domingo, 16 de xullo de 2017

Opinións a ter en conta: Marina Colasanti fala da lectura

 
A lectura promóvese por contaminación amorosa, que radica no contaxio do amor polos libros dos adultos aos máis pequenos. A lectura é un agasallo, o retrato da vida multiplicado ao infinito. Cada libro é un espello da vida e desa maneira multiplícanse as visións porque son as miradas de distintos ollos, de distintos países, de distintas culturas… Alguén que ama a lectura, que cre na lectura e se enriqueceu con ela, transmítea ao outro. Tamén di, que os namorados da lectura inventan proxectos, programas que para levar cabo han de sacar os cartos da boca das serpes (que imaxe tan evidente) porque a lectura é a ferramenta principal para o desenvolvemento dun país. 
Remata Colasanti recomendando aos pais que cando non teñan historias que lerlles, lles conten historias reais porque a realidade e o mesmo que está nos libros pero escrito doutra maneira. "Se non ten libros, cóntelle historias porque as historias van a conducir ao seu fillo ata os libros".

sábado, 15 de xullo de 2017

Paula Carballeira e as mascotas

Un dos seus libros de poesía, o último leva este título, Nunca mascotas, para criticar de forma poética ese empeño humano de antropocentrismo.
Nunca mascotas nin animais de compañía, porque igual somos nós os que verdadeiramente lles facemos compañía a eses animais que viven connosco, porque eles teñen a súa vida... e non hai razón para personificalos, pero si e moitas, para respectalos.
Comeza...
"Podedes chamarnos animais, 
nunca mascotas.
Faremos compañía  
se nos peta.
A maior parte do tempo preferimos estar lonxe  
de vós,  
por se acaso.
Desconfiamos,   
non por maldade,   
por experiencia.
A soidade é a mellor conselleira.
(...)"
Para pensar, para reflexionar nese tempo no que os animais quedan abandonados antes ou despois das vacacións, para ser responsables con todos eses que nos acompañan neste planeta. 

venres, 14 de xullo de 2017

Revista infantil en galego

Revista infantil, O Papagaio, en galego.
Tan necesaria. Tan a man... que non teño dúbidas en publicitala. Porque é a única.
Entrade na páxina e mirade o números publicados. Da man de Abraham Carreiro e da editorial Moito Conto.
Vai o anuncio:

martes, 11 de xullo de 2017

venres, 7 de xullo de 2017

De árbores e escolas


A árbore da escola é un álbum ilustrado, escrito por Antonio Sandoval e ilustrado por Emilio Urberuaga.
Hai que coidar o medio, o ambiente e o cultural. Hai que coidar a lingua de noso, hai que coidar da natureza. Non se debe defender o patrimonio da colonia desde a metrópole pero tampouco se pode falar de conservar como quen escolle no xogo da roda: ti si, ti non.
E despois desta reflexión imprescindible, desde o meu punto de vista, o comentario a este libro que nos gusta e defendemos.
Moitas veces atopamos escolas nas que o cemento o cubre todo... houbo un tempo (e non hai tanto diso) no que alguén falaba de asaltar a alameda de Compostela para que a xente non manchara os zapatos ao camiñar. Un cemento que volve gris o mundo e no que o único vivo somos os humanos convertidos en profesorado e alumnado. Igual que aqueles que collían o cal das paredes en tempos nos que se necesitaba incluso ese alimento, hai lugares nos que dan ganas de ir mirar e tocar as plantas que se empeñan en nacer e resistir nas xuntas da masa deste país no que a humidade fai medrar bosques verticais. 
Só hai unha árbore no patio da escola, é pequeniña, e prohiben tocala para non mancala. Menos mal que un neno se empeña en mirala, falarlle, regala, abrazala... e a árbore responde medrando, botando novas follas e pólas ata facerse enorme e converterse nun fenómeno digno de estudio. A rapazada tomará a árbore ata colgar dela unha randeeira ou facer nela unha biblioteca. A cambio, a árbore dá unha semente e esta enviada a outro centro dará lugar a unha nova historia na que unha nena obviará a valla que a rodea e prestaralle atención para que medre... e continúa a historia e a natureza. E a lingua de noso. 
As ilustracións no estilo propio do ilustrador, dicindo o máximo co mínimo de recursos, expresándoo todo e engadindo datos o texto, datos fundamentais, porque os animais tamén acompañan a vida, incluso na escola. 

martes, 4 de xullo de 2017

Libros que son novidade



Hilario e os tres medos. Xoán Babarro. Oqueleo. Obradoiro Santillana.
En primeira persoa, conta unha nena adoptada o seu día a día, os seus medos e como a vella veciña lle axuda a superalos, a través dunha tatuaxe que lle coloca no brazo para eliminarllos.
Tenlle medo aos médicos, aos compañeiros, a ela mesma... debido á diferenza de cor non é doado. Abeba, que semella comezar a historia defendéndose moi ben das burlas dos compañeiros, logo semella caer en todos os temores. 
Lola, a vella que vive na porta do lado do seu piso, ten un bastón con nome que lle vaticina o tempo. Ás veces perde a memoria, e case sempre hai que axudala, pero ela tamén bota unha man sempre que pode. 
A relación entre os avós e os netos (aínda que non o sexan de certo) é rica e intensa, ata o punto de que nos dá pena cando se evita. Esta nena, sálvase grazas ao apoio incondicional de Lola, que ademais a xungue coa súa cultura de orixe ao colocarlle o seu nome en árabe na tatuaxe. Diferenzas de etnia e de idade, momentos difíciles na vida das persoas nas que caen en dificultades moi doadas de superar noutros intres. Unha vella e unha nena, mulleres co coidado entre as mans.   

venres, 30 de xuño de 2017

Libros de María Canosa



A recén estreada premio Merlín,conta con moitos libros de literatura infantil; citamos un par deles.

A cazadora de estrelas. María Canosa, finalista do premio Merlín 2015 e 2016. Publicado por Xerais a colección Merlín.
Un narrador omnisciente conta a historia de Megumi, a cazadora de estrelas. 
Na noite, a cazadora sae montando no seu cabalo Terrón, levando as súas frechas (sempre cunha pluma lila), escollen a estrela e disparan de tal maneira que non a feren de morte senón que o fan nun lado e así, feridas caen e o cabalo axuda a buscalas no chan; recóllena e lévana ao seu cuarto, onde ao soltala situase no teito alí só pode ter un número máximo de 27 así que hai que ir cambiándoas e levando as outras ao Observatorio. Todo vai ven ata e un día, alguén que a odia lle tend unha trampa... e daquela a cazadora de estrelas ha de demostrar a súa escola de valores, o poder da amizade e a capacidade para continuar partindo de cero. 
María crea un mundo propio, de nenos e nenas cazadores de estrelas, a secas, con elementos do mundo real que se introducen: envexas, aproveitados que explotan as estrelas quitándolles o seu po a base de lastimalas e case matalas...  Un final feliz, en estilo Roald Dahl.
As ilustracións, sempre interesantes de Dani Padrón.
Del son tamén as lustracións de O que nunca che contaron, no que María escribe a dúas mans con Kike Gómez, unha serie de relatos plenos de orixinalidade quen  van desde "O mecánico de estrelas" (Que pasa se buscas un traballo e non che importa que teña horario nocturno? Que farías se tiveras a posibilidade de escribir no ceo? Que mensaxe enviarías? ata "O transformador de froias" (Un mago que crea froitas con mil posibilidades, coma as dos contos marabillosos), pasando por "O debuxante de horizontes" (Se tiveras nas alas toda as cores, que farías?), "O vendedor de ideas" (Ferguson, o home das ideas, non vía o que había senón o que podía haber e con toda esa creatividade ía inventando dende o lume ata a roda ... nun percorrido pola historia do home, pero o mellor do seu comercio era o que podía cobrar por cada idea que era, por exemplo, a pluma dunha á de pato), "A doadora de bolboretas" (Uns seres que apenas duran unhas semanas, igual poden sobrevivir facendo cóxegas) "A repartidora de onomatopeas" (Escoita, os sons están aí, e se o fas con atención poderás escoitar ata o ruído da Terra ao xirar). Como se partira dun binomio fantástico, as ideas van medrando con dose de creatividade e imaxinación. Imaxinación por milleiros. E bo facer nas imaxes, moi bo facer.