Non te amola! é un inédito co que nos sorprenderon neste ano de Xela Arias.
Un libro ilustrado por Luz Beloso no estilo característico que sitúa as imaxes no camiño dos bonecos con "coloretes" e ás veces levándoos a un xogo volumétrico que fai que se asemellen a marionetas de madeira. Hai algo que me sorprende e non sei se responde a unha actualización dirixida do texto e son un par de ilustracións nas que a imaxe non atende ás descricións do autora, nun caso cando fala do pano da cabeza da tía Irene e noutro cando cita unha imaxe da nena e a avoa movendo, cun garabullo, as brasas do lume na lareira. Unha edición moi coidada, nese formato que Galaxia está probando con determiandos LIbros para compartir cunhas gardas dunha paisaxe que pode ser a de Ortoá sobrevoada por libros e follas e unhas separacións de capítulos a modo de papel pintado.
A historia, que Darío o fillo, define como tenra, é un percorrido pola infancia de Xela, por esas lembranzas e descubertas que comparte. Dende o primeiro capítulo onde decide escribir un libro porque xa ten nove anos e algo haberá que facer; un libro nunha casa de libros, onde cada un dos irmáns se relaciona dunha maneira especial con eles. Un libro no que contar o pouso que queda unha vez atravesada esa etapa, a relación coa familia (e, especialmente, cos avós), co alumnado do pai, os xogos da rapazada e as pelexas entre pandas, o traslado á cidade... e deténdose nese momento no que descobre que as nenas maduran antes que os nenos e polo tanto deberían acadar con anticipación a maioría de idade sen ter que andar agardando por eles. A reivindicación, a rebeldía da muller que formou parte da Burla Negra e o Non á guerra, espertando na idade temperá e facendo valer a igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario