domingo, 14 de novembro de 2021

Contos de obxectos de Xabier P. Docampo

 

Contos de obxectos de Xabier P. Docampo, con fotografías de DNL

Un libro de culto este Contos de obxectos, onde volver ao escritor, para recibilo nese retorno do viaxeiro, porque sempre estamos volvendo á casa, a ese lugar do que saímos para volver, porque se non houbera a onde volver non poderiamos irnos e cando escoitamos pasos de animal grande (en palabras de Avilés) poñémonos en camiño, buscando ese horizonte que é o da infancia e do que algúns nunca acaban de marchar. El nunca pechou esa porta, fixou con ela entornada para non esquecer nunca o que se sente cando un está máis preto do chan, cales son as preguntas e os mundos creados, cales o sentimentos e afectos dos que xa non nos poderemos desprender... por iso, cando escribe para pequenos e pequenas sabe como tratalos sen faltarlles ao respecto, de igual a igual (de como fun a como es, do que lembro ao que ti vives), nunca con “ñoñerías” nin bobadas senón sabéndoos coñecedores do mundo que os rodea.

Eu recupéroo contando estes contos, sacando do peto o obxecto que lle dá pé ao comezo ou en calquera momento para demostrar a veracidade do relato; é esa proba e testemuña contra a que se fai imposible loitar. Porque era un sucedido, algo que lle pasou directamente a el ou que ten escoitado e herdado, porque nós non contamos  coma quen fai teatro senón que o facemos unicamente para compartir historias que teñen acontecido e das que debemos saber, igual que os pequenos han de coñecer os contos clásicos, para aprender deles.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario