O avión de Cangas foi publicado en 1992, na colección Merlín de Xerais, despois de resultar finalista do premio Merlín 1991. As ilustracións de Fran Jaraba xogan con branco e negro, as diferentes tonalidades de grises e o azul. O protagonista da historia é Belarmino, pero nunca imaxinarías que ese é o nome do tal avión de Cangas, o que ten a base na praia de Rodeira e fai a liña de Cangas a Vigo, sobrevoando a ponte de Rande para deleite dos pasaxeiros. Ás veces tamén voa polo gusto de facelo e faino de baleiro, como cando tivo o accidente na ala esquerda e tivo que agarrarse ós pés do Aire; a Lúa alumeouna mentres puido, a Curuxa foi buscar axuda e acudiron a rescatala o Ferreiro de Tirán (ou Pepiño da Cagula) que fora funambulista e John Balan, o famoso vaqueiro de Marín que pasara a mocidade no Far West americano. Despois deste accidente e por mor dun panfleto da Compañía Antiga de Motores de Pasaxe Sociedade Reconvertida o avión deixa de facer servizo de pasaxeiros a converterse en correo, grazas ao capital insuflado polos irmáns Dalton (que tamén son galegos que volven da emigración). Nunha ocasión Belarmino salva ao director xeral da COMPASORE (que tanto mal lle fixera co panfleto) de morrer afogado, ao que este responde con xenerosidade desculpándose e facéndolle publicidade polo alto. Daquela, o Presidente da República, o Capitán Xeral do Aire e o Almirante Maior de Galicia acoden á homenaxe que se lle fai ao avión de Cangas. Despois diso e con Belarmino canso, deciden vender as accións e converter o hangar de Rodeira nunha taberna, á que Balan chama "saloon".
Como é normal no autor, aparecen personaxes reais como John Balan, o chamado home orquestra porque imitaba numerosos acentos e sons distintos, andaba disfrazado de vaqueiro e falaba un falso inglés. Aparecía con bastante frecuencia nas televisións e tivo certa popularidade. Aquí, o seu personaxe empéñase en falar sempre do Oeste e os westeres, porque é como se el estivera situado sempre neses guións; resulta moi interesante a súa maneira de defender que a maior parte dos vaqueiros de América do Norte foron nativos desta terra e xustifica a súa afirmación galeguizando os nomes dos actores e situándoos en diferentes lugares deste país. Nun dos capítulos Belarmino ten que rescatalo da persecución á que está sendo sometido polos irmáns Dalton. Outros que tamén pasan polas páxinas son o escritor Manolo Rivas e o fotógrafo Xurxo Lobato facéndolle unha reportaxe
Ningún comentario:
Publicar un comentario