domingo, 6 de agosto de 2017

Paula e os animais: "Bruxa e familia"



En primeira persoa, unha moza, que se considera bruxa, vainos contando onde e como vive, e cal é a súa relación cos animais cos que comparte a casa de pedra preto do río. Estas mascotas -ás que ela lles fai compañía- son Isis e Nefertiti -dúas gatas-, un caracol de baño de nome Prisciliano, unha araña con sete patas á que chama Sétima e a pequena Catrovecesdúas, a mosca inmortal Cornucopia, un milpés bailarín chamado Pérfida Escolopendra, o rato Caruso, a curuxa Carmila e a toupa Altamira. Non vive con ela, pero visítaa, cada día, o merlo Tristán que se estampa contra o cristal, e non só o fai por rimar. Vén de visita, tamén, o Monstro do Tellado que debe ser seu irmán, un lobishome, digno descendente do pai, que é o sétimo fillo dun sétimo fillo. O pai,  grazas aos medicamentos que lle dosifica súa nai, nunca chega a transformarse en animal de todo.
Ademais deses animais que sempre están con ela, ten máis compañía. Neste caso, trátase daqueles que van e veñen, sen quedarse. Por un lado a nena Rosaura que desconfía dela,  porque ser bruxa é o que ten... hai demasiados contos falando de que comen nenos ou envelenan mazáns. Por outro, está o lobishome que se sube ao seu tellado... e que igual é da familia.  
Onomástica, que é o nome desta moza bruxa, cando celebra o aniversario faino con tres festas, por que será?
Paula co seu rexistro de narradora, co seu humor sempre presente, cos seus pensamentos... acompaña a nosas lecturas, agora con esta Bruxa e familia, que se publica na colección Oqueleo
Un bocadiño:
“Desde que Rosaura marchou aprendín que hai dúas clases de soidade: a que sempre está e a que vai e ven. A que sempre esa é unha soidade doce, amable. Cando consegues vivir con ela, descobres os nomes propios dos animais e das plantas que te acompañan. A soidade que vai e vén é peor, porque se agocha detrás das persoas e soamente no momento en que esas persoas marchan, a soidade asoma, e ti sentes que o peito se afunde co peso da tristeza. Ese é o momento de cantar alto e forte”
Miremos en detalle as ilustracións de Lucía Cobo.
 

sábado, 5 de agosto de 2017

Declaracións de Manuel Rivas

Nunha entrevista arredor da súa participación na Feira do Libro d´A Coruña e da súa obra Os libros arden mal en La Voz de Galicia, declara...
"(...) A xente que ordena a queima dos libros non é xente inculta, non son bárbaros; son xustamente persoas que saben moito dos libros. Saben cales hai que queimar e cales non. Danlles moito poder e por iso loitan contra determinados títulos." 
Un aviso a navegantes, por se había dúbidas...
O libro que ten como protagonista a cidade, segue aí, vixente dando unha lección acerca de como teremos que manter os catálogos abertos e non estar dispostos a cambiar continuamente indo detrás da última publicación, esquecendo o que saiu á luz onte ou antonte.

sábado, 29 de xullo de 2017

Encontros con creadores/as



 
Seica, o Ministerio de Educación vai destinar 200.000 euros para que o próximo curso se realicen encontros con escritores e escritoras nas institutos de Enseñanza Secundaria co obxectivo de promover o hábito lector. Unha medida dentro do Plan de Fomento de la Lectura 2017-2020.  Todos os institutos do Estado, poderán escoller a autores e autoras nas diferentes linguas cooficiais, sempre que estes residan en España; simplemente ten que ter tres obras publicadas... 
Non son poucas? A que responden eses mínimos tan mínimos? Sempre dan que pensar estes criterios tan básicos para cuestións que deberían ser máis esixentes, ou non? Se pensamos noutras convocatorias onde tamén vemos esas condicións.. igual sacamos conclusións. É ben certo que Juan Rulfo escribiu e publicou pouco, pero cóntanse cos dedos das mans esas excepcións. De calquera maneira... semellan poucos cartos para tanto empeño... 
Hai outra pata para o programa (que sufraga gastos de desprazamento e honorarios de escritores), o "Por que Ler aos Clásicos", onde se escolle a alguén que falará dunha obra literaria que poida considerarse clásica en sentido amplo, e tamén se realizará un coloquio.
Haberá que pensalo e haberá que ser serios. Pode ser un bo momento para Galauda, recibir aos escritores galegos en Cataluña para falarlle a ese alumnado que estuda galego, e aos de catalán en Galicia; un camiño de ida e volta, xa que se fan cargo dos desprazamentos  

xoves, 27 de xullo de 2017

Bibliotecas escolares galegas, as mellores da súa clase

                                                                                                         Imaxe de Simón Espinosa
Carmen Villar, en Faro de Vigo, analiza o resultado da estatística do Ministerio de Educación arredor das bibliotecas escolares das diferentes comunidades autónomas. E conclúe que estamos de sorte, neste aspecto si, neste campo seguro!
Comeza: 
Que medio de transporte serve para viaxar a calquera punto do tempo, do espazo e da imaxinación de forma instantánea e ademais, sendo prácticos, consegue que a comprensión lectora mellore en informes como PISA e situar a Galicia por riba da media estatal, europea e da OCDE? A resposta son os libros e en Galicia algúns dos seus fogares, as bibliotecas escolares, son privilexiados en medios e actividade. Dío Educación."
Seguir lendo no enlace ao Faro.

martes, 25 de xullo de 2017

Gonzalo Moure, premio Cervantes chico

Na última convocatoria, o concello de Alcalá de Henares concédelle a Gonzalo Moure, o Cervantes chico.
Habería que comentar que só se concede a  un autor en lingua castelá por toda a súa traxectoria no campo da literatura infantil e/ou xuvenil, polo tanto ningún dos autores nas outras linguas oficiais erá acceso a ese premio, igual que pasa co Cervantes (non chico), como tantas veces ten denunciado Suso de Toro.
Dise que se tiveron en conta os méritos literarios do galardoado, pero tamén criterios como a popularidade e a utilización da súa obra como recurso educativo e didáctico (así aparece en El Comercio).
Non podemos negar que nos alegra esta concesión pola calidade da obra e, tamén, polo compromiso desteautor coa infancia e a lectura como se pode ver no seu apoio incondicional ao Bubisher 
Outros autores premiados son Juan Muñoz 1992), Montserrat del Amo (1993), Gloria Fuertes (1995), Conscha López Narváez (1996), Joan Manuel Gisbert (1997), Jordi Sierra i Fabra (2012), Blue Jeans - Francisco de Paula Fernández (2013), Maite Carranza (2014), César Mallorquí (2015) ou Ana Alcolea (2016).

domingo, 23 de xullo de 2017

Opinións a ter en conta: Juan José Millás

Sobre lectura e escritura, esas dúas caras da mesma moeda, el expón a teoría do preso. Explícao así:
"Hai un preso que tras escavar durante semanas un túnel chega misteriosamente á cela da que saíu, na que agora hai dous furados, un de entrada e outro de saída, apenas separados por dous metros. A lectura é o  túnel polo que saes e a escritura o túnel polo que entras, de volta".
Faino, na súa columna de opinión de El País.

luns, 17 de xullo de 2017

Opinións a ter en conta. María Teresa Andruetto.

Á pregunta: Por que hai nenos máis lectores que outros, María Teresa Andruetto, responde:
-Porque uns nenos foron, nese aspecto, máis privilexiados que outros, xa sexa porque se criaron en contextos con maior acceso aos libros, con modelos lectores a man, con posibilidades de mercar libros ou de asistir a bibliotecas, ou con todo iso xunto. Se iso ou parte diso está, cegase á escola xa cun certo bagaxe lector. Se iso non está, a construción lectora depende só da escola. Un libro é quen de mover unha conciencia, nunca é un simple libro senón un libro potente, poderoso. Iso por una parte. Pola outra, volverse lector é un camiño no que un potencial lector se encontra con outros que xa son lectores, xeralmente con adultos que tenden unha mano ou s dúas mans, e ofrecen libros, bos libros, libros oportunos para os momentos que ese mozo ou moza está vivindo. É parte da educación pública dun país. Daquela non penso en activadores nin fomentadores, senón que penso en mestres lectores capaces de crear condicións para que un rapaz ou unha raza se converta tamén el en lector.