luns, 9 de outubro de 2023

Un libro divulgativo

Pícache a curiosidade? de María Canosa e Ro Ledesma, está publicado por Edicións do Cumio e preséntase así: "O queixo procede dun líquido, o cacao dunha semente, o algodón obtense dunha planta e a la dun animal. Tanto o queixo, como o chocolate ou a la, poden viaxar nun avión, pero tamén fan viaxes polo mundo a auga e a electricidade. E a túa mente... ata onde é capaz de viaxar?

Din que o mellor das viaxes non é o destino, senón o propio camiño. Velaquí un libro no que descubrirás a andaina que el mesmo fixo para chegar ata ti, pero non só iso, senón que tamén te guiará na viaxe de obxectos, materias ou enerxías que habitan ao teu redor. Quizais non sexas consciente de cantas travesías marabillosas acompañas. Queres descubrilas? Non necesitas cinto de seguridade para esta viaxe, nada máis que unha mente inqueda que che permita descubrir a orixe das cousas."

Interesante, non? Un percorrido pola auga e a luz, a electricidade, a lan, o mel, o chocolate, os avións, as tormentas, os libros, o ouro, o noso corpo, o cerebro ou os tres RRR da sustentabilidade. Entender o funcionamento de todo canto utilizamos ou nos rodea é a finalidade deste libro, axudar a resolver as dúbidas: como viaxa a información polo noso corpo, como se fan os lingotes de ouro, por que se producen as tormentas, como pode voar un avión sen mover as ás, de onde sae a auga que utilizamos ou como chega a auga ás billas das casas ou a onde vai a auga dos baños... algo de todo e a promesa de continuar.

mércores, 4 de outubro de 2023

Dúas novelas xuvenís en Costa Oeste


Dúas novelas xuvenís na colección Costa Oeste de Galaxia.

A dona de Auria de Andrés Pombo Graña, que vén sendo a continuación da novela O segredo das Burgas, seguindo as aventuras do medio-demo Ciprianillo -Cip para os amigos-, a meiga Landelina
e a súa mestra (a meiga de meigas), dona Ádega. 

Meigas boas que coa axuda de Cip (o mangallón) e Rañacastañas (o demachiño) andan a investigar un caso de desfeitas no edificio Simeón causado por trasnos, e que os levará ao Ourense das sombras e ao encontro con todo tipo de seres de encantamento, obxectos máxicos, galiñas e pitos de ouro... todo relacionado cun antigo mal que está a piques de retornar.  

Ourense como espazo máxico e a Galicia encantada coas súas lendas percorréndoa.

Miss Antropía de Fernando Castro Paredes que se presenta así: "Noe está anoxada co mundo. Non encaixa. Todo se esboroou tras a morte do pai e séntese atrapada e sen horizontes. Odia a súa nai. Odia canto a rodea. A súa furia interior acaba envorcándose na creación dun perfil falso nas redes sociais: “Miss Antropía”, no que inventa a vida dunha rapaza que está morrendo de cancro.
A nai de Noe decide mudarse. Un cambio radical. Un novo comezo. Calquera cousa que permita fuxir dos erros do pasado e reconstruír unha existencia feita anacos. Pero a vida da rapaza non cambia. A mesma soidade. A mesma rabia.
De pronto, na nova casa, os soños de Noe comezan a poboarse de persoas ás que non coñece, de mortos, de situacións violentas que non acaba de entender. Emprenderá unha investigación para dilucidar se hai algo de real neses soños ou se dunha vez por todas se volveu tola, como moitos lle din que está.
O que descubrirá será algo terrible, que a cambiará para sempre e que a axudará a atopar o seu lugar no mundo."

Unha historia contada por narradores múltiples que a fan avanzar achegando outras miradas ao relato da protagonista. Pola novela van pasando diferentes temas como a adolescencia, suicidio, acoso, relacións familiares complicadas, amores tóxicos, homosexualidade, centros educativos, profesorado e a súa profesionalidade, outra visión das mulleres...

luns, 2 de outubro de 2023

Divulgación científica. Neuroloxía.

A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de non ficción, de información, de coñecemento, de divulgación... Está escrito por Paula Rivas Ramírez, unha neurocientífica, e ilustrado por Iago Araújo, publicado na colección Seica de Xerais.

Así se presenta: "A medio camiño entre a ficción e a divulgación, A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de contidos científicos para aprender gozando da lectura. Durante unha excursión a un instituto de investigación en neurociencia, a protagonista desta historia pérdese dos seus compañeiros e coñece uns ratiños científicos que lle explican como funcionan o cerebro e o sistema nervioso, e tamén que son as neuronas e como percibimos as cousas a través dos sentidos. Pouco a pouco, Antía vai descubrindo que detrás dos ratiños hai nomes de científicos famosos (Santiago Ramón y Cajal, Alois Alzheimer, James Parkinson e Margarita Salas) e vive unha experiencia extraordinaria." Todo isto mentres o seu grupo se está entrevistando con Xurxo Mariño. Personaxes de verdade na ficción, científicos convertidos en ratiños... E a dúbida: vai máis alá dunha boa lección nun libro de ciencias? é suficiente ou este tipo de libros deben dar outro salto máis?

