luns, 26 de febreiro de 2018

Transexualidade na LIXG



22 segundos de Eva Mejuto, publicada por Xerais na colección Fóra de xogo.
Demostrar que na literatura infantil e xuvenil galega caben todos os temas e os tabús foron expulsados, é doado, cando nos atopamos con obras como esta. Falar da transexualidade a adolescentes por medio dunha historia pioneira neste campo e facelo desta maneira tan orixinal. 
Un primeiro capítulo no que un narrador omnisciente nos conta que fai a persoa protagonista, como se pon fronte á cámara e grava a súa declaración "Preséntome, chámome Álex e son un mozo transexual. Resulta raro falar sen saber quen está do outro lado, mais, que curioso, estame a ser máis fácil do que pensaba, liberador, mesmo. Abro este Vlog para compartir convosco anacos da miña vida, algúns do meu pasado pero, sobre todo, dos que están por vir: o meu tránsito, a viaxe cara a min mesmo" Nos 22 segundos que tarda o arquivo en subir á rede vainos contando a modo de capítulos retallos da súa vida, pouco a pouco imos coñecendo a nai, o avó co que mantén unha relación moi especial, a mestra Mari Carme que desde sempre acepta e quere sen xulgar, compañeiros e amigas... o corpo a cambiar, o tempo a pasar  as decisións que xa non poden etrasarse máis porque xa está ben de non verse nun corpo que lle resulta alleo.
"Fágoo tamén por se a miña experiencia pode axudar a quen estea a pasar por esta mesma situación". Pois si, tamén por iso era imprescindible esta obra.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario