Os versos de Ana María Fernández: Incesante vagalume. publicado por Galaxia en Costa Oeste. O primeiro que hai que sinalar é a ledicia de ver que nas coleccións xuvenís comeza a entrar a poesía.
Pequenos textos en prosa que dan entrada ao poema. Soños e un repaso pola vida nuns versos non tan claros e evidentes como acostuman ser os desta autora. Imos recoller un par destes textos para que sirvan de aperitivo, aínda que a temática non se preste, pero que resultan moi representativos de como funciona esta parella de prosa e verso.
(En cursiva) "Hai un acordo consensuado na multitude que enche o tanatorio. / O alto, o baixo, o parente e a descoñecida./ Todo ser humano fala de quen marchou. E parece coñecelo a fondo. / Pero eu miro por detrás das portas, nos arredores das casas e das bocas, / por se descubrise un sinal do máis alá, unha resposta esclarecedora / aboiando sobre as nosas mentes desorientadas."
(Agora o poema)
Non morreo el só. / Decapitados caen os andamios da súa sombra, / as letras do seu nome, / o eco dos seus berros. / Os que aínda vivimos, / imaxinamos carunchosos / os alicerces da súa vida, / as casas que habitou, / as prazas que paseou, / as axendas que mantivo incompletas. / Cantos libros lería? /A cantas xuntanzas, cursos, másters, asistiría? / Por cantas causas xustas loitaría? / Ao mesmo tempo, / esvaecen, desfiguradas pola derradeira fogueira, / as siluetas dos que amou. / Ben mirado, / os rastros das persoas coas que se cruzou no ascensor / son agora perfumes anónimos que matizan as ruínas incompletas. / Derrúmbanse os muros e as rúas dos seus pasos, / e comezan a vagar polo infinito grandes barcos de lembranzas, / que transitan con el, / ocultos, por decreto, / á insignificante percepción humana."
Ningún comentario:
Publicar un comentario