sábado, 15 de abril de 2017

Sobre a lectura: declaracións dun presidente


Barack Obama, afirmou que a lectura lle ofreciu "a oportunidade de desacelerar e atopar unha perspectiva e a habilidade de poñerse nos zapatos dos outros, e  redescubrindo, reconstruíndo... poder redescubrirme”. Este voraz lector declarouse inspirado polo pensamiento de Nelson Mandela (“unha prensa crítica, independente e de investigación é o elemento vital de calquera democracia”), Abraham Lincoln (“mellor é calar e que sospeiten de túa pouca sabiduría que falar e eliminar calquera dúbida"), Martin Luther King e Mahatma Gandhi (“A educación é o gran motor do desenvolvemento persoal. É a arma máis poderosa para cambiar o mundo”), ademáis de polos novelistas norteamericanos de cor James Baldwin, Ralph Ellison, Langston Hughes e W.E.B. Dubois, todos loitadores polos dereitos civís, como este último, que sendo sociólogo, historiador e activista dos dereitos civís panafricanos propuxo accións contra o racismo e a discriminación, o colonialismo e o imperialismo nos seus libros The Souls of black folk e Black reconstruction in America.
Obama fixo públicas listas de libros que tiña pensado ler, por exemplo no último verán; pero tamén ten falado dos escritores que influiron na súa maneira de ser. Recoñece que sempre recurriu á literatura para "fuxir da burbulla do egocentrismo" ou para adquirir discernimento, así o conta no seu primeiro libro "Os soños de meu pai".

venres, 14 de abril de 2017

De mestres e educación


Manuel Bartolomé Cossío, un intelectual, historiador da arte, pedagogo krausista colaborador de Francisco Giner de los Ríos ao que dou continuidade á fronte da Institución Libre de Enseñanza, residente das Misións Pedagóxicas, hai un século, declaraba:“dádeme un bo mestre e el improvisará o local da escola si faltase, el inventará o material de ensinanza, el fará que a asistencia sexa perfecta, pero dádellele a el a consideración que merece”. Por iso, seguía firmando: “Gastade, gastade nos mestres”. 
Gastade na formación dos mestres, na educación pública para todos/as e aforrade nas subvencións onde non sexan necesarias... 
Que empresario investiría no que non é del? 
E por que o debemos facer cos cartos de todos/as?

mércores, 12 de abril de 2017

Títulos de libros



Tragaxán e Tragadiño de Bernardino Graña conilustracións de Patricia Castelao
Un matrimonio que vive á beira do río (e, de nome, Xan Guindán), pensan en ter en fillo e póñense a ilo; naceu un neno que primeiro se chamou Xan pero comendo como comía houbo que chamalo Tragaxán. Era un homiño gordón; demasiado tranquilo e os nenos metíanse con el. Vai a nai e despois de pedir un neno que comera ben (Tragaxán) pideu un pequerrechiño; pedíronllo a Deus e soñárono e tivérono... faltaría máis! Chamouse Albertiño. Como é tan pequerrecho teñen que pedirlle a todo o mundo que axuden a velalo para non perdelo. Comendo chegou a ter o tamaño dun zapato do pai, vestíano coa roupa dos bonecos e andaba a corricar por debaixo da mesa e cadeiras; encantáballe xogar e perdíano continuamente. El era alegre e sempre ría; un día, coma quen non quere a cousa, acaba na barriga da vaca e todos o teñen que buscar e sacalo pola boca cunha corda... e desde aquela chamáronlle o Tragadiño. 
 “Date conta de que tes un irmán e tes que buscalo e coidalo”, dille a nai ao irmán máis vello, pero de pouco serve, ata que... (has de ler para saber como remata a historia) 
Árbore, de Galaxia, a partir dos oito anos.

martes, 11 de abril de 2017

Catalogo de libros infantís e xuvenís galegos 2017


GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de facer públio o catálogo de libros galegos publicados no ano 2016.
Este é o catálogo que se leva á feira de Boloña para dar a coñecer a produción en galego.
Podes descargar o catálogo 2017 neste enlace e  podes ver o resto de catálogos na páxina de recursos, na sección Catálogos, guías e recursos online, ao final da páxina http://www.galix.org/

luns, 10 de abril de 2017

Variedade de libros (2)




Catro cascarolos de Marilar Aleixandre con ilustracións de Enjamio, publicado na colección Sopa de libros de Xerais. 
Catro caracois de diferente tamaño (Cascarolo, Carolo, Arolo e Rolo) e especializados cada un deles nun sentido, deben abandonar o parque no que viven (ao ser lousado) e buscar outro. O camiño vai estar infestado de obstáculos, e nel, o mellor serán as confusións entre o mundo natural e o artificial, as cancións que van cantando, o xogo de adiviñas e as preguntas que semellan as da avoa de Carapuchiña.
As ilustracións de Enjamio no estilo acostumado, creativas e propias, enchendo as páxinas ou acompañando o camiño na parte baixa. A máquina moi de debuxo ao natural realista igual que o balón, os cascarolos case surreais cos ollos humanos ao final dos corniños ou na representación dos cascarolos ao lonxe que semellan case botóns, a mestura de coche e quenlla acompañando o texto, a cidade xeométrica ou o xogo divertido ao colocar o caracol no semáforo en lugar do humano.

martes, 4 de abril de 2017

Problemas coa lectura?



Convén ler estas declaraciós de vez en cando, para caer na conta de que igual hai que actuar máis nuns campos que noutros, igual non hai que actuar tanto a posteriori como a priori, igual é mellor coidar as condicións a ter que facerlle fronte ás desviacións,... e sobre todo, actuar o antes posible, partindo do valor da lectura como basamento e chave de toda a aprendizaxe.   
Ismael Fuentes, presidente da Asociación de Logopedas de España, afirma: "A aprendizaxe é un todo: Se non podmeos er, non podmeos aprender matemáticas, nin xeografía, nin historia..." 
Ao referirse a posibles trastornos como a dislexia ou o TDAH, este experto afirma que "cada vez van aparecendo máis porque existe unha predisposición. Os nenos teñen un entorno familiar e social determinado que dá lugar a ciertas situacións nas que os pequenos non se van a desenvolver adecuadamente (...) porque podemos ter un entorno xenético co que nacemos pero podemos desenvolvelo ou non ao longo da nosa vida. O incremento destas alteracións ten connotaciones noutras áreas enoutros sistemas que fan que, dalguna forma, se xeren máis problemas de dislexia, de inatención ou outros ámbitos» (...) cada vez hai máis TDAH e disléxicos pero hai unha gran cantidade destes nenos diagnosticados dunha maneira incorrecta, porque non digo que non teñan algo, pero haa moitos trastornos derivados do comportamento. O comportamento é una área na que hai moitas cousas. É como un saco onde se mete todo e despois se van sacando etiquetas para poñerlles aos nenos". Remata recalcando que estes problemas hai que detectarlos canto antes, xa que "os nenos son iguais que unha pequena árbore. Hai que endereitalos desde pequenos".

luns, 3 de abril de 2017

Os consellos de Sierra i Fabra para a escrita dunha novela xuvenil

Na Vanguardia, hai uns días o escritor de máis produción (posibilemente) da literatura xuvenil, decidiu publicar un consellos para a escrita dunha novela para a mocidade. Di así:
* Non penses no lector da túa novela.
Os rostros son anónimos. Os gustos, infinitos. O público variado. Pensa en ti mesmo, no neno ou o mozo que levas dentro, no que che gustaría ler. Se es honesto contigo mesmo, se gozas escribindo unha historia, é probable que o lector tamén a goce. A enerxía transmítese, e un bo libro é o mellor dos transmisores.
* Fíate sempre do teu instinto.
Non dubides máis do necesario e toma decisións rápidas. Unha novela ten mil camiños. Escolle o que máis sintas como bo para ti, non para a galería nin te preguntes se é o que a xente espera. Sé fiel á túa ética e mantén os teus principios como bandeira.
* Escribe como fales.
Non pretendas ser o que non es. Narra de forma sinxela e comprensible. Sé breve. Que poidas xustificar cada capítulo, cada páxina, cada parágrafo, cada palabra empregada. Nunca poñas palla nin alongues as cousas innecesariamente. Es un contador de historias. Se queres impresionar a un lector novo, sentirte mozo, pola contra parecerás impostado e el notarao.
* Os nenos e os mozos son o público máis difícil.
Non finxen. Din o que pensan. Son duros. Para chegar ao seu corazón e á súa mente debes espirte animicamente e quitarlle todo vestixio adulto. Non busques moralinas nas túas novelas, non eduques, non pretendas que aprendan senón que pensen.
* Nunha novela xuvenil, o primeiro capítulo ha de atrapar ao lector e non soltalo xa.
Despois, nas 25 primeiras páxinas has de mergullalo na historia ata ser un con ela. Pero lembra que tes todo un libro para describir aos teus personaxes, non os queimes na primeira páxina dicindo como son e furtando ao lector o pracer de imaxinalos. Ama aínda máis aos teus personaxes secundarios e lembra que teñen menos oportunidades de brillar.
* O que digan dous personaxes dialogando, que non o conte o narrador narrando.
A xente fala, exprésase, e os sentimentos flúen a través desas palabras e os xestos que as acompañan. Unha novela con extensos mazacotes de narrativa cáeselles das mans. Os datos aburren. Ti has de dominar a historia, es Deus, pero ao lector dálle só o necesario. O mundo de hoxe é pura vertixe.
* A perfección non existe. O instinto si.
Prepara un guión previo antes, minuciosamente, no que apareza todo o esqueleto da novela e a base dos diálogos. Despois escribe o máis rápido que poidas, todos os días. Leva o ritmo. Non corrixas máis do necesario (e se é posible, nin iso): vas arrefriar a túa obra. Vomítaa e déixaa quente e viva. Os artistas mediocres seguen as normas. Os inquietos rómpenas.
* Os teus editores tentarán mellorar a túa novela.
Se estás seguro do que escribiches, non cambies. Eles poñen o diñeiro, si, pero o nome da portada é o teu. Non te deixes manipular porque unha boa novela xuvenil non é manipulable, sobre todo polo público ao que vai dirixida. Loita contra a implacable censura que se exerce nos libros para nenos e novos.
* A arte non se mide polo que che pagan por facelo, senón polo que sentes ao facelo.
Non sexas un mercenario. Non penses no diñeiro nin o premio que queres gañar, foxe do éxito ou o halago fácil. Pasa das infames redes sociais cheas de depredadores que non son máis que parásitos improductivos. Escribe só a historia que queiras escribir e pensa que é imposible gustar a todo o mundo.
* E para rematar, a etiqueta de xuvenil é un termo en grao sumo impreciso, un cul-de-sac ambiguo.
Un libro xuvenil ha de estar protagonizado por un mozo entre 15 e 18 anos? Moby Dick ou Gulliver no seu día foron grandes novelas para todos os público, a segunda mesmo deostada. Hoxe son clásicos para nenos e novos. Como diría alguén, unha boa novela xuvenil é a que pode ler calquera persoa á que lle guste, simplemente, a boa literatura.