sábado, 6 de abril de 2024

Familias diversas. Un novo álbum

Agradecemos os novos libros nos que se recolle a realidade doutras familias que non responden ao estereotipo tradicional, porque normalizan situacións. Este é un deles, Faro e o seu día importante de Alfredo Blanco Martínez e Ana Santiso, publicado por Galaxia. 

O día importante é aquel no que o neno debe falar en público. A vez anterior non foi quen de facelo (alguén se reu del e quedou mudo) por iso agora todos lle axudan a conseguilo, con apertas superpoderes, prestándolle os seus talismáns. Vaise axudar de carteis para falar del e da súa familia. Un aplauso e o silencio posterior recíbeno e comeza. Seus pais, Alberte e Alexandre, fóronos buscar a el aa seu irmán Ero a unha cidade afastada, cando chegaron á casa atoparon tres gatiños... e así vai contando e presentanndo a cada membro da familia, así sabemos que Ero ten un implante coclear para poder escoitalo todo ou que el ten ese nome que significa luz porque seus pais namoráronse fronte á illa de Faro. Mentres el fala, os compañeiros van intervindo e entrando na historia, tal e como fai sempre a rapazada. De pronto, na última folla descubrimos que foi un soño e aínda está por vivir ese día, nós tamén agardamos (coma Faro) que sexa perfecto. Ben o merece!

Por parte da ilustradora, unha serie de caras sen definición semellan achegar ese anonimato dos lugares que compartimos.

mércores, 3 de abril de 2024

Dous álbumes de Galaxia: a continuación dun novo formato

Os dez animais de Antón Cortizas Amado con ilustracións de Lidia Nokonoko está publicado na editorial Galaxia, xustamente na colección de álbum ilustrado de pastas blandas. As ilustracións son fantásticas, tal como nos ten acostumadas esta creadora, un luxo! Os textos, son unha enumeración de animais: un galo, dúas vacas, tres cabalos, catro ovellas, cinco cans, seis cabras, sete gatos, oito porcos, nove gansos e dez abellas; todos eles presentados a base de pareados e cunha historia que se entende ao final cando todo adquire sentido. Así se reume na contracuberta: "Cantos dedos tes nas mans? / Cóntaos ben e saberás./ E como é mellor contalos? / Coa axuda duns animais / que de camiño que os contas / un conto che contarán; / mais ten coidadiño ao final...

Quedades avisados!

O outro álbum é Lagarta, lagarta! de Elvira Riveiro ilustrado por Sofía Venzell. Anunciase así: "LECTURA ANVERSO/REVESO. A través dunhas impactantes imaxes, poderedes ler esta obra dende o principio ou o final, onde a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Unha proposta necesaria que, a través do talento de Elvira Ribeiro e Sofía Venzel, fai valer a voz e a liberdade feminina".

Unha fórmula que xa tiñamos atopado en obras como O robot que tiña medo dos nenos / O neno que tiña medo dos robots e algunha outra obra, e que acada sentido cando acae. Unha moza e unha lagarta. Hai quen lles chama lagarta a cada unha delas. Elas acaban preguntando "Lagarta?" para contestar "Noooon!:Lagarta, lagarta!" E dino a un tempo, elas, as bichas pouco mandadas. Xogando con poucas cores, a ilustradora fai un traballo ben interesante dende as cubertas, as gardas e todas as ilustracións cogando co verde, o negro e o amarelo.

martes, 2 de abril de 2024

Un par de libros divulgativos que fan serie

"As descubertas de Súper Mi", presenta, na actualidade dous títulos en galego aínda que a tradución asusta un pouco. Vexamos o texto que aparece na contraportada: "Chámome Minúsculo e, aínda que non vos son moi grande, o mundo que nos envolta non ten nin un segredo do que eu non saiba. Transfórmome en Super Mi para partir descubrilo"

Autorías: Cee Cee Mia do texto, Julie Lacomte das ilustracións e Bruno Martínez Pita da tradución; están publicados pola editorial Embora.

Os seus títulos Descubramos o corpo e Descubramos o océano, sempre guiados polo neno e axudado por unhas ilustracións moi claras que colaboran, e non pouco, coa explicación e comprensión dos contidos.

De libros e bibliotecas, de memoria histórica e franquismo.

A ladroa da biblioteca de Meirás de Eva Mejuto resultou finalista do Premio Jules Verne e agora ve a luz  na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Un argumento anclado na historia do franquismo, na residencia de verán que certos prefostes agasallaron ao caudillo a conta do pobo. Un pazo que foi de Emilia Pardo Bazán (pasar da nobleza ao militarismo, da cultura á soberbia), unha das mellores bibliotecas da época situada na torre da Quimera, unha nena na fronteira da idade roubando libros nun dos lugares máis perigosos do mundo para universos aos que fuxir e para vingar o roubo da casa e as terras da súa familia. Polo medio os ovos de Meirás, as señoritas da Coruña buscando un lugar de privilexio ao lado de donacarme, un rapaz que descobre a súa homosexualidade e quere vivir libre, a amizade como táboa de salvación, a guerrilla cunha tía fuxida no monte loitando por un futuro digno para as próximas xeracións, unha filla de solteira, unha familia marcada polo seu republicanismo, as Misións Pedagóxicas, a biblioteca da Escola Labrega, a Sección Feminina, o mundo do revés co onte adiantado ao hoxe, co tempo parado nos reloxios e marcha atrás, os atentados contra o ditador que nunca chegaron a lograrse ata morrer de morte natural na súa cama, a arte (música e literatura) salvando aos espíritos presos... A memoria histórica, o amor polos libros, a reivindicación feminista, a homosexualidade, a parte histórica de como lle entregan o pazo, das visitas dos Franco, das idas a Santiago, a referencia ao libro de Suso de Toro e Baltar nese atentado e cámara de fotos, esa donacarme collares á que temían tando coma ao ditador, de como conseguiron Meirás, de como lles facían dar donativos aos que nada tiñan...

luns, 1 de abril de 2024

Libros de viaxe para infancia, tamén


Dous libros: Grandes cidades, pequenos viaxeiros. Nova York e Grandes cidades, pequenos viaxeiros.Londres. Un subtítulo: Elixe a túa propia ruta pola cidade de Londres e pola gran mazá.

Dúas mulleres: Beth Beckman (editora e fundadora do sitio web Little Kid, Big City. Ofrece recomendacións de viaxes e actividaes na súa conta de Instagram) e Holley Maher (deseñadora de papelería que permanece detrás de Wink Wink Paper Co., ademáis de ser compositora e artista musical).

Tradución de Maruxa Zahera nos libros que presentan: apuntamentos para antes de comezar a viaxe, capítulos con cada unha das aventuras que aparecen no índice e un mapa final. Publicados por Bululú.  

Na presentación editorial dise que nas obras se combina o formato de guía de viaxe cunha serie de propostas interactivas que nos transportarán ás cidades máis espectaculares do mundo. É cousa de probar!

domingo, 31 de marzo de 2024

Fab. O monstro amarelo, outra novidade de Kalandraka

Da presentación editorial  e de colleita propia:

Fab, o monstro amarelo, ergueuse un día cunha terrible dor de cabeza, unha dor que non se ía lavando a cara, facendo exercicio, deitándose á sombra dunha árbore, tomando unhas herbas, co remedio da avoa , atando a cabeza cun pano na testas, facéndose cóxegas ou cantando. No podía con el, non sabía que facer... ata que un seu amigo lle pide axuda. Daquela pon tanto empeño a sacalo do apuro no que estaba o pequeno Fib que esquece a dor de cabeza.  Porque igual a mellor maneira de esquecer a preocupacións propias é axudando aos demais nas súas adversidades, porque igual os nosos problemas non son tan graves coma os dos demais e debenos saber postergalos, porque non hai nada mellor que ter algo entre mans para non acordarse desa pequena dor que nos molesta algunha vez...

Unha historia sinxela, contada con poucas palabras e unhas ilustracións amables e moi expresivas que, con poucos trazos nos guían polo día da dor de cabeza de Fab.

A autra, Carmen Solé dedica o álbum "A David McKee e a todos os seus monstros". O creador de Elmer, desaparecido neste 2022 era un verdadeiro mestre nesa difícil arte de traballar cunha sinxeleza só aparente.

sábado, 30 de marzo de 2024

De Kalandraka: "O comedor da avoa"

 

"O comedor da avoa" de Pilar Hurtado con ilustracións de Luísa Rivera, na colección Maremar de Kalandraka.

Da presentación editorial: "Ata non hai tanto tempo os xantares familiares eran acontecementos importantes nos que á memoria familiar se unía o desfrute de diferentes manxares. O cambio da mesa dos nenos ao espazo reservado aos adultos era unha circunstancia que, dalgunha maneira, marcaba o paso á idade adulta. O comedor da avoa trasládanos a eses instantes e proponnos unha viaxe gastronómica polo mund a través dos seus olores e os seus sabores. Un fermoso conto, cuxo apéndice final recoll algúns dos pratos máis representativos de diferentes países e culturas: linguado á meunière de Francia, risotto de Italia, curry da India, ceviche mixto do Perú, pad thai de Tailandia, enchiladas de México, fideuáde do Mediterráneo, mote con "huesillos" de Chile e ramen do Xapón". 

A autora é especialista no tema culinario así que xogamos en campo amigo. A min, persoalmente, o que máis me gusta é ese momento no que cada un dos pequenos atravesa a fronteira, pasando a comer na mesa dos grandes e, polo tanto, nas cadeiras vermellas. Nese momento, sobre elas, senten que levitan e voan aos lugares onde están os produtos e as especialidades gastronómicas que van comer. De aí a viaxe polo mundo, e de fondo, as reunións familiares ao redor dos pratos da avoa, ese xantar que diferencia o domingo de calquera outro día. Na atmosfera a multiculturalidade, ese viaxar tamén co paladar polas diferentes culturas e lugares.