As aventuras de Breogán Folgueira foi publicado por Xerais na colección Merlín, en 1990. O primeiro libro infantil de Darío Xohán Cabana aparece ilustrado por Fausto C.Isorna, uns debuxos que nos lembran a banda deseñada e onde a moza aparece como aquelas heroínas estilizadísimas que teñen moito de damas medievais nas posturas.
O rapaz protagonista ten catorce anos, adora as novelas de cabaleirías e coma un Quixote namórase perdidamente (neste caso, da irmá dun amigo). Na novela aparecen dúas realidades: a de tódolos días na que Breogán vive cos pais nun barrio de Lugo, ten relación co avó portugués e a muller que o atende, o amigo e a moza. Pero, por outra, despois de ler a historia dunha viaxe á lúa prepara a súa e así coñece aos escoleres, ou despois de ler as aventuras de Amadís de Gaula namórase de Dosinda, a irmá de Denís, que pasa a ser a súa dama Oriana; daquela a casa pasa a ser castelo e ambos falan de forma cortés. Así se presenta el: "Eu son, señora, Breogán da Selva Folgueira, que é un belido país todo cuberto de fragas e pequenos castelos dos que o máis fermoso é o dos meus pais adoptivos, que son os reis daquel reino". Así o fai ela: "Eu son Dosinda das Altas Torres, que é unha fermosa cidade capital dun pequeno reino (...) Morto meu pai, quedei eu por raíña, como filla única de seu. Mais os baróns do meu país, que non queren ter por señora unha muller,enténdense co inimigo e queren forzarme a casar cun deles e que el goberne no meu lugar." E así camiña a historia, entre un relato real e outro fantástico que pode cambiar de mundo porque de pronto atopan os habitantes do lume (eses que están sempre aí e polo que nós o miramos sen velos) ou cando se pon a ler sobre os animais alados e aparece un Pegaso, que se sente chamado e o conduce onde Tristán e Isolda... porque estes animais son quen de voar non só no espazo senón tamén no sentido do antes e o despois. Nesta obra dáse o don de linguas, tamén, pois falando diferentes idiomas enténdense perfectamente os personaxes.
Cahama a atención a introdución da xente real no medio das historias, por exemplo conta que a tradución do Amadís é de Méndez Ferrín ou que a descuberta da falsidade do Ciprianillo é de Xosé Mª Álvrez Blázquez, pero tamén ese xeito de integrar libros dentro do libro dende o de Cyrano de Bergerac, ao Amadís ou o Ciprianillo.
Remata o libro cun par de apéndices (Notas tiradas do libros dos escoleres e O lai do Cabrifollo) e un índice de personaxes presentes ou citados. O apartado "Cando o autor fala de si" remata explicando a súa relación coa literatura infantil: Do que nunca tiven intención foi de facer historias "`para rapaces". Eu escribo as cousas que teño que escribir por necesidade, porque me medran dentro e teño que abrirlles camiño para fóra. Pode acontecerque esta historia de Breogán Folgueira sexa axeitada para persoas de poucos anos. Eu non estou nada seguro, pero se así fose, sería porque cadrou e non porque eu o buscase. A historia escribina porque me paetece, e non quitei nin cambiei unha palabra para que fose máis doada de entender."
-Breogán, eu quero soñar canda ti.- di Dosinda, como declaración de amor. Porque detrás dese verbo está a outra realidade, a fantástica (ou a futura, podería entender alguén).
Ningún comentario:
Publicar un comentario