Agradecemos a Xerais que publique estes libros tan necesarios en galego e animamos a continuar por este camiño.

xoves, 28 de setembro de 2023

De Ricardo Alcántara e Gusti

A bruxa divertida de Ricardo Alcántara e Gusti está traducida por Xosé Ballesteros e publicada en Kalandraka.

Así se presenta:"Esta bruxa divertida chámase Rosalía, xoga de noite e dorme de día. Vive nun castelo encantado e viaxa polo mundo na súa vasoira voadora facendo e desfacendo feitizos e encantamentos. Ata que unha misteriosa voz interrompe a súa faena. Quen será? 

Regresa o tándem Alcántara e Gusti con outro divertido acartonado para prelectores ideal para compartir en voz alta. A letra maiúscula e o texto rítmico e rimado convérteno nun título perfecto para dar os primeiros pasos na lectura autónoma"

Agora que están tan de moda as bruxas que aparecen mil e unha serie de bruxas e bruxiñas, temos nas mans un magnífico título, en cartón, que utiliza unicamente as letras maiúsculas para contarnos en estupendos pareados esta historia de empoderamento e convivencia, de maiores e menores... coa chispa que caracteriza a estes creadores.

venres, 22 de setembro de 2023

Edgar Allan Poe e Fernando Mircala

Edgar Allan Poe e Fernando Mircala asinan Versos para Musas e catro contos. O clásico de misterio é revisitado por Mircala para introducir as súas interpretacións visuais realizadas por medio de esculturas de papel. É Bululú quen publica despois de traducir a obra coa axuda de Maruxa Zaera. 

Estamos ante unha versión moi interesante. Da presentación editorial: "Unha das escasas traducións ao galego de catro dos contos máis clásicos dun clásico da literatura universal e, por vez primeira, unha completa e coidada escolma da súa poesía romántica.
Dous artistas unidos a través do espazo e do tempo neste libro; co amor, a ausencia e a morte como nexo e razón para que Fernando Mircala seleccione e ilustre unha vintena de versos e algúns contos de Edgar Allan Poe.
Annabel Lee, Helen, Marie Louise Shew… son versos sobre mulleres ausentes, sobre musas, que mostran non só a profunda dor do seu autor pola perda, senón a súa visión romántica da muller e o amor.
Se Poe non existise habería que inventalo para que Mircala nos puidese ofrecer este libro"  

Lembremos que podemos escoitar algúns dos contos de Poe, en galego, na voz de Pepe Sendón, na páxina da SELIC, na colección Liñas Paralelas, na sección audiolibros á que se pode acceder directamente na web. Polo tanto, podemos agasallar o libro e a información para continuar escoitando a Poe.

mércores, 20 de setembro de 2023

O primeiro libro infantil de Pilar Pallarés

Unha boa gatucada! O primeiro libro infantil de Pilar Pallarés, un libro de poemas ao redor dos gatos que pasan pola casa da voz que conta.

Así o presenta a editorial Baía: "Poemario de Pilar Pallarés, dirixido ao mundo infantil e ilustrado con distintas técnicas por Ana Pillado e Gaila González, a través do cal fai unha chamada a saborear a vida e a gozar da compañía con outras especies. Unha boa gatucada! é unha obra construída para o divertimento por tres mulleres que aman a poesía, a plástica, a vida... e o mundo felino." 

A súa sinopse di: "Onde manda gata vella, que é o que pode un mangallón? Ela chámase Ofelia e veu do monte (un anaco de campo entre altos edificios); el é Leo, o que sempre quere ser protagonista, que para algo é un macho alfa! Comparten piso con Romi, un fan de David Bowie, e coa Maga, unha siamesa xoldeante. Ah!, e cunha humana bastantes riquiña, aínda que un pouco maniática e sosa, como adoitan os humanos ao medraren.

Saiba a fresa ou a sardiña, /a queixo ou a hamburguesa, / o mundo sabe tan ben."

Nai e filla ilustrando un poemario a catro mans. Traballando con diferentes técnicas, xogando co colaxe dunha maneira moi creativa. 

mércores, 13 de setembro de 2023

Tartaruga vs. Lebre. O desquite

Tartaruga vs. Lebre. O desquite de David Pintor, publicado por Kalandraka. O ilustrador anda revisitando historias, achegando novas versión unicamente na ilustración ou tamén no texto, como sucede neste caso. 

A primeira vez que fan unha carreira, a lebre perde por exceso de confianza, bota unha soneca porque lle sobra tempo e cando chega á meta, alí está a tartaruga. "Quero un desquite" dille á tartaruga e ela contesta "Vale! Por que non?". Daquela, a tartaruga chega antes unha e outra vez (porque vai en vehículo e cambiando dun a outro conforme a lebre lle di que non vale así: en avión, en coche, en bici, en barco, no lombo dun guepardo... e incluso enganándoa coa súa irmá que, non sabemos se é xemelga ou que a lebre non distingue entre unha e outra tartaruga. Da perseveranza á astucia.