De avoa a netas, de Concha Blanco a Ana e Mariña: Eu tamén fun pequena.
Da presentación editorial: "Todas as noites, antes de durmir, unha avoa cóntalles ás netas como foi a súa infancia na aldea." Ilustrado por Dani Padrón (recreando unha Concha Blanco do pasado que moito se parece á actual, como recuperando o seu "ser nena") e publicado por Xerais na colección Merlín.
Comeza en poesía e remata da mesma maneira. Polo medio os contos que non son contos senón a evidencia de que a autora tamén foi pequena (aínda que ás netas lles poida custar traballo crelo). Todo comeza coma un sen querer. Unha noite cóntalles algo da cando era nena e escoitan con tanto interese que decide seguir contándolles, porque moitas veces se ten demostrado que as historias que máis lles gustan ás crianzas son aquelas de verdade, aquelas nas que relatamos algo noso, algo que vén de moi adentro e compartimos con elas, por iso, como non lles van gustar as que falan de cando as persoas que están próximas tiñan a súa mesma idade?
E di a autora, se lles gustan a elas igual tamén lles interesan ao resto da rapazada! E niso estamos, en compartir a infancia de Concha no seu Lires natal, dende que nace e o médico lle quixo poñer nome, os seus xogos, a relación cos animais da casa, de como era a vida cando non había auga nas casas, como e onde se lavaba ou como se conservaban os alimentos cando non había conxelador nin neveira, con que se alumaban cando non había electricidade fóra das casas, como era a escola daqueles tempos, como se tivo que desprazar a Ferrol para poder estudar, como se desprazaban cando non había estradas, que pasaba co galego naqueles tempos, que era andar co raposo polas casas, cando viñan cantar polas portas, como facían cando se poñían enfermos, como pescaban os rapaces ou os sustos que se pegaron o día que se foron na barca e non podían volver, se había ou non libros nas casas e na escola, as terapias con auga de mar ou con herbas ou como ían ás augas a Caldas, a relación cun fuxido da guerra que andaba escapado polo monte... E, como sucedía con Sherezade, as palabras vanse unindo unhas a outras, coséndose nas historias e alimentando os afectos, por iso, a imaxe final é unha man de adulta da que se prenden dúas pequenas. O libro é tan veraz que se recoñecen perfectamente as respostas de cada unha das netas atendendo ás súas idades e case carácter.
O que non se lle teña ocorrido a Concha...
Ningún comentario:
Publicar un comentario