Amosando publicacións coa etiqueta María Lado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Lado. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de febreiro de 2025

Os libros das Letras

Sei cantar e sei bailar de Eva Mejuto está ilustrado por Lucía Cobo e publicado por Xerais en formato grande de tapas duras.

Da presentación editorial: "Un fermoso álbum ilustrado para homenaxear a todas as mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía, lingua e cultura ao longo dos séculos." "Enfiando un ronsel de cantigas, muiñeiras, maneos e xotas, Sei cantar e sei bailar segue a pegada das viaxes de Dorothé Shubarth por Galicia. Neste álbum ilustrado acompañaremos a musicóloga suíza do Courel á Costa da Morte, recollendo as voces das mulleres que mantiveron viva a faísca da lingua no seu cantar. Tocaremos coa pandeireteiras de Mens, cantaremos con Adolfina e Rosa Casás e bailaremos con Eva Castiñeiras para homenaxear a todas as mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía e cultura ao longo dos séculos. Elas todas son as homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. O álbum, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Lucía Cobo, conta cun apéndice informativo e cunha web para achegarlle á rapazada, e traballar na aula, un petisco do amplo universo da poesía e da música tradicional galega: a de onte e a de hoxe."

Nas capas a noite, as mulleres que cantan e bailan a modo de constelacións. Nas ilustracións as panderetas seellabn flores que nacen como remate de plantas porque a natureza está sempre presente, tal vez polo rural, porque elas sempre andaban polas aldeas e porque nelas se gardaron as cantigas e os ritmos. Dorothé é a protagopnista dunha historia coral. Busca un tesouro e vaino ir atopando nas casas destas mulleres que gardaron a tradición entre a terra quecultivaban e as estrelas que como música iluminaban as noites. Polo medio as coplas e a suíza percorrendo os camiños da patria prestada, homes e mulleres bailando.

O libro complétase con varios apartados que levan o nome de "Daquelas  que cantan (e tocan e bailan), "Daquelas que recollen os cantos" e "Daquelas que seguen a cantar" para rematar cun código QR para acceder á lista de reprodución preparada para o caso. 

Canta, miña compañeira. O legado das cantareiras de María Lado está publicado na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Unha viaxe desde o tempo e o lugar das pandeireteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025 ata hoxe. (...) Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son os nomes propios de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes. Sen ese prezado saber, a música galega que escoitas hoxe en día e a literatura que les non serían as mesmas. Por iso, esas mulleres son as homenaxeadas no Días das Letras Galegas de 2025. Este libro é unha viaxe ao seu tempo e ao seu lugar, durante a que descubrirás cousas sorprendentes e coñecerás xente á que, como a ti, a move a curiosidade."

A través dun código QR podemos acceder a un vídeo onde a autora nos introduce nesta temática. A palabra áxil de María Lado vainos levando coma un río mentres nos fala das cantareiras e de todo o que xira ao redor. En vermello aparece documentación que complementa a informacióna respecto das Letras Galegas, de Rosalía de Castro, da infancia desas mulleres ás que se lle dedican as Letras do 2025, das cantigas e dos lugares onde se cantaban, dos contos que acompañaban as noites, dos instrumentos dos que se acompañaban, dos traballos do agro e das ferramentas que utilizaban pero tamén servían para facer música, das historia de Dorothé e da súa recolleita, do cego dos Vilares, dos instrumentais que se utilizaban para gravar os cantos, das regueifas, das recolleitas e de quen as facía, do loro Ravachol, de como chega á actualidade esta música... Todo iso adobiado con fotografías que nos sitúan nas coordenadas espazo temporais e de cantigas que nos meten en tema.

Un libro de moito interese para saber máis acerca desta celebración tan diferente, na que entran varias mulleres a ese altar no que se conmemoran as Letras.  

Ambos recoñecen o valor das persoas que recompilaron e entregaron o seu quefacer nas institucións públicaS como o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no seo do Museo do Pobo Galego.

luns, 5 de agosto de 2024

Un título escrito a catro (ou oito mans)

Un título escrito a catro (ou oito mans): Caramomia de Ledicia Costas, El Hematocrítico, Daniel Landesa e María Lado.

Da presentación editorial:"O aburrimento entrou de cheo nas vidas de Roque, Mafalda, Mabel e Brando xogándolles malas pasadas. Están empezando a ver cousas moi estrañas no barrio. É posible que a súa veciña sexa algo máis ca unha anciá encantadora? Será certo que garda relación cos misteriosos roubos que se están producindo na cidade? O Hematocrítico, María Lado, Daniel Landesa e Ledicia Costas uníronse para crear Caramomia, un divertido misterio a oito mans." Os nomes dos rapaces e rapazas protagonistas en cor, cada un no seu (Roque en azul, Mabel en vermello, Mafalda en amarelo e Brando en lila), un narrador en terceira persoa que recolle os textos de cada creador/a neses vermuts virtuais do confinamento porque se trata dunha historia de pandemia creada en plena pandemia, que ten esa caraterística especial de estar escrita por varias mans. Xa Ledicia probara anteriormente esa fórmula nos libros escritos con Pere Tobaruela e asinados como Pereledi: Mortos de Ningures, Desaparizión, Ouro negro e Letras de xeo, publicados pola editorial Everest nas coleccións Punto de encontro e Ler é vivir, con ilustracións de Andrés Meixide.

Caramomia aparece en Xerais cunhas ilustracións realmente interesantes (utilizando unha variedade moi limitada de cores e buscando un estilo moi propio tanto nos encadres ou as angulacións como na representación por veces surreal) que de Martín Romero.