Mururoa é sobre todo iso, unha novela xuvenil que narra a desaparición dunha adolescente. Un tema que doe e se conta, un furado negro que crea unha sensación de desamparo e falta de creto nas estruturas que nos damos para a seguridade cidadá. Unha moza non volve á casa, a nai agarda a que pase a segunda noite antes de dar aviso; a súa situación de separación do home, a falta de relación fluída coa sogra e a filla maior -xa emancipada- faille tragar en soidade o principio do longa noite de desinformación. Como pode desaparecer unha moza e non ter ningún dato que poda servir? como pode ser que os vínculos familiares e sociais sexan tan leves que o sufrimento se converta en algo co que non se pode cargar?
Da presentación editorial: "Mururoa
é unha novela que afonda no comportamento humano, tanto a nivel
individual como colectivo, diante de noticias que nos afectan no máis
profundo do noso ser coma se fosen a explosión dunha bomba atómica. Unha rapaza, Iria, desaparece sen rastro ningún, pero deixa un
profundo desacougo na súa familia que, de súpeto, aprende que significa a
palabra “amor” logo dunha vida en que cada quen ía ao seu. A
desaparición da moza levará a todos a reflexionar sobre os seus
sentimentos e a dependencia que temos cos que nos rodean. Ao tempo, algo
pasa na vila, que tronza o cotián e que lembra ás xentes do lugar a
nosa vulnerabilidade máis absoluta fronte a unha falsa sensación de
protección." Esta é a primeira novela do xornalista Miguel Martín e está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.
É verán, agosto; un descanso antes de marchar a estudar a Madrid. Adolescencia: con todo o que supón de primeiros amores, relacións sexuais, sentimentos encontrados e segredos inconfesables... ata onde todo isto non dificulta a investigación? A falta de mostras de afecto, a vida de cada un por separado sen pensar demasiado nos demais membros da familia, as amigas que han de cumprir o papel de irmás.
Ao tempo que sucede esta desgraza familiar (e social, tamén, non?), a vila asiste a un feito insólito: a chamada Pedra do Equilibrio, un gran bolo que se apoia nunha moito máis pequena, nunha especie de inestabilidade que se mantén dende que hai memoria cae aínda que sin sufrir dano. O xornalismo buscando a noticia caia quen caia, a garda civil con algún punto que pode ser aproveitado polos medios de comunicación de non haber un entendemento, as mentes populares xogando co mito e os políticos aproveitando esa inxenuidade para crear máis vínculos de engano... de fondo os ensaios nucleares en Mururoa que non se aproveitan máis que para darlle nome e citalos de pasada. O autor, un xornalista, céntrase máis no papel da prensa que ten moi sabido e quizás non optimiza outros subtemas que poderían dar xogo. Certamente, no oculta o dos afectos que é algo que debe ser reflexionado.
Mururoa, un atolón na Polinesia francesa, un lugar de triste lembranza para a ecoloxía e que lembra o que as organización empresariais e os países poden facer para desaparecer aquilo que os molesta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario