martes, 13 de agosto de 2024

O sombreiro de Murga na Casa de Rosalía

O sombreiro de Murga na Casa de Rosalía. Todo comeza cando percorres a Casa da Matanza e nunha das salas aparece o sombreiro de copa de Manuel Murguía, o guía fala do home de Rosalía, do seu tamaño real e simbólico. Cando a visita remata e estás saíndo, na tenda aparece o libro que se presenta así: "Murguía era pequeno, tan pequeno, que os amigos lle chamaban Murga, “o rato”. Cando veñades, os máis cativos, á Casa de Rosalía na Matanza, tendes que saber que no cuarto de enriba, no sobrado, deibaixo do sombreiro de copa de Murguía, efectivamente, vive un rato…" Da autoría de Manuel Lorenzo Baleirón, está ilustrado por Bea Gregores e conta cunha segunda parte, a modo de obra informativa chamada "A hucha de Murga" na que se fala de distintos elementos relacionados co lugar: presçéntase a Casa de Rosalía no pasado e na actualidade, a chisteira negra de Murguía cedida pola RAG, o xardín da casa con diferentes árbores (carballo -unha tropeza do de Guernika), figueira, camelios, loureiro, árbore do coral,  ombñu...), o pote do caldo (para facer o caldo de gloria), a casa representada na cerámica Celta), as fotos, os compañeiros de viaxe (Vicetto, Pondal, Aguirre, Chao...), os libros (Cantares e Follas), o cuarto dende o que se ve o mar, as pinturas de Ovidio (o fillo da Xeración Doente), o piano e as referencias aos lugares ("Como miudiño chove") e aos barcos ("Inchadiña branca vela").

O rato, que vive na chisteira recibe o nome de Murga (seica tamén chamaban así os amigos a Murguía) e sae polas noites para percorrer os lugares da casa e os de fóra, creando misterios que só el sabe resolver.

Unha obra entre a ficción e a realidade, entre a verdade novelada e os animaliños sempre próximos ás crianzas.

Conta cunha guía de lectura elaborada por Pilar Ponte. 

domingo, 11 de agosto de 2024

Volve un autor sempre agardado

 

Marcos Calveiro tennos proporcionado páxinas de moi boa literatura. É certo que se trata dun autor con tempos de creatividade case obsesiva e outros de tranquilidade, por iso nos aleda atopar unha nova publicación: Un verán en Flamia, con ilustracións de Xiana Teimoy, publicado en Ala Delta de Tambre.

Este verán Uxío está castigado, en vez de viaxar cos seus ao parque temático (o que sexa), debe asistir a un campamento nunha illa, vai tan rabioso que vai ser difícil a integración. Gravar unha pelexa co móbil, aínda que sexa simulada, e enviala ás redes sociais, debe ser sancionado e menos mal que hai familias que o fan. Aí descobre unha vella factoría de baleas a onde as levaban para descuartizar despois de cazalas, nos tempos nos que esta actividade non estaba prohibida. Era horrible, tal como conta o vellos mariñeiro, pero tamén o era o que facían cos traballadres aos que mantiñan case esclavizados no medio dun cheiro insoportable e rodeados de dor. Ao tempo, aparece un baleato varado aoq eu toda a rapazada e os adultos tentan axudar ata que chega a nai e o libera. Esa nena que dende o principio decide achegarse a Uxío e levalo de volta con todos eles, esa muller que soa se encarga da rapazada sempre contando coa súa axuda, ese faro vello abandonado que se converte nun lugar perigoso, unha boa linguaxe e unha pequena historia.  

Ese apunte aos riscos das redes e dos aparellos, esa volta ao mundo natural e ao encontro coa xente directamente sen pantallas polo medio... é de agradecer

venres, 9 de agosto de 2024

Visibilizar mulleres: Galegas nas Artes

Galegas nas Artes de Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido, publicado por Belagua. Así se presenta: "Un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais: fotógrafas, pintoras e escultoras —nacidas entre o final do século XIX e a metade do século XX, que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade. "

A autora, avogada, conta con outros libros relacionados co tema da muller como María Vinyals. Un talento rebelde e moi semellante a  este, ao utilizar a mesma fórmula, Galegas na ciencia. Ademais, tense introducido no libro infantil en obras como As receitas de Rosaura, Rosaura e o mar e Rosaura, cesteira de Mondariz, todos eles ilustrados por Luz Beloso.

mércores, 7 de agosto de 2024

Un novo premio de O Garaxe Hermético

Idol é o V Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Forma parte da colección Merlín cómics de Xerais. As autoras son Ene que traballa a cor e o guión e Alba Chan que debuxo, as alter ego das protagonistas de historia.

Da presentación editorial: "Vega e Ámbar son dúas adolescentes de 16 anos que deciden concursar en «Idol!», un «talent show» onde un grupo de rapazas probarán sorte para tentar convertérense en estrelas da música. Pero non vai ser nada doado. A Vega, a súa familia púxolle como condición manter a media de sobresaliente no instituto. Ámbar, pola súa banda, ten que enfrontarse a unha realidade moi diferente: os seus pais non lle dedican a atención que precisa e non acaba de encaixar no molde das «Idol» como lle gustaría."

Cunha estética moi manga, cun relato moi claro e unhas elipses que non escurecen a historia, alterna o debuxo máis agresivo e expresivo con outro máis convencional...

Un novo premio, unhas novas autoras que se dan a coñecer e unha nova felicitación a Xerais e O Garaxe Hermético por facelo posible.


martes, 6 de agosto de 2024

De Kalandraka

Unha historia fantástica de Bruno Heitz traducida por Xosé Ballesteros e publicada na colección Demademora.

Preséntase así: "Un álbum divertido e brillante, unha historia disparatada que se resolve grazas á creatividade e á actitude positiva. Unha camioneta cos freos avariados. Unha vaca que atravesa a estrada. Que podería saír mal? Tras o choque inevitable, o condutor ponse mans á obra e constrúe un curioso vehículo coa parte dianteira da vaca e o remolque da camioneta. O peculiar resultado non é de todo satisfactorio; cando atopan unha cabra que foi atacada polo lobo, cambian as cousas. A vaca poderá ter catro patas e o leite será de cabra e vaca polo que non vai haber mellor leite de vacabra... Estamos ante un álbum diferente en que os elementos da historia se dividen e combinan acompañando os ocorrentes xogos de palabras."

Creatividade en estado puro, sen cortapisas nin obstáculos de ningún tipo, xogando con todas as posibilidades. As ilustracións acompaña marabillosamente esta disparatada historia con elementos moi primitivos e básicos, cores planas, figuras realizadas en madeira pouco pulida. Como se nos estiveran contando o conto, acompañándose de onomatopeas e globos, cunhas tomas moi orixinais e un produto pouco convencional. 

luns, 5 de agosto de 2024

Un título escrito a catro (ou oito mans)

Un título escrito a catro (ou oito mans): Caramomia de Ledicia Costas, El Hematocrítico, Daniel Landesa e María Lado.

Da presentación editorial:"O aburrimento entrou de cheo nas vidas de Roque, Mafalda, Mabel e Brando xogándolles malas pasadas. Están empezando a ver cousas moi estrañas no barrio. É posible que a súa veciña sexa algo máis ca unha anciá encantadora? Será certo que garda relación cos misteriosos roubos que se están producindo na cidade? O Hematocrítico, María Lado, Daniel Landesa e Ledicia Costas uníronse para crear Caramomia, un divertido misterio a oito mans." Os nomes dos rapaces e rapazas protagonistas en cor, cada un no seu (Roque en azul, Mabel en vermello, Mafalda en amarelo e Brando en lila), un narrador en terceira persoa que recolle os textos de cada creador/a neses vermuts virtuais do confinamento porque se trata dunha historia de pandemia creada en plena pandemia, que ten esa caraterística especial de estar escrita por varias mans. Xa Ledicia probara anteriormente esa fórmula nos libros escritos con Pere Tobaruela e asinados como Pereledi: Mortos de Ningures, Desaparizión, Ouro negro e Letras de xeo, publicados pola editorial Everest nas coleccións Punto de encontro e Ler é vivir, con ilustracións de Andrés Meixide.

Caramomia aparece en Xerais cunhas ilustracións realmente interesantes (utilizando unha variedade moi limitada de cores e buscando un estilo moi propio tanto nos encadres ou as angulacións como na representación por veces surreal) que de Martín Romero.

sábado, 3 de agosto de 2024

Varios álbums

Cando estala a tormenta de Bea Taboada e Dani Padrón publicado por Algar. Así se presenta: "Ás veces, unha tormenta de emocións núbrame a cabeza. Mamá di que estas tormentas chegan de súpeto e poden traer nubes, chuvia e tronos. Semella imposible paralas. Mais mamá, que ás veces tamén ten tronos na cabeza, sabe moi ben como me sinto e que podo facer. Un relato para aprendermos a xestionar as perrenchas e os sentimentos negativos dende o agarimo e a empatía."

Un libro de emocións. Outro máis, que pouco achega... se achega algo. Unha nai que lle vai falando á nena doque esta debe andar sentindo e vaille dando alternativas: respirar forte e soprar amodiño, chorar (coma unha chuvia na que descarga a tormenta), falar, cantar, bailar, escribir e debuxar...  ela axudalle, sempre vai permanecer ao seu lado.

Autoaxuda. Semella que é case a contiuación dun anterior que debía levar por título "Ás veces, mamá ten tronos na cabeza". Non podemos deixar de comentar que na páxina da editorial só aparece o título e a cuberta en castelán: por que? Ten que haber unha razón... 

San día sen fume de Josemi García, con ilustracións de Marina Hernández Ávila con tradución de Xosé Duncan, aparece publicado en Bululú.

Preséntase asi: "Dona Rotonda e Don Peón sofren o mal fume do tráfico da cidade. Pero, ese día, un feixe de sandías escapan dun camión e toda a cidade aproveita para montar unha festa e unha manifestación.
Este álbum, a través do humor e a rima, enxalza o ecoloxismo e a necesidade de acadar, entre todos, unhas cidades máis limpas e humanas. Escrito en letra maiúscula, facilita a aprendizaxe das letras para os primeiros lectores."

Nada que dicir...