O castrón de ouro de Darío Xohán Cabana foi premio Barco de Vapor en 1993; posteriormente publicado por Galaxia con ilustracións de Noemí López, no estilo característico desta autora, no que abundan as liñas curvas e os diferentes puntos de vista.
A novela conta como o día no que Tristán cumpre dezaoito anos ve por primeira vez o castrón estando na Casa dos Seus. Despois diso decide correr mundo, para engadir aos saberes librescos os coñecementos sobre os humanos costumes. O castrón vaino acompañando, ou máis ben levándoo. Cando o mozo quere volver o Mestre Leonel (que así se chama o gran cabrón) explícalle que a fraga na que están é un mundo, a fraga eterna, onde todos os camiños se cruzan e só podes saír dela cando os camiños queiran. As aventuras vanse sucedendo. Os personaxes van aparecendo: o barqueiro mudo, o Rei das Espadanas (un anano que se reflicte enorme nos espellos que para el creou a nai bruxa), o secuestro por parte dos xigantes antropófagos e como son rescatados polos habitantes de Cabrolandia, o encontro coa cerva ao que o lobo lle matou o fillo e que a partir daquela adopta a Tristán como tal, a visita ao seu poboado da Fraga de Xer e como alí o príncipe artella un proxecto político para axudarlles a defenderse dos piratas do norte, a historia do rei dun país verde ao que o irmán fai prisioneiro e consegue fuxir converténdose en paxaro coa axuda das pegas unha vez e outra transformándose en cervo. E nunha desas, Tristán aparece nunha corredoira porque a fraga rematou.
A novela é unha obra realmente especial, chea de fantasía e cunha escrita de moita calidade. O humor nas conversas, a abundancia de refráns ou a maneira de contar tal como pode apreciarse neste fragmento no que Mestre Lionel lle conta a súa historia a Tristán: "(...) pois eu antes chamábame Pan e era un deus. Era o deus das fragas e das montañas. Nunca se soubo de fixo quen eran meus pais, se é que os tiver, pois a verdade é que non lembro ter nacido nunca. (...) Eu vivía na Arcadia, e non vivía mal. Traballaba de veterinario de día, e polo serán amenizaba verbenas tocando a miña flauta. Nunca me faltaron as ofrendas, e ás veces tiña algún éxito coas ninfas. Daquela reinábame moito o putarío, non o podo negar, e algunhas veces teño abusado dos meus poderes divinos, pero en conxunto nunca lle fixen mal a ninguén. (...) Todo marchaba ben nos meus vellos tempos, porque a Arcadia antiga érache un verdadeiro paraíso para un deus. A xente de aló non se metía aínda en debuxos, nin se facía preguntas filosóficas sobre quen fixera o mundo e todas esas pataqueiradas que viñeron despois." Afirmacións no estilo de "pois, como é lóxico, todos os deuses somos ateos", "Que clase de deus sería eu, se non puidese deixar de ser deus cando me dese a gana?" ou "Fixen coas miñas mans este pazo, e formei unha coroa coacorna dun cervo que morrera de vello, porque un rei debe ter coroa aínda que este a no exilio"; xogos como a denomimación da Casa dos de Tristán que pode aparecer como a Casa dos Meus ou a Casa dos Seus, segundo quen fale... enriquecen a obra.
O mundo do lendario e marabilloso, a recreación de mitos, a indagación no identidade de Galicia son características que se recollen na presentación do autor. Unha imaxinación desbordante apoiada na crenza de que todo é posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario