Muriel foi premio Merlín 2017. Así a presentaban daquela: "A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca de leite polas noites. E o seu olor e a calor do seu corpo. Coa avoa todo era sinxelo e todo era posible. A vida de Muriel volveu mudar cando coñeceu un raposo de sorriso enigmático e a Fígaro."
Agora, despois duns anos a autora dálle continuidade nesta nova entrega: Muriel. Caos no laboratorio lácteo. Fígaro desapareceu Muriel comparte o tempo co raposo Blim no castelo. "Apenas reciben cartas e botan en falta os atafegos doutra época. Mais todo muda logo dun lixeiro estrondo no laboratorio. A maxia e a ilusión envólveos por completo e involúcraos nunha misión fermosa e entrañable que, ademais, lles abrirá as portas da sospeita. Serán quen, os dous compañeiros, de desentrañar o misterio que hai tempo os intriga? Non hai elección, sube ao carro do leiteiro e... boa viaxe!"
Un laboratorio, un castelo, un neno e un raposo, Cartaria e Martiñeira, un reparto de cartas e botellas de leite, un carro transportador chamado Galerna atado a unha bici... Sofía, a que viaxa e corre perigos, as cartas que só se distribúen cando xa todo está resolto e non hai que preocuparse, un principiño e o seu raposo domesticado. O carteiro do tempo, aquel que só realiza entregas especiais. Un neno que herda o oficio do leiteiro cando este desaparece. A recuperación da nena Sofía convertida en mestra, o libro de receitas da avoa (o Recelácticus), a carta quer Muriel recibe de Sofía, mestra e que o dirixe á residencia onde vive a avoa tal vez perdida na néboa da desmemoria...
As ilustracións sitúan a historia, ás veces, de maneira ben orixinal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario