domingo, 9 de maio de 2021

O libro dalguén que anda polas redes

 

Identidade de Nee Barros Fernández, publicado por Galaxia, na colección Costa Oeste. A través do hiperenlace podemos acceder ao canal de vídeos de Nee Barros que se recoñece como Neumatiko e onde vemos como vai analizando o programa de 2º de bacharelato de Literatura Galega e outros de recomendacións de libros actuais, música, retos, iniciativas, certames literarios...

Da presentación editorial:  “A normalidade do non-común"  Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?  Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón."

Manrique Fernández en Comarcas na rede, engade máis explicación (que coloco en lugar da miña porque me semella moi acertada): "Para entendelo mellor, haberá que aclarar que o protagonista desta peza é Zé, un mozo que anda na procura da súa identidade nun entorno que non acaba de entender que, nacendo María como naceu, agora pretenda asumir un rol diferente ao que lle foi asignado por unha tradición difícil de quebrar. Poucos ao seu arredor comprenden que, nacendo muller, se comporte coma se fose un rapaz e ata pretenda trocar o seu nome orixinario. Pero Zé mantense firme nunha convicción que, aos poucos, terá que transmitir ao seu entorno para que a convivencia sexa o máis cómoda posible para todos.  A historia en si é toda unha reivindicación da liberdade de elección e da necesidade de sentirse cómodo con un mesmo, pense o entorno o que queira pensar. Zé vese marcado por un nacemento no que, obviamente, nada tivo que dicir, pero que determinou o comportamento do seu entorno cara a el e mesmo o seu propio xeito de se comportar. E non estamos a falar de identidade sexual, senón de algo que transcende esas limitacións e afecta ao noso comportamento como persoas, capaces de superar as barreiras de xénero e de aceptar que mesmo esas identidades non-comúns que se citan no subtítulo, poden converterse en normais se lles damos a oportunidade. No fondo, é aquela máxima de “Vive e deixa vivir” que a sabedoría popular atribúe ao poeta F. von Schiller.". Tamén cita este autor algo que é un dos acertos da obra: "O acerto de simbolizar a cegueira da sociedade cara ao que Zé sente a través de vendas negras que tapan os ollos dos actores e que os protagonistas terán que axudar a tirar, coido que é un dos máis relevantes"

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario