sábado, 20 de febreiro de 2021

Libro CD Pakolas Ramona órbita. A dona do tempo

 

Libro CD Pakolas Ramona Órbita. A dona do tempo con ilustracións de Laura Romero, en Sonárbore de Galaxia. Rock and roll para protexer a natureza e viaxar ao longo da historia (si, con maiúsculas). Así se conta na presentación editorial: "Neste novo libro contaremos e cantaremos con ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, posuidora dunha horta cibernética e unha perfeccionada  máquina do tempo. Así levaranos de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores." Paco Cerdeira achega as cancións, os poemas de base e un conto, tamén infomra que podes descargar unidades didácticas e material de traballo para pasalo ben na web da editorial

xoves, 18 de febreiro de 2021

Despois de "Ei, superavó!" chega Superavoa


Ei, superavó! é un libro infantil de Paul MacCartney publicado por Xerais. Agora, da man da mesma editora e do autor e ilustrador David Rodríguez entrégannos Superavoa. As avoas son superheroinas, xa o sabiamos dende sempre, lembróunolo Joseba Muruzábal cando as pintou enormes nas paredes dos edificios, para dar testemuña desta realidade de forma divertida e esaxerada, defendendo que o mantemento do minifundio é cousa de mulleres, dicindo a berros que o rural está feminizado, que elas desenvolven unha mentalidade de traballo e unha forza resistente fóra do normal, que non se xubilan do fouciño; un rural chego de sexaxenarias, septuaxenarias e octoxenarias cunha enerxía descomunal. Agora, dínolo, David Rodríguez, deseñador gráfico de profesión e activista político vocacional, con libros de poesía ou de LIX, ensaio, teatro radiofónico e artigos.

Unha avoa que coida da neta, de todos e da casa, que entende de alimentos e de roupa, que cultiva a horta e ata foi moza dun rei mago... a nena ten medo a que desapareza, pero queda tranquila porque aí vén un irmá e nesas circunstancias a avoa non os pode deixar sós, que sería deles?