O reiciño de Galiza de Víctor Hugo vén da man de Inacio e Iván Suárez.
Houbo un reino tan tan descoñecido que del falaban os de fóra, os de dentro esqueceran que algún día foi reino e os veciños rían se alguén o nomeaba. Era o de Galiza, se non que llo pregunten a Heitor Picallo ou a estes autores de banda deseñada que foron beber na fonte francesa de Víctor Hugo. E así souberon que o rei Nuno de quince anos foi secuestrado por dez infantes traidores que son tíos aos que o vello rei García e pai lles encargou coidalo. Andan a cavilar se entregalo a un rei sarraceno, pechalo nun mosteiro ou guindalo a un pozo. Nestas, chega un cabaleiro de brillante armadura, é Roldán, sobriño de Carlomagno, paladín de Francia, coa espada Durandal. Libera a Nuno que cabalga no cabalo branco ata a casa (Ao caer a tardiña apareceu Compostela, o cabalo cruzou a ponte que entra, e alí, á beira dun río de cumprido caudal, ollou o neno orfo o paraíso natal) mentres Roldán pelexa contra todos e cando lle cae a armadura descobren que é unha muller...
Unha historia ben antiga contada en rimas.
A modo de colofón unha cita de Víctor Hugo: "A verdade é similar ao sol: non se deixa ver, mais fai velo todo"
Da presentación editorial: "Nunha Galiza en tensión por manterse como reino independente, sete
infantes raptan a Nuno, o primoxénito do rei García II, inicia unha
aventura de rescate sen freo que deixará como rastro un río de sangue. A
traizón a un rei ten un prezo.
Inacio e Iván Suárez adaptan de xeito maxistral esta obra dunha das
mellores plumas do romanticismo, Victor Hugo, que fixou a súa mirada no
derradeiro rei de Galiza para rimar un relato épico e poético que
resulta imperecedoiro e fresco. Le petit roi de Galice, publicado dentro
da obra magna de Hugo La légende des siècles, recuperada a tradición
medievalista dos autores románticos enxalzando a loita clásica entre o
ben e o mal. Unha banda deseñada na categoría de delicatessen."
Ningún comentario:
Publicar un comentario