domingo, 15 de agosto de 2021

Varios álbumes



A varicela de Laura de Xavier Frías Conde con ilustracións de Enrique Carballeira Malendi publicado por Discursiva. Laura amence con varicela, próelle todo, mentres a nai lle vai buscar unha pomada, aparece un monstro no cuarto. Un monstro cheo de pelos, feroz e disposto a espantar á nena... pero contaxiase, tamén a el lle proe o corpo e cando cehga a nai agáchase debaixo da cama. Coa pomada pasa o picor, e Laura vailla botar tamén ao monstro. Que pasará cando os pille a nai? pois nada! todo é cuestión de facelo pasar por un peluche que se chama Gustavo, os dous xuntos van pasar a varicela, na cama e lendo.

Ensimesmada, escrito e ilustrado por Nanen García Contreras, traducido por Maruxa Zahera e publicado por Bookolia. Unha ilustracións que xogan coa falta de nitidez, coas liñas de cores a modo de garabatos ou con estampados para contar a historia de dona Xulia, unha muller que está sempre no balcón, mirando, ensimesmándose, é dicir, mirando dentro de si. Será un novo veciño que a saúda e lle fai caer na conta de que de estar tanto dentro de si está perdendo todo o que acontece fóra. Reacciona, fará un vestido para a festa e... sucede, que en lugar de mirar para si vai mirar (vas ter que lelo!). Porque igual hai que deixar de estar ensimesmada despois de tanto confinamento...

Elefante choromicas de Xograres e Imbiña. Historia, música e letra de Chema Ares, ilustracións de Iria Ares (Imbiña). Voz e narración: Nati Martínez. Un libro que xoga co deseño, coas letras e as onomatopeas, cos fondos e os planso... O elefante ten fame pero non sabe como coller as follas das árbores, proba coas patas e non o consegue, logo coa cola e tampouco, coas orellas imposible, cos cairos tampouco; daquela, empeza a darlle testadas á árbore para que caian as follas, batía coa testa pero tampouco, nestas enrolouselle sen querer a trompa nunha póla e ao tentar separala arrincouna... e así descubríu como chegar ao alimento. Os intentos ou os espirros cada vez que non o consegue achegan a repetición que funciona tan ben nestas primeiras idades. A través dun código QR ou dunha web accedemos ao conto cantado e tamén ás imaxes para colorear. Un conto que naceu para ser contado e cantado, un conto sobre a constancia.


xoves, 12 de agosto de 2021

Facer dedo dende un álbum ilustrado

 

Facer dedo de Guilherme Karsten, traducido por Xosé Ballesteros

Unha historia rimada e acumulativa. Imos vendo como un vai para a praia no coche coa súa táboa de surf, no camino atopa un mergullador, un super heroe, un caimán, un ladrón, unha policía, unha carapuchiña, un lobo (ao que non paran), un músico… e a roda reventou, así que todos a facer dedo e agardar… e cal é o primeiro coche que chega?  

Unha divertida historia de historias porque nela está carapuchiña e o lobo, o ladrón e a policía e o resto de personaxes que dan para varios libros. 

Merecedor da Mención Hoorífica no Prmeio Internacional SERPA de Álbum Ilustrado (Portugal, 2017) e
Premio Golden Plaque Statue (Eslovaquia, 2019)

mércores, 11 de agosto de 2021

Premio Pura e Doura Vázquez

As historias daOgra Pinta. Un libro de Ánxela Gracián con ilustracións de María Villarino López, XV Premio de Literatura Infantil eXuvenil Pura e Dora Vázquez

É este un premio que non sempre chega ao lectorado para o vai destinado máis alá da provincia de Ourense; esta vez tivemos a sorte de que a propia autora nolo fixo chegar.

Ela, Ánxela, é unha maga das palabras, conta cunha enorme riqueza en vocabulario e sonoridade, en recursos da tradición oral e infantil, en bo facer... de aí que combine marabillosamente a súa labor de escritora coa de tradutora; certamente quen saiba dela quererá que lle pase á nosa lingua as súas creacións.

Neste caso atopamos unha historia difícil na que o encontro duns rapaces coa Ogra Pinta provoca que ela lles conte moitos contos, porque á Ogra non hai que terlle medo a pesares do tamaño, o ruído dos seus pasos con seis zapatóns e do que din os pais; a Ogra séntese soa e quere rapazada á quen facerlles a merenda de chocolate e chulas e, máis que nada, contarlles contos. Moitas veces eses contos quedan anacabados para que sexan eles quen imaxinen a continuación (como sucede co da raposa Cachús que se quere facer fina e ir mercar os polos desplumados á carnicería, a de Xián ao que lle medraron -mentres durmía- unhas ás coas que voa... ), outros rematados que acostuman levar mensaxe (como os da ogra Andrea, o dos trasnos Aín, o da galiña Mixurriña, o da Unicornia Azul, a de Clocir, a nostalxia do brazo perdido, o da palabra que perdeu o Dicionario, o da vaca comellona, o do coxecólogo, o dos estorniños...) e outros que aí quedan... (como o dos mabuses, o da moura da Fonte das Ninfelas, a do paporrubio...); por haber incluso hai un en forma teatral -o das megapartículas-, unha homenaxe a Fréderick o rato poeta, un par de contos contados doutra maneira (como o de Carapuchiña e o parrulo), un conto que trae memoria histórica (“Era entón cando o avó marchaba lonxe coa memoria e Martiño víalle aquela engurra fonda a atravesarlle a fronte. / -Cobras verdes?- preguntara estrañado Martiño. / -Si, vestidas de capas e tricornes que sementaban a morte por onde pasaban. Eu era tan pequeno como es ti hoxe cando levaron a meu pai –continuara o ancián, traendo ao presente lembranzas das que nunca antes Martiño lle oíra falar-. Nunca volveu. Nin sequera hoxe sei onde están os seus ósos. / -Non lle enchas a cabeza ao rapaz con vellos rancores! Reprendera a avoa cun ton doce. / -Muller, alguén terá que lles contar aos que veñen o que pasou!”)  e remata co Dicionario Alicia para que lembremos o valor das palabras e dos contos que non morren; no medio, un conto que atravesa o relato, aquel de Martiño (un dos rapaces das merendas) e o seu avó a quen tanto bota de menos.

sábado, 7 de agosto de 2021

Un par de obras dunha editorial


A estraña visita de Gracia Iglesias e Vicente Cruz, traducido por Ana María Camiño López e publicado por Bululú. Unha historia rimada, acumulativa e repetitiva. A vella fiaba mentres agarda a visita todas as noites, sucede que unha nooite despois de que o moucho ouleou, o vento zoou, o raio escintilou, o trono retumbou, a chuvia caeu, a candea se apagou, a porta se desfechou aparece un home, pero non así, completo, se non que de cada vez van aparecen os pés, as pernas, a barriga, o torso, a cabeza... e ese home horrible deixa que a vella o convenza de que non a coma, limpao e alimentao con boa comida e a vida cambia ata o punto de que o muller vai recibir todas as noites unha visita moi amañadiña que leva na man un ramiño de flores. Unha historia dunha narradora oral que ten todos os seus recursos!

O oso Bomozo de María Isabel Correa e Santiago Luna, traducido por Maruxa Zahera e publicado por Bululú. Unha historia rimada na que vemos o que lle pasa cada día a este oso camareiro; el vai de accidente en episodio e incidente para rematar "Cada momento angustioso / ensinoulle algo valioso / sendo un pouco habilidoso / podes saír vitorioso". Nas gardas, ao lado das fotos, nun adro aparece "Ser gracioso, xeneroso, enxeñoso, valeroso, voluntarioso e amistoso pódete facer fabuloso". E iso, que non podemos desesperar porque con tanto adxectivo algo habemos de lograr!



xoves, 5 de agosto de 2021

Álbumes e máis álbumes

A boneca de cristal de Majo Villar con ilustracións de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. A historia dun soprador de vidro que fai unha boneca para a súa filla de sete anos, na man da boneca unha burbulla a modo de globo. Alí a puxo, no alto dun andel porque é moi fráxil e non quere que rompa, mirándoa vai ir metendo no globo burbulla as ilusións, os desexos e as inquedanzas. Unha historia delicada cunhas ilustracións moi interesantes que beben na cultura máis actual. Para reflexionar sobre a delicadeza e a levidade, para caer na conta de que cada cousa debe ter o seu uso, para valorar os agasallos...

Ra de tres ollos con texto e imaxes de Olga de Dios, publicado por Apila Editora. O álbum está dedicado ás persoas que traballa para defender o planeta e diso vai a historia. Cabezolomedra e convértese na primeira ra de tres ollos. Ve moito lixo, a avoa cóntalle que antes non era así; o ceo está cuberto por unha nube negra e ela descobre que é de fume da contaminación; busca a orixe da nube e atopa a fábrica que non para de producir miles de obxectos que son consumidos excesivamente seguindo a consigna de usar e tirar. Vai ter que buscar unha solución e non dubidedes en que a vai atopar, porque todo se pode solucionar cando poñemos o empeño e o sentido común en xogo. Un libro que nos fará pensar no medio ambiente e no consumo.


martes, 3 de agosto de 2021

Como se di?

Como se di? de Lawrence Schimel e Thiago Lopes publicado na colección Verdemar de Alvarellos editora.   

Dise na presentación editorial: Os mesmos autores de Queres ler un libro comigo? tráenos agora esta nova proposta: Como se di?, un conto que convida a participar activamente aos nosos primeiros lectores e lectoras. "Se lle tes que pedir permiso ao rei para xogar no labirinto do seu castelo, como se di? E cando os avós che traen un agasallo da súa viaxe a Exipto, como se di? Un conto cheo de imaxes fantásticas e nas que expresións como «por favor» ou «grazas» son a chave para viaxar coa imaxinación." 

O primeiro que nos chama a atención é onde está situada a historia e quen e como son os personaxes. Estamos o trópico. O segundo que nos reclama é que se trata dunha unha familia monoparental (semella) cun pai a unha filla (non se fala de ningunha nai e quen aparece son os avós que os visitan despois dunha viaxe a Exipto). O terceiro son as varias referencias ao libro anterior destes mesmos autores: Queres ler un libro comigo?... de todas as maneiras posibles. A idea é xenial, a mellor forma de facerlles caer na conta de cando utilizar certas fórmulas que van máis alá da cortesía; a cada pregunta unha resposta. Os elementos que aparecen falan do pasado e do futuro, do real e do imaxinado e tamén, como non? aparece a sorpresa, porque... "E cando che leron o teu libro favorito, como se di? Como que "lemo de novo"? Vale. De acordo. Pero antes, co se di? 

Comezo e remate con esa nena na cama e ese pai léndolle un conto (xa sabedes cal). Un libro moi ben pensado, por parte duns autores que saben o que traen entre mans, e dun editor que sabe escoller que traducir e publicar.





 

 

Marusa e Mariña camiñan a Compostela de Iago López e Macus Romero, publicado por Xerais. Ilustracións gustosas de animais vestidos de peregrinos que andan facendo o camiño. Un problema: rachan as cordas do botafumeiro e mandn chamar a Mariña e Maroso (unha toupiña e un oso que son especialistas nestes materiais), mentres se preparan e van camiñando cara a Compostela van explicando todo o que necesitamos saber sobre esta ruta e a súa simboloxía; polo camiño atopan ao raposo recollendo lixo e iso vai servir para traballar o contido medio ambiental. Posiblemente responda ao Xacobeo e todo o que arredor del está a saír...

domingo, 1 de agosto de 2021

Poesía e nomes

Nomes é a última entrega de Xoán Carlos Domínguez Alberte que aparece cunhas ilustracións moi acaídas e que non aforran esforzos nin espazos (como igual debería ser nos libros de poesía) de Ana G. Buhigas. Está na colección Árbore de Galaxia e dirixidas a lectorado a partir de dez anos. O comezo da Portaleira: "Son dun país pequeno /cheo de nomes grandes" condúcenos aos versos finais: "Son dun país moi grande / cheo de nomes pequenos / pintados de verde". O país pode ser realmente pequeno ou grande pero ter ten moitos nomes, toponimia e microtoponimia que é unha riqueza a piques de perderse, coma a lingua na que se crearon. Porque somos herdeiros á forza (como xa se ten dito dende o propio título dun libro: Herdeiros pola forza de Gago e Ayán) o poeta fala de herdade con estas palabras: "Hai unha terra de cultivo / que nós chamamos herdade / dada dende o pasado / que herdamos dos familiares / e nela imos plantar / sementes que logo nacen." 

Na contracuberta, un poema de agasallo: "Nomes para coñecernos. / Nomes para soñares. / Nomes para vivirmos./ O noso mundo está cheo de Nomes. / Nomes para que non se perdan. / Nomes para non nos perder nós."