luns, 19 de marzo de 2018

Premios a libros que buscan a igualdade

 
Neste momento, contamos con dous premios de literatura infantil que promoven a igualdade de rapazas e rapaces. Dous premios con cadanseu nome de autor e autora.
O primeiro convocado polo IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos) e o concello de Vilalba coa colaboración de Xerais é o Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, que na súa primeira convocatoria foi acadado por María Reimóndez cunha novela que leva por título Fóra do normal.
O segundo, é o Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, As súas bases están no seguinte enlace. Convocado con motivo do 8 de marzo, emitirá o seu ditame o 25 de xuño. Un premio que recoñece á autora dun dos libros que forma parte da súa colección "Contos da igualdade" co título Xela volveuse vampira.
O feito de que na nosa literatura existen dous premios con esta finalidade fala da preocupación da sociedade por esta temática.

sábado, 17 de marzo de 2018

Coleccións de biografías de mulleres galegas




















Neste momento, no campo do libro infantil galego tamén atopamos coleccións de biografías de mulleres destacables, nese intento por compensar as desigualdade ás que se enfrontan as nenas, a falta de referentes femininos, a escaseza de espellos nos que reflectirse, de modelos aos que tender.
As coleccións de biografías de mulleres destacables como “Mulleres bravas da nosa Historia” de Urco, leva publicados os libros de Maruja Mallo, Rosalía de Castro, Xulia Minguillón e María Victoria Moreno, todos eles ilustrados por Eva Agra pero de diferentes autorías (Elvira Riveiro, María Lado, María Reimóndez e Eli Ríos).
Mulleres galegas” de Lela edicións é outra destas coleccións que recolle biografías Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno e Meiga nova, metade anxo metade marisco.Pequena biografía de Maruja Mallo e se abre a outros campos non artísticos con Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de ErnestinaOtero e Un ronsel de ardora. Pequenabiografía de Ángeles Alvariño.
Ademais das coleccións, debemos citar un par de libros que son fundamentais neste ámbito como a Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Carreiro publicado por Baía ou Pioneiras. Galegas que abrironcamiño de Anaír Rodríguez publicado por Edicións Xerais de Galicia.
Tamén corresponde lembrar as obras para infancia que se publicaron arredor de María Mariño cando se lle dedicaron as Letras Galegas: Cantiga da costureira poeta. María Mariño, A vida secreta de María Mariño, María Mariño. Unha serea en terra e A voz do lago.  Da mesma maneira, este ano asistiremos á publicación de varias biografías sobre a muller das Letras como a de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito.    

mércores, 14 de marzo de 2018

Coleccións de LIXG pola igualdade



 

Aínda que non son da opinión de crear coleccións especiais de literatura infantil para traballar os valores, porque entendo que os valores van implícitos sempre nos textos literarios, sexans consientes ou non autores/as e lectorado, considero que é necesario facer visibles aquelas que existen día de hoxe.  
Todos os títulos son da autoría de  Paloma Rodríguez e Cristina Justo, con ilustracións de Spela Trobc


Contos da igualdade” de Baía Edicións cos títulos Xela volveuse vampira de Fina Casalderrey ilustrado por Noemí López,  Un día de treboada de María de Mata ilustrado por Mariana Riestra Alfombriña de Cristina F.  O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non? e Nera, a ferreira de Imelda Barrio ilustrado por Andrés Meixide.
Descatalogada pero con títulos ben suxerentes (Azul e Rosa, Carlota e o príncipe azul e Roi quere ser mamá) é a colección Lila Lilaina de A Nosa Terra. Tres títulos escritos e debuxados por Ana Pillado Vega pensando en combater estereotipos sobre os roles da muller e o home. 
Para rematar, hai que citar camiños como o de Kalandraka que traduce e edita varios libros do que se dou en chamar na anterior edición española “A favor de las niñas” con títulos como Rosa caramelo, A historia dos bonobos con gafas, Artur e Clementina e Unha feliz catástrofe. 

mércores, 7 de marzo de 2018

Pinterest de homenaxe a Rapazas

Con motivo dos 25 anos da publicación do libro Rapazas de Agustín Fernández Paz, quixen realizar un par de pinterest nos que recoller a mellor literatura infantil e xuvenil galega no tratamento do tema da igualdade de mulleres e homes. Sempre queda algún atrás, sempre hai outros dos que podemos dubidar, pero entre un extremo e outro, hai moito e bo acerca desta temática. E quixen, que nesta semana na que as mulleres imos ir á folga, as mediadoras e os mediadores contaran cun par de ferramentas máis.
Elas son 
e o outro

luns, 5 de marzo de 2018

25 anos de "Rapazas" de Agustín Fernández Paz

Rapazas de Agustín Fernández Paz, é un libro de referencia dentro da literatura xuvenil galega para o tratamento da igualdade de xénero.
Nace, en parte, dun curso que o autor realiza en Barcelona sobre esta temática e que remata presentando un traballo que, no seu caso, se connverte en literatura. De caquera maneira a ningén se lle escapa que Agustín foi un dos autores fundamentais á hora de facer visibles as mulleres dentro da literatura infantil e xuvenil, de presentalas cuns roles pouco ou nada tradicionais e libres de estereotipos sexistas. Ninguén nos tratou con tanto respecto e tanta consideración desde o lado dos homes, un bo traballo sería investigar a proporción de protagonistas mulleres dos seus libros, dos personaxes femininos, dos caracteres deses personaxes, dos papeis activos e asertivos que presentan, de como se converten en heroínas e mostran magníficos modelos nos que poden reflectirse as lectoras.
Para homenaxealo, neste ano no que as mulleres estamos chamadas a unha folga xeral (contra da historia, que diría o poeta) hai que lembrar que o seu libro, Rapazas, está a cumprir un cuarto de século desde a primeira edición. É hora de lelo, de relelo, de dalo a ler.
Unha ficha de lectura, en PDF, está dispoñible na páxina de Xerais.

domingo, 4 de marzo de 2018

Finalistas da III Gala do Libro Galego

ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz Vázquez (Edicións Embora).
Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos (Edicións Xerais de Galicia).
Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Editorial Galaxia).
DIVULGACIÓN
Cociña galega tradicional, de Matilde Felpeto (Edicións Xerais de Galicia).
Os nomes do terror: Galiza 1936, Xosé Álvarez Castro, Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido Couceiro (coordinadores), (Sermos Galiza).
Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
Universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha (Edicións Xerais de Galicia).
NARRATIVA
Abadessa, oí dizer, de varias autoras (Através Editora).
Um elefante no armário, de Teresa Moure (Através Editora).
A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro (Editorial Galaxia).
INFANTIL
A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros, ilustrado por Almudena Aparicio (Edicións Xerais de Galicia).
Bruxa e familia, de Paula Carballeira, ilustrado por Lucía Cobo (Oqueleo).
A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo, ilustrado por Berta Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
XUVENIL
22 segundos, de Eva Mejuto (Edicións Xerais de Galicia).
Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia).
Corredora, de María Reimóndez (Edicións Xerais de Galicia).
Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
LIBRO ILUSTRADO
O branco non pinta!, ilustrado por María Brenn, de Antía Otero (Apiario).
As estrambóticas aventuras do Barón Münchhausen, ilustrado por David Pintor (Bululú Editorial).
A horta de Simón, ilustrado por Rocío Alejandro (Kalandraka Editora).
Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
LIBRO DE BANDA DESEÑADA
Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O Bichero (VII), de Luís Davila (autoedición).
Fóra do mapa, de Emilio Fonseca (Deputación da Coruña).
Licor café. 13 grolos da Nova banda deseñada galega, de varias-os autoras-es (Demo Editorial).
Tonecho, de Xaquín Marín (Editorial Galaxia).
INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Anna Turbau. Galicia, 1975-1979, Anna Turbau (Consello da Cultura Galega).
Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
Colección Biblioteca de Teatro, Chévere (Kalandraka Editora).
Mulleres bravas da nosa historia (Urco Editora).
TRADUCIÓN
A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe, traducido por Isaac Xubín (Edicións Xerais de Galicia).
Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O rapaz que nunca existiu, de Sjon, traducido por Elías Portela (Rinoceronte Editora).
Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob, traducido por Samuel Solleiro (Aira Editorial).
POESÍA
Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
Cervatos, de Lucía Novas (Kalandraka Editora).
Culpable, de Eli Ríos (Edicións Xerais de Galicia).
Na casa da avoa, de Marta Dacosta (Editorial Galaxia).
TEATRO
Marcha fúnebre para un monicreque, de Roi Vidal (Xunta de Galicia/Baía Edicións).
Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Esther Carrodeguas (Editorial Galaxia):
Río Bravo, Chévere (Kalandraka Editora).
Suite Artabria, de Manuel Lourenzo (Edicións Xerais de Galicia).
LIBRO MELLOR EDITADO
Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández Lamas (Edicións Embora).
Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren (Kalandraka Editora).
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS
INICIATIVA CULTURAL OU FOMENTO DA LECTURA
– Biblioteca Neira Vilas de Vigo.
– Chan da Pólvora (proxecto de libraría e edición).
– Clube de lectura feminista Libraría Lila de Lilith / Plataforma de Crítica Literaria A Sega.
– Viñetas desde o Atlántico.
PROXECTO LITERARIO NA REDE
– BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil, https://biosbardia.wordpress.com/
– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/
– Criticalia, de Armando Requeixo, http://armandorequeixo.blogaliza.org/
– Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa, https://galiciaencantada.com/

XORNALISMO CULTURAL
– Ana Romaní
– Daniel Salgado
– Montse Dopico
– Montse Pena Presas

luns, 26 de febreiro de 2018

Transexualidade na LIXG



22 segundos de Eva Mejuto, publicada por Xerais na colección Fóra de xogo.
Demostrar que na literatura infantil e xuvenil galega caben todos os temas e os tabús foron expulsados, é doado, cando nos atopamos con obras como esta. Falar da transexualidade a adolescentes por medio dunha historia pioneira neste campo e facelo desta maneira tan orixinal. 
Un primeiro capítulo no que un narrador omnisciente nos conta que fai a persoa protagonista, como se pon fronte á cámara e grava a súa declaración "Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do meu pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo" Nos 22 segundos que tarda o arquivo en subir á rede vainos contando a modo de capítulos retallos da súa vida, pouco a pouco imos coñecendo a nai, o avó co que mantén unha relación moi especial, a mestra Mari Carme que desde sempre acepta e quere sen xulgar, compañeiros e amigas... o corpo a cambiar, o tempo a pasar  as decisións que xa non poden etrasarse máis porque xa está ben de non verse nun corpo que lle resulta alleo.
"Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación". Pois si, tamén por iso era imprescindible esta obra.