sábado, 20 de novembro de 2021

Os libros infantís de Darío Xohán Cabana

Inés e a cadela sabia está ilustrado por Ánxeles Maldonado, igual que o de Chucho Cacho que publicou Xerais na colección Pequeno Merlín. Vintedous pequenos capítulos que se anuncian con rimas. Dende un "nós" cóntasenos a historia dunha nena que é a pequena da casa, de como empeza na escola a onde a acompañan os dous cans (a cadela lista e o León que é bo cazador pero sen moitas luces para a vida diaria)... Ese narrador plural vainos adiantando o relato, parándose onde lle parece, falándonos de como sabe o que sabe, e remata coa gran aventura de cando a nena e os dous cans caen nunha mina buscando dinosaurios, pero todo remata ben cando o pai os atopa no medio da noite. A vida da aldea é o gran tema. Publicada no 2000, en  Rodeira, na colección Tucán, para lectorado a apartir dos seis anos.


Dende o Himalaia a Ceilán
. Lendas hindús contadas por Darío Xohán Cabana, publicadas por Galaxia (na edición galega de Editores asociados) na colección Árbore en 2004. Despois da situación (mapa dese mundo) e contexto (explicación acerca da India, sociedade, relixión, linguas e actualidade vainos contando o autor as lendas de Manu Vaivasvata, o deus da cabeza de elefante, a estrada no mar, Sakuntala, o casamento de Damaianti e o príncipe Siddharta. 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario