venres, 3 de marzo de 2017

Variedade de libros (1)



Horizonte de sucesos. Anxo Fariña  nunha incursión  na literatura de adultos ou para a mocidade (fora da colección Fora de xogo) quere contarnos algo diferente que nos remite a historias como Os nenos numerados e mundos que poden estar aí, preto, sen que os vexamos.
O autor da serie Os Megatoxos e outras moitas obras infantís, incursiona neste mundo duro onde se xoga co horizonte de suceso, esa fronteira que existe ao lado dos buratos negros, traspasada a cal non se pode volver. 
Así comeza... “Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da migraña, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo".

Que pasa cando estás nun lugar misterioso e escuro no que se agachan moitas cousas da man dos poderes máis absolutos nos que as forzas vivas da cidade (e demais) che dan traballo ou non cho dan, che fan asinar uns papeis que semellan un código ético pero ao final é para a defensa deles mesmos e non deses seres botados fóra da sociedade, que pasa cando andas ao lado duns rapaces condenados xa de antemán... Que pasa? Que pasa cando ti cargas cunha enfermidade para a que non atopas remedio (despois de probar mil e un medicamento con moitos e perigosos efectos secundarios), no fondo ti tamén es un drogadicto que non podes vivir sen esa droga para enfrontarte e unha enfermidade que che incapacita; cando vés dunha familia probe (e por iso tes que traballar para pagarte a estancia na cidade)... Que pasa cos seres sensibles nun medio coma ese? 
Na capa o Xardín das Delicia, reinterpretado por Anxo Fariña, o autor ilustrador.  
"A esperanza necesaria, máis que o pan de cada día: "Descubrín que hai estrelas que mesmo son quen de fuxir do meirande pozo de negrura do espazo. Estrelas que son quen de variar o rumbo preestablecido e buscar unha nova ruta no inmenso ceo”.

sábado, 25 de febreiro de 2017

Poesía cada día (2)


 Poemar o mar de Antonio García Teijeiro con ilustracións de Xan López Domínguez, publicado na colección Merlín. 
Moi solto, moi áxil, coa dicción acorde ao poema... unha lectura que dá gusto e aproveita.
O tema moi querido e traballado polo poeta. 
O libro recollendo poemas moi curtos e xogando coa colocación dos versos, mantendo a rima, inventando palabras como sorrimar (sorrir o mar), homenaxeando a varios poetas (Alberti, Kruz Igerabide, Juan Ramón Jiménez) sempre co mar ao fondo e acollendo algún haiku para rematar... 
Moi boas as ilustracións de Xan López Domínguez, no seu estilo pero moi traballadas e introducindo un elemento nostálxico (doutros tempos) no mobiliario, na roupas da rapazada, uniformes,  elementos... máis surrealista con animais personificados sen que, neste caso, foran necesarios: galo mariñeiro, ondas semellantes a grupo humano, gavotas con funil na cabeza, sereas con dúas colas a modo de pernas,... as tonalidades tamén gardan unha ambientación antiga en amarelos, azuis, grises, marróns... 
Un libro para disfrutar, ao completo!

xoves, 23 de febreiro de 2017

Poesía, cada día (1)



Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, publicado na colección Sopa de libros de Xerais.
No estilo de O meu gato é un poeta e do Poetíz@te. Todo feito por Fran Alonso: o deseño, o texto, a ilustración e case a maquetación. Xogando coa caligrafía e a tipografía, cores, tamaños... 
Di que “é un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía". Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes. 
O poeta fai deste libro unha proposta sorprendente e modernizadora. O resultado é un libro moi accesible que sitúa a poesía moi próxima á sensibilidade das nenas e dos nenos de hoxe . El, no apartado “Escribiu e ilustrou...” comenta que o libro parte da súa reflexión acerca de que a poesía para as primeiras idades queda no convencional e está moi apegada á tradición, pero esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se le coma se fose un cadro, coa vista.”, e tamén di (...) que no noso ámbito esta poesía ten dun déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes moi consolidados na poesía para adultos...” 
Poesía tipográfica con elementos gráficos, elaborada a través do ordenador e da manipulación fotográfica, que ao tempo lle dá moita importancia á oralidade. 
Na web atoparemos un videoxogo elaborado pola súa filla: Alma Alonso Costas. Dúas xeracións unidas pola poesía,e a lectura, sempre a lectura.

mércores, 22 de febreiro de 2017

Libros xuvenís de variada tipoloxía (8)



Contos nerviosos de Fran Alonso, con ilustracións de Dani Padrón e publicado por Embora.
As ilustracións de Dani Padrón están realizadas nun estilo bastante diferente ao que nos ten acostumados, pero como sempre, con unidade propia, neste caso con debuxos en branco e negro.
Estes son realmente contos nerviosos que recollen  historias que nos desasosegan con casos de alerxias excesivas, de medos que sempre nos manteñen en vilo, as vergonzas máis grandes, o peor que nos podería pasar tal como o vemos en cada momento, persoas que pasan a converterse en personaxes ou que cambian de lugar e identidade, nenas que pasan de raíñas consentidas a enlodarse na lama...  A min persoalmente encántame "O meu aniversario", esa nena absolutamente consentida que verá coma o seu reino de consumismo e mimarrachada se descompón en anaquiños, canto por aprender! 
Os contos nerviosos non menten, son realmente nerviosos. Neles hai moito negativo do que nos machaca e fai a vida máis difícil: rapaces odiosos, alerxias, ruídos, máquinas e inconsciencia por destruír o que temos, os medos que nos fan perder a cabeza...  E Fran Alonso, como sempre disposto a abrirnos unha nova porta pola que entrar para ler e ver a realidade, con outros ollos.


martes, 21 de febreiro de 2017

Libros de variada tipoloxía (7)


Un par de libros que recollen a diversidade.

A doniha e o taxidermista de Séchu Sende publicado por Diario Liberdade, Fundaçom Artabria e Semente Compostela.
Escrito e ilustrado por Séchu Sende, un diario escrito entre o 15 e o 22 de outubro de 2014
Con motivo da inauguración do Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC o autor vai contando as visitas cos seus fillos e todo o que sucede arredor... destes feitos e dun estraño taxidermista. 
Nun galego que non é o da normativa oficial e unhas historia que é o cotián no que se introducen outro elementos.

Dominicanas somos de Enrique Mauricio e Carlos Taboada publicado pola Asamblea de Cooperación pola Paz.
Unha historia contada en cómic na que o importante non é a calidade do relato nin o debuxo nin a ilustración senón o que se nos cona acerca dos cambios que se están a producir a respecto da muller dominicana que se empeña en mellorar a súa vida, traballar e estudar, organizar negocios coa axuda das ONG e enfrontarse (dunha maneira moi suave) ao machismo para cambialo sen crear conflito (polo menos nesta historia). Interesante para ver esa visión da muller negra e latinoamericana, a aceptación do seu físico, para visibilizar o problema dos descendentes de haitianos na república dominicana, para coñecer a aparición das promotoras (de saúde, hixiene, prevención de droga e violencia...) e ir aclarándose cun glosario, unha información sobre a cultura taína, o movemento 4% do PIB para educación, unha receita típica e a explicación de como naceu o libro “Dominicanas somos” grazas a unha subvención da Xunta.

Libros infantís de variado tipo (6)



Para onde imos cando desaparecemos de Isabel Minhós Martís e Madalena Matoso, traducido por  Anair Rodríguez para Xerais. 

Cando desaparecemos podemos estar agochados aí ao lado para que non nos vexan, porque para que realmente poidas desaparecer ten que haber alguén máis. Ese que se decata que xa non estás, e ese queda cheo de dúbidas... por iso se pregunta a onde se van os que desaparecen.
Un libro sobre a morte cun certo humor e alegría, porque xa chega con  pensalo.
As ilustracións semellan vellos gravados populares, con tintas planas e recortados; unhas imaxes case xeométricas.
A autora é ben coñecida no mundo do libro infantil galego con títulos como Ovelliña, dáme la, P de papá ou Grazas.