luns, 26 de agosto de 2024

Un novo libro de Miguel Alonso


Axencia Galega de Asuntos Máxicos de Miguel Alonso Diz está ilustrado por Víctor Rivas e publicado por Xerais na colección Merlín.

"Unha entretida novela de misterio e fantasía habitada por personaxes da mitoloxía galega." Así se presenta.

Sinopse: "A vida pode cambiar nun só día. Que digo nun día! Nunha hora, nun minuto ou mesmo nun segundo. Iso é o que lle pasou a Gabriel e iso é o que che pode pasar a ti se te atreves a camiñar polas páxinas deste libro. Entra no «Andel secreto» e acompaña a Gabriel e á súa veciña Lucía a coñecer un mundo cheo de maxia que, como comprobarás, está máis preto do que imaxinas."

O narrador conta en segunda persoa, dirixíndose ao lectorado; faino con destreza e axilidade, con gracia, coas repeticións necesarias, coa voz infantil que tan bos resultados ten dado e seguirá dando... para engancharnos a unha historia que flúe coma a auga dun manancial limpo. Un neno de case nove anos cunha irmá de sete, uns pais que son pais e o encontro co misterio. Co misterio chega unha amizade que o introduce nese mundo dividido en bos e malos, nos rescatadores e na Sociedade Exclusiva e Secreta en Beneficio da Exterminación da Maxia en Galicia.

O que menos me gusta é que nos deixa co mel nos labios anunciando unha continuación, pero pensamos que ben poderían ternos dado algo máis, que non se nos pode deixar así, sen saber que pasa con esa xentiña (saben os deuses canto tempo); algo "timados" si que nos sentimos porque acabamos de entrar na historia e péchannos a porta.

Gústame ese retomar as maneiras que nos lembran a Agustín Fernández Paz, as referencias culturais e literarias (ás súas Cartas de inverno ou a do autor Instrucións para ler este libro, A biblioteca de Pedrarcana, Na fogueira dos versos ou O valo)

Polo medio vainos dando algunha lección como a dos nomes de nenos e nenas, coma o respecto pola diversidade "porque todos somos diferentes" e non os hai mellores e peores, como as  buscas no diccionario...

Porque Galicia é o epicentro do mundo máxico e moitos rapaces e rapazas teñen un don: poder ver a eses seres que non son xente.

Marabillosas as ilustracións de Víctor Rivas especialmente as que nos levan ao seu gusto polas estéticas vitorianas coa que representa aos secuaces. Divertidísima a maneira de retratarse os autores cos bigotes revirados que caracterizan ao exterminadores de criaturas máxicas, aínda que eles non o son, senón todo o contrario: defensores e creadores de todas elas. 

Parabéns!

Ningún comentario:

Publicar un comentario