Da presentación editorial;
"Noites confinadas mestura fotografa, pintura e poesía. É un canto á natureza, un recordatorio do valioso do noso planeta, da súa enorme fraxilidade, pero tamén da súa formidable forza e da súa capacidade de rexeneración. É un chamamento á responsabilidade e á conciencia colectiva e individual da cidadanía en relación ao medioambiente; unha invitación á reflexión crítica sobre a sociedade actual e o seu enorme poder destrutivo. É unha apelación a que un mundo máis sostible é posible.
Os seus autores:
Chema Mesía.
Profesor Titular de Artes Visuais e Educación e director do grupo de
investigación Arte-Facto na Universidade da Coruña. Doutor en Belas
Artes pola Universidade de Granada. O seu traballo artístico é
multidisciplinar, movéndose entre o comisariado, a ilustración, o deseño
gráfico e a fotografía contemporánea.
Ilduara Penas.
Mestra de Educación Infantil, Técnico Superior en Educación Infantil e
Diplomada en Educación Social. Vinculada ao ámbito educativo desde os
inicios da súa carreira, exerce como docente no primeiro ciclo da
educación infantil.
David Catá Artista contemporáneo, compaxinou os seus estudos de música co Grao en Belas Artes (2010) pola Universidade de Vigo. Continuou os seus estudos artísticos en Madrid cursando o máster “Concepto e Creación” no Centro Internacional de Fotografía e Cinema, en EFTI (2011), obtendo o premio fin de estudos. Traballa a fotografía, a videocreación, a pintura e a música e o seu traballo ten recoñecemento nacional e internacional."
Esta é a súa ficha bibliográfica
Un fermoso álbum con fiestras de lúa, coa noite e o confinamento como protagonista: cidades silenciosas, rúas baleiras. Fronte a lúa planta do dente de león, si esa que se soplas vai botando as sementes polo aire. Un ceo estrelado que observa como a natureza se rexenera: o mundo vexetal esténdese e o animal ocupa espazos dos que levaba moito tempo afastado, ata á lúa chegan as hedras... a vida ábrese paso mentres a humanidade fica pechada. Esa humanidade que precisa apoios para sosterse como esa cadeira de rodas debuxada no chan.
Unha obra fermosa na que aparece o papel vexetal dando esa outra pátina ás páxinas. Un xogo de artista no que se ve moi claramente a man de David Catá, ese creador que nunca deixa de sorprendernos e do que xa coñeciamos os dentes de león voando ou a pel das mans cosida nunha reivindicación da infancia persistente.
Habería que ver o que se agacha detrás do código QR que no meu caso non fun quen de abrir...
Ningún comentario:
Publicar un comentario