Nós lembrarémolo nas súas obras, apartaremos o velo da tristeza para volver a lelo, para recuperalo niso que nos lega.
Antes de facelo, gardaremos o remol do seu compromiso inmenso co país e a lingua, gardaremos o sabor da dignidade que o enchía enteiro e repartía. Teremos un instante para pensar na inxustiza de como trata a vida á mellor xente. Doeranos todo o que perdemos de virtuosismo na creación e na tradución, no manexo da lingua e no sentir da terra. E iremos aos seus libros...
Darío Xohán Cabana, ademais de poesía, narrativa e ensaio, traduciu a Dante, Petrarca, Dumas ou Diderot. Na obra de creación, tamén se centrou na infancia. Para a prelectorado, primeiras lecturas temos Chucho Cacho, cunhas magníficas ilustracións de Ánxeles Maldonado, na colección Pequeno Merlín de Xerais, en 1994. Aquí é el, o ourizo o que nos conta a súa historia, dende que perdeu a nai e se ten que defender soíño converténdose nunha pelota de espiñas, ata que é adoptado polo Alberte que o leva para o seu horteiro, alí vai comendo vermes e caracois, coñece a Chicha Cacha e teñen ouriciños. Chirlo Merlo na figueira conta coas ilustracións tan características de Xan Balboa que nos remiten a un mundo fantástico de antigos grafismos; unha historia contada en verso na que rapaces e merlo andan arredor dos figos da figueira. Publicado na colección infantil de Sotelo Blanco en 1990.
Ningún comentario:
Publicar un comentario