En Culturgal, dentro da caseta da Coordinadora de ONG atopamos a colección Defensoras de dereitos, dirixida a lectorado a partir dos quince anos. Seis títulos: Hayée Castillo. Sementeira de paz, Miriam Suazo e a digna rabia, Bea á procura da luz, María Cuc Choc. O corazón en alto, Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi. Unha colección impulsada por esta coordinadora sde ONG, a Asociación Galega de comunicación para o Cambio Social e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos.
A autora dos textos é a escritora e xornalista Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións foron creadas a catro mans entre a deseñadora gráfica Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas. Imprime a Deputación de Pontevedra.
Trátase de recoller a voz, a vida e a acción de diferentes mulleres mesoamericanas, defensoras de vida nunha das rexións máis perigosas do mundo para ser muller e defender dereitos. Así se recolle no manifesto "As mulleres están na vangarda das loitas pola igualdade, a xustiza e os dereitos humanos individuais e colectivos. Mulleres indíxenas, mestizas, negras, garífunas, mulleres do campo e da cidade, do mar e da montaña, mulleres nais, migrantes, lesbianas, transexuais, mulleres novas, vellas, mulleres árbol, mulleres paxaro, mulleres millo, mulleres cora..."
Cada un dos libros conta cun prólogo ou presentación que parte de situar á protagonista e o país, para centrarse na figura feminina (baixo o título "Pero... quen é?"), continúa co apartado "Para pescudar e reflexionar" e dous apartados finais coincidentes: o glosario e os recursos ou enlaces a páxinas web nas que ampliar información.
Unha magnífica presentación e deseño ao que acompaña un marcapáxinas por cada un dos volumes. Polo tanto, un bo contido nun estupendo continente. Parabéns!
Ningún comentario:
Publicar un comentario