As aventuras de Txano e Óscar é unha serie da que aparecen oito entregas coas súas cubertas e títulos e a ameaza "Máis aventuras en preparación...". Os textos son de Julio Santos e as ilustracións de Patricia Pérez. A simple vista estamos ante unha proposta interesante na que dous irmáns que se comunican a través de telepatia despois da caída dun meteorito, dous amigos (unha nena e un neno da mesma idade) que os acompañan nas aventuras, igual que as súas mascotas (un can atopado na rúa e un esquío); tamén está a irmá pequena dos xemelgos Sara Li (que se supón chegada de Oriente) e os pais (el cunha tenda de antigüidades e ela tradutora). As aventuras vanse suceder unhas a outras porque con eses poderes e a colaboración de todos eles vai ser doado resolver misterios, atopar animais secuestrados e poder cobrar as recompensas... Unha casa na árbore, Área 51, será o seu refuxio. Claro que non faltarán os ricos bos que lles agasallan magníficos ordenadores de última xeración...
Un certo tufillo comercial, que lembra aos libros de texto feitos por informáticos; neste caso libros para a infancia con esa mesma base, tal vez axuden a crear o hábito lector, tal vez non vaian axudar moito á normalización da lingua (preséntanse tamén en castelán) pero aí están, tamén en galego, agora dependerá das persoas mediadoras que o entreguen na lingua do país. Ou de que esas mediadoras decidan de se ten a calidade suficiente ou non, eu confío nelas, en que o seu criterio decida en que investir os cartos e o espazo que non son infinitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario