luns, 26 de febreiro de 2018

Un libro de aventuras e pioneiras



As aventuras de Margaret White. A balada do Solitario de Manuel Moledo con ilustracións de David Fajardo, é unha desas novelas preparadas para a lectura rápida, para animar a entrar nela axudados por unha letra redonda e doada, aire suficiente para non apretar as palabras, bo papel, imaxes evidentes e unha historia case trepidante. Unha novela xuvenl publicada por Contos Estraños.


“A piques de rematar o século XIX, dous bloques, o Imperio e o Eixo Utopista, manteñen o mundo nun precario equilibro que raia na guerra fría”. Trátase, polo tanto dunha ucronía, na que se nos relata unha reconstrución histórica elaborada baseándose en feitos posibles pero que non sucederon así realmente.
Comeza na gran cidade Ferrol – A Coruña (FerCo) na que o detective Alvarado e a súa axudante Margaret White, unha institutriz británica reconvertida en investigadora privada, son contratados para dar caza a un Jack ou sacaúntos que anda a matar mozas. A eles unirase a texana Crazy Lola, unha cazadora de fuxitivos. Un científico compostelán, un príncipe zulú e un lord inglés axudaranlles nesa persecución que terá continuidade en África.
A novela complétase co “Caderno de campo de Margaret White: a viaxe de catro ingleses, dous galegos, unha texana e un zulú ao corazón da África inexplorada”.
Personaxes moi intresantes como esta Margaret White, que se declara aventureira, sufraxista e feminista ou  Dolores Brown unha muller que atravesa continentes perseguindo a un asasino porque o seu oficio e atrapalos.

1 comentario: