Miñoca achégase a coello pero a este dálle asco e trátaa de forma distante e incluso agresiva. Incluso os bicos son algo perigoso sobre todo se chos ofrece unha miñoca; por escapar deles, coello acepta entregarlle un anaco de pizza, ata un refresco, e... como o roce leva á amizade, cando se dan conta cóntanse chistes e rin xuntos. Daquela, xa contra o final, aparece unha lesma que tamén quere amigar, e que pasa? cal imaxinades que é a reacción do coello e da miñoca?
martes, 11 de xaneiro de 2022
Banda deseñada para os pequerrechiños e pequerrechas
domingo, 9 de xaneiro de 2022
LIbros para a inclusión
Unha biblioteca, sempre que dea servizo, que permita a entrada e o préstamo, que colabore realizando unha recomendación personalizada... sempre é inclusiva, porque nela hai libros para diferentes idades e para diferentes competencias lectoras. Aínda así, hai que entender, que son necesarios libros de lectura fácil.
Aquí teño as 20.000 leguas baixo os mares adaptación realizada pola Asociación Juan XXIII e publicada por Galaxia, con este selo de Lectura Fácil. Nela, boto de menos unhas ilustracións algo máis atraentes (e refírome ás interiores) porque nunca debemos esquecer que o libro ademais de educación literaria leva aparellada a educación artística a través das ilustracións e o deseño.
Outros quer tamén teño a man son os de Kalandraka e Bata: O coelliño branco (que aparece subtitulado como "Texto de Bata, a partir da versión de Xosé Ballesteros con ilustracións de Óscar Villán") e A ratiña presumida ("Texto de Bata, a partir da versión de José A. López Parreño"). Ambos con selo de Libro con pictogramas e na colección Makakiños.
Agradecemos estas publicacións en galego, porque tamén aí temos que normalizar a lingua.
martes, 4 de xaneiro de 2022
Un libro traducido e outro non
O libro traducido é Aprendiz de cabaleiro. Os dragóns non saben nadar de Vivian French e David Melling traducido por Antonio Tobar para Tambre. A presentación editorial conta: "Sam soña con se converter nun nobre cabaleiro, pero non sabe como conseguilo. Unha viaxe dos pais obrígao a convivir no Castelo Mothscale con Prune, a súa prosmeira curmá, co seu excéntrico tío Archibald e máis coas estrañas criaturas das que se ocupa a tía Eglantine. Cando o dragón Godfrey queda atrapado nun pozo, Sam e Prune descobren algo incrible que podería axudar a que o mozo faga realidade o seu soño". Trátase das normas para converterse nun verdadeiro cabaleiro, agora todo vai ser máis doado, ademais a prima vai entrando en razón e pode ser a fiel compañeira que precisa para as aventuras.
O libro presenta os paratextos aos que nos teñen acostumados, nos que o deseño coas tipografías (e demais) ten un valor semellante ao resto. Unha presentación que busca o imaxe do best seller para estas idades, unha historia que corre por bo camiño, unhas ilustracións en branco e negro que complementan todo o anterior...
Por outra banda, aparece Pegadas na tinta, unha novela situada no antigo Exipto. Da presentación editorial: "Hermontis é unha cidade tranquila, lonxe da trasfega cosmopolita de Monfis e do esplendor crecente de Tebas. Nun lugar así non acontecen grandes tramas. Por iso, o intento de asasinato do gobernador foi tan inesperado. Como ían imaxinar Harsa e Takara que a investigación dun pequeno incendio os levaría a esclarecer un caso tan importante?" Porque diso se trata, dunha investigación para descubrir o que se agacha detrás deses feitos, porque non todo é o que parece... Un xove policía e unha moza escriba resolverán o caso.
Un atentado ao gobernador, un roubo e queima de papiros... unha trama que hai que desentrañar porque as traizóns deben pagarse. Unha novela para lectorado a partir dos doce anos, escrita por Clara Vila - Amado e publicada por oqueleo.
luns, 3 de xaneiro de 2022
Un libro que acadou o Premio Agustín Fernández Paz para a Igualdade: A cidade do átomo
A cidade do átomo de Iria Misa está publicada por Xerais na colección Merlín.
A explosión dun reactor na pranta nuclear de Chernóbil convertiu a cidade de Prípiat nun espazo fantasmal. A cidade está en ruínas e só habitada por rapazada que se empeña en mantela en funcionamiento, mentras agardan que os pais volvan. Pretenden darlle continuidad ao que recibiron, ao que sucedía antes do accidente: as rutinas coa cultura soviética e o seu imaxinario, iconos e mitos.
Nunha especie de Señor das Moscas vemos unha sociedade gobernada pola infancia. Un neno (Máscara) e unha nena (Lena), por diferentes razóns, mantéñense a certa distanciase, sin integrarse de todo no grupo. Ela leva as marcas da radioactividade na pel (a ninguén lle gusta verllas) e segue sin entender que foi da súa mellor amiga, unha rapaza da súa idade.
Un misterio percorre a
ciudad. Un enigma que nos vai lembrar películas de referencia ou obras literarias que sempre temos presentes. O misterio, o realismo máxico camíñana en silencio.
sábado, 1 de xaneiro de 2022
Os versos de Ana María Fernández: Incesante vagalume
Os versos de Ana María Fernández: Incesante vagalume. publicado por Galaxia en Costa Oeste. O primeiro que hai que sinalar é a ledicia de ver que nas coleccións xuvenís comeza a entrar a poesía.
Pequenos textos en prosa que dan entrada ao poema. Soños e un repaso pola vida nuns versos non tan claros e evidentes como acostuman ser os desta autora. Imos recoller un par destes textos para que sirvan de aperitivo, aínda que a temática non se preste, pero que resultan moi representativos de como funciona esta parella de prosa e verso.
(En cursiva) "Hai un acordo consensuado na multitude que enche o tanatorio. / O alto, o baixo, o parente e a descoñecida./ Todo ser humano fala de quen marchou. E parece coñecelo a fondo. / Pero eu miro por detrás das portas, nos arredores das casas e das bocas, / por se descubrise un sinal do máis alá, unha resposta esclarecedora / aboiando sobre as nosas mentes desorientadas."
(Agora o poema)
Non morreo el só. / Decapitados caen os andamios da súa sombra, / as letras do seu nome, / o eco dos seus berros. / Os que aínda vivimos, / imaxinamos carunchosos / os alicerces da súa vida, / as casas que habitou, / as prazas que paseou, / as axendas que mantivo incompletas. / Cantos libros lería? /A cantas xuntanzas, cursos, másters, asistiría? / Por cantas causas xustas loitaría? / Ao mesmo tempo, / esvaecen, desfiguradas pola derradeira fogueira, / as siluetas dos que amou. / Ben mirado, / os rastros das persoas coas que se cruzou no ascensor / son agora perfumes anónimos que matizan as ruínas incompletas. / Derrúmbanse os muros e as rúas dos seus pasos, / e comezan a vagar polo infinito grandes barcos de lembranzas, / que transitan con el, / ocultos, por decreto, / á insignificante percepción humana."
venres, 31 de decembro de 2021
A nena lectora, un novo libro da colección "A pequena memoria"
A nena lectora de Manuel Rivas é o segundo libro da colección "A pequena memoria" que comezou con A lavandeira de San Simón. Garda coa primeira o formato de libro grande con pastas duras e ilustracións abondosas, tamén un texto informativo ao final onde se relaciona o relato coa Historia dos tempos nos que está situada e as imaxes de fotografías daquel tempo nas gardas.
Recuperar a memoria é necesario, por iso, despois da historia anterior relacionada co campo de concentración na illa de San Simón nos tempos de guerra e posguerra, acaía este ano (no que celebramos o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán) recalar na Coruña que se reflicte no seu libro A tribuna. Son os tempos retratados, unha familia de pai trapeiro e nai misteira, cun irmá maior que lles le e ha de fuxir, despois de protestar contra a guerra de Marrocos. Cando el se vai a nena acude á escola de Antorcha Galaica disfrazada de neno para aprender a ler, porque nas lecturas están os soños, as vidas que vivimos fóra da nosa, está tamén o valor da cultura e da aprendizaxe ou por facer posible un mundo mellor. No medio dos trapos o pai trae tesouros para a casa, restos que alguén tirou ao lixo e que eles aproveitan como eses espellos deformes ou unha medio autómata coa maquinaria á vista. E... esa nena que lle le á nai na enfermidade e, posteriormente, ás mulleres da fábrica, mentres traballan, é unha luz que as fai soñar e tamén unha esperanza porque é muller e le, porque é pobre e sabe.
As ilustracións son de Susana Suniaga, quen ganou o concurso de carteis do Salón do Libro o ano dedicado ao humor.
mércores, 29 de decembro de 2021
Para tempo de Nadal, algún libro con esta temática e algún álbum
Xa doutros tempos pero falanndo de Papá Noel e de como se esqueceu de pedirlle o que máis quería: Tento e mailo Nadal de Ricardo Alcántara e Gusti. En Tambre.
As caras da miña choiva de Kristine Sabaite. O libro dunha ilustradora que nos introduce no tipo de chuvias. Un libro orixinal que hai que xiralo, que se le nun sentido non convencional. A avoa di que a chuvia ten moitas caras que só as persoas quer quedan quietas poden ver, e van aparecendo os nomes: bauxa, cebra, arroiada, mera, trebón, xistra... En Galaxia
En Tambre, O desexo do coello de Ramona Bâdescu e Delphine Durand. O coello ten un desexo que non chega a ver claramente, mentres tanto aparece o esquío que ten o desexo de merendar con el e parolar, o oso formigueiro que trae pasteis e ten o desexo de comelos compartindo con eles... de pronto, o coello descubre cal é o seu desexo, méteos no coche e emprende o camiño cara ese anceio.
A receita do queixo lunar de Paloma de Toro, con ilustracións de Nuria Díaz e publicado por Galaxia. Porque Petroski, a queixeira, vivía na lúa soíña, pero un día aparece unha astronauta terráquea que se asusta cando a descobre. Ela dende a lúa e a outra dende a Terra, chegan a atoparse a través da lente de sendos telecopios e descobren que non hai que asustarse da outra, que poden ser amigas... Un libro no que igual atopamos moito texto para o que conta...

