sábado, 6 de decembro de 2025

Poesía

 

Seis leiras e un piano de Claudia Castro está ilustrado por Laura Tova e publicado na colección Merlín de Xerais. 

Da presentación: "Poemas cheos de sentimento, ritmo e luz, para seren lidos en voz alta e tamén para reflexionar sobre o fondo que gardan". "Os poemas deste libro están ateigados de ritmo e de luz. De xogo, de música, de natureza e de aldea. De sentimento e reivindicación do noso. Como apunta o poeta Antonio García Teijeiro no epílogo do libro, «Son poemas para seren lidos en voz alta. Para cantalos e acompañalos con xestos e palmas. Pero tamén para reflexionar sobre o fondo que moitos gardan e comentalos posteriormente en animadas paroladas. É boa poesía. E diso se trata»." 

Poemas con rima e xogo. Cada un deles leva uha palabra en negriña que vai servir de comezo ao poema seguinte. Ao final, co título Análgama aparece un poema que as recolle todas a modo de imaxes ("Análgama de sentimentos / e pensamentos de mar. MAR, Á FIN, O MAR). Coma o título o sentido dos poemas. Ilustracións de nova figuración, cheas de simbolismo, situadas ao redor do feminino. Unha conversa de ela, escritora, a ti, lectora. Poemas que poden facer pensar, descifrar, adiviñar; poemas que permiten xogar e, como di o poeta que escribe o epílogo, recitar, ler en voz alta para poñerlle altavoz. 

venres, 5 de decembro de 2025

Novelas infantís, escritas en galego e traducidas

Benita e Malva e o crime do crítico gastronómico de Érica Esmorís con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado en Ala Delta (Edelvives) para maiores de dez anos.

Da presentación editorial: "A Benita e Malva —dúas xemelgas idénticas só na aparencia— acaban de abandonalas os pais. Unha auxiliar de policía encárgase de levalas cun suposto tío, Eustache Chaillot, que rexenta un restaurante en París. Pero Chaillot foi acusado de asasinar un crítico que falou mal das súas célebres croquetas. As irmás, con Guillou (o pinche do restaurante) e Gioconda (a súa rata), vivirán múltiples peripecias para esclarecer o crime e coñecer o paradoiro dos pais." 


Pódese comezar a ler a historia neste enlace. Unha novla que seguramente teña continuidade porque nos deixa agardándoa, porque dous personaxes como esas xemelgas tan diferentes a nivel de personalidade ben o merecen e porque acaban de subri a un tren que debe levalas ao encontro dos seus pais, sempre coa axudante de policía que viaxa cunha enorme maleta un paso por diante.

Xertrudis busca traballo de Ana Meilán, ilustrado por Agustina Mattar, traducido por Xesús B. Tellado e publicado por Entrenubesycuentos para lectorado a partir de 7 ou 8 anos. Outra historia de bruxas, esta arruinada e chea de débedas que debe atopar un traballo o antes posible para poder facerlles fronte. Vive cun cobrador de morosos fronte á súa porta de tal maneira que chegarán a establecer unha relación. Ao longo do relato imos vendo como pasa de neneira a modista, de veterinaria a traballar nun parque de atraccións con Bradislavo xa co seu carné de maquinista e, por fin, poderá deixar de buscar traballo nos xornais e repetir desesperadamente "Necesito este traballo máis ca nunca". 

Así se presenta: "Desde que Gertrudis perdeu o seu emprego, as débedas non fan máis ca crecer. Cada mañá Bladislavo grítalle que acabará na fogueira se non paga o que debe. É hora de buscar traballo! Coidado con reírte ao tararear os conxuros, xa sabes que as bruxas e os nenos nunca se levan ben. Se queres acompañala, súbete á súa escoba e agárrate forte porque chega tarde ao primeiro traballo. Canto cres que lle durará?"

mércores, 3 de decembro de 2025

Unha autora de libros para adultos e mocidade que incursiona na infantil

Elena Gallego Abad acaba de publicar O libro de Borboligón na colección Merlín de Xerais, con ilustracións de Chus Rojo.

Da presentación editorial: "Chega a Hora do Conto. A Elba gústanlle os Contos de Felices Soños que lle le o seu pai antes de durmir e os Contos dos Domingos que relata a avoa Merliña na vella biblioteca. Cando chega o Nadal, pide como regalo de Reis «O libro de Borboligón», que garda todos os contos do mundo. O que ninguén imaxina, é que Elba pode acabar atrapada nas súas páxinas, convertida nun personaxe máis, entre princesas, dinosauros, piratas ou bruxas. Había unha vez... Unha aventura sorprendente que che fará crer na maxia dos contos e da lectura." Porque "Había unha vez un Conto Nunca Contado, escrito con Letras Simpáticas nun Libro Máxico..."

O poder dos contos. Os momentos felices cando entre a criatura e o libro se moven os afectos nun camiño de ida e volta. As persoas adultas prestando toda a atención ás crianzas léndolle ou contando directamente o que nace da imaxinación. A nena di personaxes e a avoa crea o conto. A aprendizaxe das palabras para facerse co mundo. Os Reis Magos cumprindo desexos (cando se merecen). Aqueles outros agasallos que crean problemas en vez de resolvelos, ese excesos de xoguetes cos que fan que xogan para non defraudar pero que só serven para dicirlles aos demais que os queren moito (porque moito gastan neles) pero que maldito o interese que lle teñen. Porque a maxia está na poesía non na manufactura. E andando o conto aparecea tinta simpática, a dos espías e nenos con segredos, o poder do limón máis alá de achegarnos vitamina c. Gardiá de biblioteca e dos contos, persoas que ao mergullarse nunha historia queda dentro porque tanto poden facerse reais os personaxes como converterse en personaxes as persoas reais, contos de contos nos que aparecen os personaxes doutros, príncipes e princesas, armarios dos que sae xente, portas máxicas, pradarías de trevos de boa sorte, cousas que aparecen de verdade cando as pintas... quen son as Medras para as que quedan a roupa e os zapatos que nos son grandes? que pasa cando o tempo se parou nun instante mentres as aventuras corren e corren e todo vai semellar un soño?

Avoas e netas compartindo historias e libros, segredos que non poden contarse...   

luns, 1 de decembro de 2025

Libro informativo: O Hotel Cerebro

Libro informativo: O Hotel Cerebro de Marja Baseler &Annemarie van den Brink. Logo do éxito de Parque de atraccións A fábrica da caca, chega O hotel Cerebro. Ven ao hotel Cerebro o hotel máis listo do mundo! Aquí vas atopar os mellores segredos do cerebro e os mellores consellos para mantelo en excelente forma. Sube connosco a esta viaxe ao cerebro e descubre o que se che dá ben. Investiga no piso de arriba como funciona o cerebro. Que rexión se encarga da memoria? Que parte do teu xenial cerebro te advirte do perigo? Que tal xestionas as emocións? De 2019 e esta edición de 2015 De Hércules ediciones. Nas gardas a árbore xeneolóxica da familia Stein que é a que se vai instalar no hotel, seguindo os seus pasos aprenderemos, buscando o segredo e seguindo as pistas atoparemos o mapa do sistema nervioso, o cerebro dende arriba, de lado e por dentro, os cuartos da esquerda e da dereita

de paso, a aplicación: como exercitar o teu cerebro, centos de recomendacións 

A necesidade das preguntas para desenvovler a curiosidade e sobre todo descubrir o que non sabemos, o poder da imaxinación, a aprendizaxe dos erros; as pausas necesarias, airearo cerebro, relaxar, soñar, imaxinar, o traballo en equipo, a substancia do cariño (oxitocina), o text do talento (es activa ou reflexiva?, a intelixencia emocional, como utilizas o cerebro?)  

venres, 28 de novembro de 2025

XL Premio Merlín de Literatura Infantil


Erin e o lobo conseguiu o XL Premio Merlín de Literatura Infantil convocado por Xerais. Está escrito por Érica Esmorís e ilustrado por Blanca Millán.

Así se presenta: "Erin vive no máis fondo do bosque, nunha cabana construída polos seus pais para afastarse da civilización. Nunca viu unha cidade nin un colexio nin outro neno. Un día, o pai regálalle un libro vello e, ao lelo en voz alta, esperta un feitizo: a súa voz de cóxegas sacode o bosque enteiro. Erin faise bosque e o bosque faise nena. As súas palabras chegan a todas as criaturas (o raposo, o reiseñor, o olmo, a flor silvestre) e tamén a Noite, o lobo de pelame azul e corazón escuro condenado a vivir nunha cova pola súa manda. Erin é luz. Noite é escuridade. Salvar unha nena. Redimir un monstro. Lembrar onde latexa, de verdade, o fogar. Ás veces, todo iso comeza cun «Había unha vez». O XL Premio Merlín é unha emocionante historia sobre a forza das palabras, a beleza dos vínculos invisibles e o desexo profundo de atopar un lugar no mundo." 

Unha familia que marcha ao bosque lonxe de todo. Fano cando bace a súa filla á que van criar sen ningún outro referentes humano, máis alá dos pais; só coa vaca Paciencia, as cabras Norte e Sus, as galiñas Mari, María e Maruxa e o gato Touciño. O seu vínculo coa natureza será perfecto, pero un día a nai decide que é tempo de volver á civilización e que a nena contacte cos seus; como adianto virán a avoa e un primo a velos; co eles chega outro afecto, o vínculo coa familia e o pasado, pero tamén a perda do que ela poseeu todos estes anos. Un momento difícil no que as decisións son difíciles e cargadas de consecuencias.

A nena correndo no lombo do lobo, o entendemento entre ambos, a maneira que terán de salvarse un ao outro, os malentendidos polos que o lobo cre que a nai non o quere ou a manda o supón un perigo... pero sobre todas as cousas, o poder dos libros e a lectura. Marabilloso o ritual da lectura: primeiro saudar e agradecer a presenza dos oíntes coa mirada, facéndolles unha reverencia, logo a lectura que comeza por un "Érase unha vez" para dar paso a historia que cada un deles vai entender en primeira persoa, porque é o seu relato, o que non está escrito así pero a nena le de maneira que eles a escoitan unicamente para si, facéndoo sentir poderosoe ao tempo indefenso e ridículo. Despois de seis anos de bosque, nai e filla comparten clases de civilización por iniciativa da pequena  (así pasarán os días igual que nas Mil e unha noites), a pequena, na súa inxenuidade colocará á nai ante as contradicións da chamada sociedade adiantada. A avoa móstralle que é querida doutra maneira porque cada un ten a súa maneira de querer: a nai de forma física e intensa como se Erin fose un paxariño e ela o niño ao que volver; o pai queríaa de maneira silenciosa e inconstante, como se a nena s-ó existise ás veces, o xeito de querer de súa avoa era unha caricia no aire e ulía a arroio e xabón; o curmán traía a excitación e espertaba nela a curiosidade.

Cando a lectura esperrta un bosque enteiro no que todas as árbores e criaturas escoitaban atentas o seu relato. Xogar co que che regalan as estacións, cos animais. Ao neno da cidade o bosquer parecíalle un decorado calado e gris, morto. "Estamos afeitos a unha rutina e, aínda que unha visita é motivo de alegría, necesitamos vovler a ela. Todo o que sentes está ben." dixolle o pai. A lectura é unha conversa con quen escoita (por exemplo o bosque). A lectura é un feitizo.

O amor dos pais e os fillos. Cando abro o libro e leo, cada animal escoita a súa propia historia. Escoita o que necesita escoitar. Por iso este libro é máxico. "Cando abre o seu libro, convértese en todos nós e todos nós nela, e enténdenos e entendémola e, coa súa voz de paxaro, narra unha historia que é so para ti, pero tamén para todos." Díxolle o lobo"Ao amencer, vin como a túa avoa te bicaba na fronte e cheirei o seu orgullo cristalino, e vin como o teu curmán farfallaba unhas palabras e ulín o seu medo a necesitarte tanto (...)  cheirei (como teu pai) se desposuía da bondade e da liberdade do seu espírito e os prendía, para sempre, á túa trenza clara e desfeita (...) notei como a túa nai fixo seus a túa dor e o teu medo, quedou coa túa noite,por iso puideches fuxir comigo" e conclúe "Un pertence a onde é amado"

Remata o libro "O amor salvoume" 

O libro. Fala da segunda guerra mundial pero as palabras da nena que non sabe ler non coinciden coas palabras sempre contadas, tampouco nese libro.

A nena le que o Lobo ten un corazón azul e xusto. El lembra cando atopou a xabaril coas crías e non quixo atacala cando veu como ela as miraba e ese amor que a leva a observalas por última vez antes que loitar pola súa supervivencia, sálvaa.

Como deixar atrás o bosque? 

domingo, 23 de novembro de 2025

Libro de información: Unha cidade en Marte

 


Da presentación editorial: "Os humanos somos animais curiosos. O desexo de coñecer e a procura de recursos novos empurrounos a escalar montañas, conquistar os polos ou cruzar inmensos mares. Esta procura incansable levounos ao espazo. Facemos foguetes que nos propulsan á órbita terrestre e nos permiten deixar a nosa pegada na Lúa. Máis alá, agárdanos a última fronteira: Marte. O Planeta Vermello, un espello onde mirarnos. O destino inevitable se queremos converternos nunha especie multiplanetaria. Será un proceso longo, que comezará con pequenas bases científicas ocultas entre cráteres e acabará con enormes cidades autosostibles. Como será a viaxe da Terra a Marte? Que atoparemos ao aterrar? De onde sacaremos o osíxeno e a comida? Neste libro atoparedes resposta a moitas preguntas sobre como será o día a día nunha cidade marciana"

Da autoría do profesor de Astrofísica: Guillen Anglada-Escudé, polo físico, farmacéutico e divulgador científico: Sheddad Kaid-Salah Ferron e polo físico, enxeñeiro aeronáutico especializado en propulsión espacial: Miquel Sureda Anfres; traducido pola multipremiada María Alonso Seisdedos e publicado por Embora.

Esta editorial conta cun par de libros máis relacionados co espazo: Cantos cosmos de Estíbaliz Espinosa, con poemas e astronomía para case bebés, tal como aparece no subtítulo. Debemos lembrar que esta autora leva a cabo iniciativas persoais de poesía, arte e ciencia en galego como O entrelazamento, A ciencia do poema, Curiosas na Lúa ou Novembro Estelar.  As imaxes son de Clara Cerviño, ilustradora científica e da natureza, bióloga e deseñadora editorial. Así di a presentación: "Poesía e conceptos científicos para bebés. Un experimento poético sobre o cosmos extraordinariamente ben construído"

E tampouco estaría mal, volver ao libro A marfallada toda da xornalista científica Floor Bal; un libro multipremiado e con versións en inglés, danés, noruego e chinés, cando menos. As ilustracións son de Sebastiaan van Doninck. Un libro divulgativo ilustrado, que nos conta "a fascinante historia de como chegamos desde o principio do universo á vida actual. Dende a teoría do Big Bang, asistimos a como se formou o noso sistema solar, como a vida na Terra comezou nos océanos e se trasladou á terra…"


Libros que alimentan a curiosidade da infancia, libros de coñecemento, libros informativos, libros de divulgación científica, libros de non ficción. Tres libros ao redor do universo, do espazo, dese infinito ante o que nos sentimos microscópicos a pesar da soberbia da humanidade. A primeira vez que nos deitamos no chan para mirar o ceo nunha noite afastada da contaminación lumínica das cidades e vilas; a primeira vez que entramos nun planetario e vemos o que hai máis alá de nós... a humildade que nos enche o peito e o temor máis grande que pòdíamos sentir. A admiración máis absoluta ante iso do que formamos parte e que nunca acabamos de entender... Por iso é tan necesario que observemos e leamos, que nos empapemos de astronomía en todas as súas formas, que sexamos conscientes da beleza e do inconmensurable, do tempo longo do universo. 

sábado, 22 de novembro de 2025

De igualdade, de dereitos, de non asumir prexuízos


A pequena osa quere xogar de Iago López e Olaia Naveiras é un álbum ilustrado publicado por Xerais,

Da presentación editorial: "A pequena osa quere xogar ao balón, igual ca os xabarís, pero na fraga non paran de dicirlle que iso non é para ela". "A pequena osa non é como din que debería ser. Por que non pode xogar ao que ela queira?".  

Son os maís pequenos os que aínda non teñen asumidos os prexuízos e se atreven a soñar sen cortapisas, por iso a osiña non entende que lle digan que non pode xogar fútbo, coma os xabarís: "as osas non podedes xogar ao fútbol porque para iso hai que ser forte e valente, ti es sensible coma unha flor e fráxil coma as ás dunha bolboreta, es suave e delicada non audaz e atrevida, as osas sempre se dedicaron a outros quefaceres... Corvos, toupa, coello e serpe case a convencen de que non vale para xogar fútbol, que o que ela ten que facer é recoller os amorodos que comerán os xogadores despois do partido, a auga que beberán ou recoller o mel que os xabarís lamberán para recuperar forzas. Menos mal que un pequeno xabarín aparece convidándoa a xogar cando ela xa dubida de si mesma, menos mal que a avoa osa a obriga a verse de novo tal como é: forte e decidida. A historia remata ben porque así debe ser, porque a pequena osa non pode perder a confianza en si mesma, porque non poden seguir ganando as forzas conservadoras.

Moi interesante esa guerra de argumentos entre a pequena osa e o resto de animais dispostos a convencela de que non serve para xogar ao fútbol. Fermosa a imaxe que ela reflicte na auga e como pode cambiar dependendo do entorno e como tamén se pode transformar con axuda. Porque non todo permanece e os cambios son posibles!