mércores, 19 de maio de 2021

Gianni Rodari, sempre

Un novo libro de Rodari, neste caso na colección 7 leguas de Kalandraka. Un libro que chega coas ilustracións de Federico Delicado que acaba de recibir o premio Lazarillo a Álbum Ilustrado 2020 e que tamén recibiu o premio Internacional Compostela por Ícaro. Un libro que leva o logo de 100 Gianni Rodari para lembrar que no 2020 cumpriuse un século do seu nacemento. Este mago das letras infantís, xa conta con bastante obra traducida ao galego, conta en Kalandraka con Gelsomino no país dos mentiráns, Era dúas veces o barón Lamberto, Que fai falta?, Inventando número, Gramática da fantasía, Contos por teléfono, Confundindo historias e agora acaba de aparecer Axente X-99. Contos e versos do espazoSete capítulos nos que o Axente X-99 (que recibe o seu nome, do tempo que pasou traballando como gardián do radiofaro no asterioide X-99) vai contando as súas expedicións a outros planetas dende a súa base para dar conta do que alí sucedía e faino como se respondera a unha entrevista. Así, vai saíndo á luz a súa relación coa compañeira que alivia a súa soidade (a cabra Renata, da que non se separa porque adora o seu leite) e o paso polo planeta Miro onde uns simios coñecen o lume grazas a el e acaban creando unha industria alimentaria, ao planeta vexetal Parco onde as árbores teñen unha linguaxe propia que acabará descubrindo, ao planeta dos xoguetes habitado por nenos e nenas que están alí como de campamento pero absolutamente sós, o encontro coas arañas do cosmos, a viaxe a Kama onde descobre a intelixencia das abellas que lle salvan a vida conducíndoo a un búnker e sinalándolle o camiño á cidade, ou de cando foron visitados por uns habitantes de Noot que pretendían chantaxear ás autoridades do seu país pero desistiron cando coñeceron a cabra e se puxeron a adorala pensando que lles traía unha mensaxe dende o país dos deuses, a viaxe ao planeta Osiris e a descuberta da función das bolsas de plástico que cada habitante levaba colgada da cintura... porque no universo hai de todo e para todos os gustos, só fai falta unha imaxinación como a de Rodari para crear mundos espectaculares. O importante aquí, é ter atopado o ilustrador capaz de acompañalo nesta aventura, de ter garuxado un par de personaxes astronautas que se moven polo espazo entre a estética do pasado e a do futuro, como atendendo á fantasía dos que nos antecederon na creación de mundos futuros. esa idea percorre as páxinas, como o fai o longo nariz de X-99 que ten un aire a Pinocho e as súas mentiras. A seguir, quince "Poemas para rir do planeta das árbores de Nadal" nos que o absurdo e o humor ocupan un bo espazo. E atopamos entre as rimas dende unha tenda de narices para mercar a que gustes, unha guía telefónica para atender todas as consultas, unha meiga espacial e un garda de tráfico, un duelo de palabras case a modo de binomio fantástico, unha ensalada de contos, un elefante mentirán ou uns cabaliños de atracción que sempre se consideran ganadores, o paseo dos números 8 e 4, o que peta pedindo permiso para saír da súa casa, unha adiviña... ou este que me gusta moito:

A palabra "palacio". Este era un cabaleiro / que á palabra "palacio" / marchou vivir de alugeurio. / Alí non tiña paredes / e zafreaba o vento. / Tampouco non tiña teito / e chovía arreo dentro. /Daquela a aquel señor / ocorréuselle vestir / outra palabra: "abrigo", / pero a auga e a tramontanan/ chegábanlle ao embigo. / Por estar sepre mollado, / colleu un bo arrefriado. / Por volta dunha semana, / tomou a palabra "menciña" (acotío á tardiña). / Todo aquilo rematou / cando a Cruz Vermella chegou. / De non lle ir, polo tanto, / estaría soterrado / na palabra "camposanto".    

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario