xoves, 13 de maio de 2021

Os libros de Frédérick Stehr

 

Kalandraka acaba de publicar para as criaturiñas un par de libros ben gustosos. Libros de cartón para prelectorado, libros cheos de repeticións e acumulacións

Libros de animaliños (aves neste caso) nos que as crianzas se ven representadas, porque coma eles son pequenos, van facendo descubertas e probando o que poden facer, van enredando e experimentando mentres pasan do real ao imaxinario, imitando situacións ou poñéndose na pel doutros, desenvolvendo destrezas e formándose unha imaxe do mundo... porque o xogo é algo tremendamente serio para elas.

Dous libros de Frédérick Stehr protagonizados por crías de paxaros nunhas historias que achegan a boa convivencia, o bo trato. En Chin Bam Bum comeza un deles a tocar cunhas culleres de pau nun cazo, cando chega outro e lle pregunta: "Que estás a facer?"  O primeiro contesta: "Música"; daquela dille "Espera, que agora veño" para unirse cun par de testos, e así sumaranse un a un traendo novos útiles de cociña e inventando un novo ritmo, cada un ó seu nunha orquestra feliz que vai en aumento... ata que chega a nai, recolle os instrumentos e lles cambia a actividade por unha merenda, pero... mañá será outro día para probar unha nova arte. É o que ten o xogo e as reunións de pequerrechos, pero sobre todo a sensiblidade dun autor que semella entendelos á perfección e transmitir a través destes pequenos animais o que senten e o que lles interesa. Agarimo, sensibilidade e tenrura, emocións a flor de pel que nos remiten á primeira infancia. Repeticións que non aburren, experimentación, indagación e o recoñecemento da contorna.

No caso de O día das apertas, a dozura aínda é maior porque os abrazos é o que teñen! Esa almofada, mantiña ou tela á que se prenden os pequerrechos e pequerrechas e levan con eles dun lugar a outro; iso que abrazan, arrecenden e os fai sentir ben... pois así comeza a historia, cun deles apreixando a almofada dicindo que é a súa peluche, o que vén despois apúntase a sentir ese gusto que os fai rosmar traendo a súa peza, e o terceiro, e o cuarto... ata que chega o seguinte que non repite "Vou buscar a miña peluche e xa veño" senón "Pero eu non teño peluche" daquela é coma se el se convertera na peluche do grupo porque decidiron que hoxe é o día de lles dar apertas aos amigos e iso tamén é moi pero que moi gustoso. As sensacións acompañando os vínculos e todo se fai entrañable. Un marabilloso xogo de afectos e sensacións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario