martes, 21 de setembro de 2021

Da poesía á narrativa

Carlos Negro, o poeta, acaba de publicar un libro de relatos de medo na colección Fóra de xogo, Non cantan paxaros neste bosque. Malo que non o fagan, porque cando os paxaros calan... faise presente o misterio.

O autor coñece aos adolescentes, ao lectorado mozo, por iso foi quen de publicar os libros de poemas que embarcaron a moitos e moitas delas na poesía; unha poesía con contido (sempre o ten, non?) pero tamén cunha temática e uns valores que resultan de imprescindible tratamento nesas idades (e noutras). Esconxuros e mortos, cheiros fétidos que traen o que non quixeramos coñecer, casas embruxadas ou que cargan cunha desgraza ao lombo, xogos habitados por malignos, voces que nos chaman dende o máis alá, outras realidades que de pronto se atopan coa nosa, o acoso sempre presente, casas de indianos cos seus segredos traídos de afastadas terras, enerxías e forzas  coas que é mellor non toparse, mortos que non queren irse sós, animais que nos pasan de producir asco a asustar, mulleres apoiándose a través dos séculos...no alén visitándonos ou, máis ben, aqueles que non dan pasado do aquén ao máis alá e o relato continúa.

domingo, 19 de setembro de 2021

De cando as novas de prensa se converten en novelas

A pintora libertaria vai diso, dunha exposición que foi noticia porque houbo unha denuncia acerca da autenticidade da autoría dos cadros que se presentaban baixo a sinatura de Maruja Mallo. Ela é esa pintora. A exposición, ese feito controvertido, pasa á ficción para mesturar política municipal, construtores amigos que se converten en coleccionistas, profesores de arte que quedan en entredito, falsificación de obras de arte, a educación columpiándose en terras movedizas e os que sempre ganan... ganando unha vez máis, nun final absolutamente xenial que nos abre a precipicios moi preocupantes pero que sempre deben estar na liña do horizonte, porque a ética hai tempo que anda perdida nun bosque cheo de alimañas.

Pasar da realidade á ficción, da noticia ao relato, de Vila do Pazo a un nome recoñecido. E facelo por medio dunha novela xuvenil no mellor estilo best seller. Pegada á actualidade a obra lévanos a relacionar o que sabemos co que Pepe Carballude creou, nomes e feitos, aconteceres. A vida municipal  e as súas miserias, o constrtutor amigo que semella mover os fíos e incluso aos políticos coma monifates, as técnicas de cultura en terra de ninguén querendo salvar non se sabe o qué no naufraxio. A vida matrimonial cando dous non discuten se hai algo que os une que non é amor, e esa forma de darlle voltas á noria para salir ganando sempre, para que podan perder todos pero non eles... porque son intocables.

Si, teremos que pasar por unha novela xuvenil para facer inmersión na realidade crítica e na actualidade máis próxima. Algo fala isto da literatura destinada a esta franxa de idade e do acerto de Galaxia publicándoa.

xoves, 16 de setembro de 2021

De veciños e igualdade

 

 

Os meus veciños de Susana Peix e Jordi Sunyer, traducido por Iolanda Mato para Triqueta Verde. Unhas ilustracións moi limpas e precisas cando reflicten o mundo dos obxectos, edificios e decoración mentres que as figuras buscan darlle unha personalidade que as deforma... O texto moi bo, cunha resolución final que -sorprenda ou non- está moi lograda, porque o neno nos vai levando polas súas impresións e dúbidas, o que observa e o que sabe.

Ía e Fran son os meus veciños, e creo que están namorados.

Con esta afirmación comeza unha historia que fala do AMOR en maiúsculas, do namoramento entre dúas persoas en toda a súa esencia, desde a visión da súa protagonista: unha nena que observa como os seus veciños se agarran das mans cando van pola rúa, como se fan garatuxas de namorados…

Un relato que nos mostra a naturalidade coa que os nenos e as nenas ven o mundo.

 

xoves, 26 de agosto de 2021

Un álbum de Paula Carballeira

 

Un fermoso ovo branco de Paula Carballeira con ilustracións de Miguel Cerro, publicado por Triqueta Verde editora. Leamos: "Esa mañá, as bombas deixarond e caer. Ao principio, a xente quedou desconcertada, como se lles faltase algo, coa sensación de que soñaban. Despois, as persoas máis valentes puxeron un pé na rúa. Evidentemente, as nenas e os nenos puxeron na rúa os dous pés. Miraron cara arriba. Había nubes pero ningún avión no ceo, só ronseis. Notaron as cóxegas do peor dos medos, o medo ao silencio" Unha historia arredor da guerra, pero sobre todo acerca de como hai que introducir o cotián fronte aos uniformes, deixar que as galiñas cacarean e poñan ovos ata dentro dos cascos, traer a risa para acabar co drama... e, sobre todo, permitir que a vida se abra paso.

Despois de aquel outro álbum, tamén coa guerra como núcleo duro, agora esta outra historia, cunhas ilustracións duras case xeométricas nas que só a galiña e ese ovo teñen cores claras.

martes, 24 de agosto de 2021

Dunha editora

 


O misterioso sorriso de Lucas con texto de Carmen Gil e ilusyracións de Silvia Álvarez, traducido por Iolanda Mato.

Da presentación editorial: "Nunha cidade afastada, alá onde nacen os ecos e caen as estrelas fugaces, ten lugar un misterio máis grande que un campo de margaridas ou que un ceo sen nubes. É o misterio do sorriso de Lucas, que se debuxa na súa cara de día e de noite, no verán e no inverno, os 365 días do ano. Bo, 366 osbisiestos. Científicos de todo o mundo acoden a estudar o fenómeno sen éxito. Cal será a causa de tan luminosa e enigmático sorriso? Quen conseguirá por fin desvelar o secreto marabilloso que se esconde tras ela?"

É moi doado, moito: ese sorriso nace de compartir, de lerlle a outro, de recoller a súa risa e levala ao corazón para poder ver a parte bonita de todo o que sucede. O sorriso vén de compartir tempo cos outros, cos avós que no seu sorriso mostran a experiencia e o amor á vida. Unhas ilustracións plenas de ceras, con cores e figuras tropicais, que van deixando pasar polas páxinas a Lucas sorrindo.

A troglodita de Paula Merlán con ilustracións de Gómez e tradución de Iolanda Mato. Estamos na prehistoria, polo tanto as palabras terán que ser as axeitadas. Unha parella, ela pinta, ve que precisan pintores para covas e presenta o currículum e acéptana... como o traballo queda lonxe terán que mudarse, el está encantado, quedará facendo o traballo doméstico mentres ela se converte nunha muralista.

luns, 23 de agosto de 2021

Máis álbumes


O camiño de Marisa Núñez e Mariona Cabassa, publicado por OQO. Unha obra poética arredor do camiño, na que se fala dos tipos de camiños, do que percibes cando estás en ruta, o que atopas nel, a xente con quen vas ou deixas de ir, o que sentes, o que dá o camiño, as persoas que o camiñaron antes ca ti, as preguntas acerca do que hai no final. Nas ilustracións o camiño, pero tamén, sempre presente a casa que podes ver á beira do camiño pero tamén ás costas do rapaz protagonista na mochila, a casa na lembranza ou servíndolle de asiento pero tamén de amiga á que abrazarse. Un texto lírico que vai ao pé dunhas ilustracións que nos achegan unha lectura marabillosa que pon en relción o camiño coa casa, o que deixas e por onde vas, o de fóra e o de dentro.

Sen rastro do gato de Juha Virta & Marika Maijala, publicado por Hércules edicións. Da presentaicón editorial: "Filippa, o Asno Antero e o gato Durmiñón do libro Piano á fuga embárcanse nunha nova aventura. Van a un parque de atraccións cunha sala de espellos, montañas de tortitas e un espectáculo de maxia. Alí atópanse co axudante da maga, Coello, que ten un gran problema: A maga desapareceu! Filippa, os seus amigos e Coello únense para substituír á maga no espectáculo de maxia, pero o truco de desaparición é tan bo que fai que o gato Durmiñón tamén desapareza. Atoparano a el e á maga antes de que termine o espectáculo de maxia?


 



martes, 17 de agosto de 2021

Unha serie: Roger e o misterio...

 


 Triqueta Verde publica esta serie de Roger, un rato detective. Dous títulos: Roger e o misterio do escaravello de ouro, Roger e o misterio  das manchas, Roger e o misterio da voz do papagaio de Juan Carlos Román con David Lorenzo nas ilustracións. 

Hai tanto traballo... porque tan pronto lle desaparecen as manchas á vaca como o papayaio perde a voz ou alguén rouba ese escaravello de ouro no museo das mascotas co Cairo. Porque tamén os máis pequenos poden "colgarse" dunha serie, incluso de detectives!

Unha ilustracións moi chamativas que crean sensación de movemento.