O VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade recaeu na obra Ringo. Memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira.
Da presentación editorial: "Ringo é un coello que forma parte dun impresionante número de maxia do
mago Leo. A causa dun erro na execución do truco, un día aparece nun
lugar descoñecido, lonxe do circo. En compañía de Brétema, que o atopa
perdido, e dos amigos Gada e Aldán, vivirá aventuras e enfrontarase a
perigos mentres tenta regresar ao Circo Fantabuloso: unha comunidade de
artistas onde cadaquén expresa a súa singularidade. Imaxinación, enxeño e
humor intelixente mestúranse nesta aventura que aborda temas esenciais
como o valor da amizade, a diversidade, a empatía e o amor."
Ringo vainos contando a súa historia, a do circo no que traballaba cunha serie de personaxes ben curiosos e tamén o presente cuns compañeiros marabillosos, capaces de salvalo das mans dun mago tolo e interesado. Ter como amigos a unha nena que o adopta, unha rapaza saharauí e un neno cego que se fai acompañar dun can que o axuda. Eles son quen de resolverlle o futuro a un antigo actor, de escribir novas no xornal de escola ou de vivir felices mentres agardan que o mago manco de nome Leo e poda volver ao circo para compartir os seus días con toda aquela troupe de extraordinarios seres.
O autor utiliza a rima para facer máis alegre a prosa ou inventa un xogo de cromos de escritores e escritoras galegas para aproximalo máis a nós, o que tamén fai co nome da nena, Brétema, ou do neno Aldán que é forte coma unha rocha, e compensa a falta de vista coa agudeza nos outros sentidos. As ilustracións de David Pintor non defraudan, o seu estilo aparece depurado e a expresión na cara dos personaxes é magnífica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario