, tiña desde neno tal forza que xogaba ás bólas cos planetas e ao aro cun dos aneis de Saturno. Xa de adulto, e a través do oráculo de Delfos,a  deusa Hera ordénalle realizar doce traballos dificilísimos que lle imporía o terríbel rei Euristeo.

Xa verás que, para ti, ler este libro non será o traballo número trece, porque é ameno e porque está cheo de tanto humor que ata o malvado Euristeo se botaría a rir. Nel veremos a historia dun Hércules moi peculiar: semideus do estrafalario, heroe do disparate, e cun aspecto físico diferente do aspecto ao que nos ten afeitos.

Agora mesmo é un bo momento para que mergulles nesta versión dos doce traballos de Hércules e coñezas o león de Nemea, cuxos cairos eran dúas medias lúas crecentes. E a hidra de Lerna de nove cabezas, que intentaba volverte tolo falándoche de nove cousas distintas a un tempo. E as eguas de Diomedes, que cos seus cascos de cortiza podían galopar sobre o mar. E o xardín das Hespérides, onde as mazás eran de ouro e o ouro era de mazá. E tamén o can Cérbero de tres cabezas, que ladraba en tres idiomas diferentes."

Diso se trata, das loucuras esaxeradas de Chinto, de estremonías sen fin, humor a "mansalva", do imposible máis alá do imposible porque xa que se trata de case deuses todo pode ser posible, así non imos quedar no máis común, iremos máis alá do máis alá! 

As ilustracións de Siro son o contrapunto aos textos, humor con humor!

sábado, 24 de agosto de 2024

De mouras e namoramentos

A árbore dos namorados de Buenaventura Aparicio Casado está publicado por AB ORIGINE Edicións.

Da presentación editorial: "Unha aldea galega hai cen anos. Un castro no que aínda viven os mouros gardando os seus tesouros. Martiño, un mozo que arela ser mestre canteiro, namórase de Alda, unha moura encantada que soña coa liberdade e con vivir un gran amor. Unha historia, baseada na mitoloxía popular, dunha paixón de dous personaxes decididos a enfrontarse co seu destino." Unha historia de amor baseada na mitoloxía das mouras pero con todos os ingredientes dunha aldea cos personaxes do indiano ao que lle envían o xornal cada día e el comparte ao día seguinte con toda a aldea na taberna, os diferentes oficios, o capador, o sacristán, o crego, a costureira, o mestre, o taberneiro do que desconfiaban que se ía da lingoa coa garda civil, as romerías e a xesteira, as seráns... e un mozo que anda aprendendo o oficio de canteiro e se namora dunha moura... o que segue hai que lelo aínda que se adiviña nesa imaxe da cuberta con ela e unha árbore. Ben contado o relato ao xeito dun narrador que leva no sangue un antropólogo. Gústame especialmente o capítulo que leva por título "Os mouros da Cividade" onde se fala desas dúas dimensións nas que viven os habitantes actuais e os mouros, adiviñandose nos ruídos. 

Un petisco: "Segundo Maruxa, os seus vellos testemuñaban unha historia ben fiada que comezaba afirmando que os mouros foran os primeiros poboadores de Galicia. Naqueles tempos tan remotos houbera moitas loitas e, ao cabo, o apóstolo Santiago botou os mouros fóra da nsoa terra. Mais -proseguía- non todos marcharon. Algúns quedaron agochados nos castros, nun estado especial: encantados" 

Acompañan a historia notas aclaratorias, vocabulario, referencias documentais e o apartado "Para saber máis" con bibliografía.