sábado, 5 de febreiro de 2022

Libros de tamaño grande

Ás veces atopamos libros cun tamaño que nos semella excesivo para o seu valor literario, incluso por veces tamén, para as ilustracións que acompañan o texto, por iso sempre animamos a pasar pola libraría a coñecer as novidades, a deterse na lectura de imaxes e texto e non deixarnos levar polo reclamo comercial ou polas dimensións.

Enyd e o bosque esquecido de María Quintana Silva, ilustrado por Silvia Álvarez e publicado por Triqueta Verde na colección "Camiñemos cara a un mundo verde". Porque no bosque están fartos do lixo que lles levan os humanos, o mapache decide comezar a protesta, vaino seguir Enyd e o sapo. Ao chegar á cidade, os veciños secúndanos. Ademais, vai arder o bosque e van traballar por recuperalo. 

Un texto que defende valores medio ambientais. Un libro con grandes ilustracións moi coloristas, realizadas a pastel, que non só enchen a páxina senón que nun caso se abren a ambos lados duplicándose e converténdose en doble páxina.  

Olivia e o clarinete máxico de Francisco Álvarez Koks con ilustracións de Emilio Baz e publicado por mr.momo.es en tres linguas (galego, castelán e inglés) cóntasenos a historia dunha nena que atopa o clarinete de seu avó nun baúl; decide tocalo e cando o fai nun concerto sente que todo se ilumina como nunha milagre.

A editorial Fervenza que nos tiña acostumadas ao teatro, está a publicar relatos ilustrados e álbumes. O porco Farruco de Margarita Fernández, ilustrado por Sabela Cadarso, con algunha rima que non se sitúa no final da liña e unha historia: a do porco namorado da veciña que pensa que non lle corresponde porque está pálido así que decide baixar á praia; ante a cantidade de dificultades que lle van xurdindo el repite:"Seguirei adiante con tal de coller cor  /  Ai, canto se fai por amor...!" Ilustracións dixitais moi evidentes.

Unha ponte para Najla. Construíndo unha ponte de amor entre os pobos de Maite Herrero Ameixeiras con ilustracións de Joseba Plazuelo. A avoa fala cos netos do Libro da vida, de que se pon triste ao ver os sirios fuxindo e acórdase de cando no 1939 un tío seu estivo nun campo de refuxiados francés "porque calquera persoa de calquera lugar se pode converter en refuxiado". Os netos coñecen unha nena siria que acabará indo á súa escola e usan camisetas que levan o lema Open the borders,o irmán ten un soño no que ve como os refuxiados dun lado do mundo se poden atopar no medio dunha ponte de luz cos do outro lado.




mércores, 2 de febreiro de 2022

De cando te volver SUPER

 Ver las imágenes de origen

Susana Sánches Aríns sacou do prelo, en Cuarto de inverno, SuperUlex, unha novela escrita en pequenos capítulos ao redor dunha rapaza que despois dun proceso de quimio adquire unha forza inusitada e con ela unha seguridade asombrosa. Está disposta a facer xustiza, e se Batman ten con el a Alfred, ela vese apoiada pola bisavoa. Ela é quen lle fai o traxe, quen a asesora, quen lle razoa e está sempre aí. Con ela formarán equipo tamén, aquelas rapazas e rapaces aos que vai salvando das gadoupas do terror, deses malos que sempre andan polo medio creando problemas. Coma anxos a bisa e a Susa (a tía), a primeira facendo de anxo malo vingativo se fai falla, Susa politicamente correcta coma un anxo bo, branquiño.

Clara está feita un mar de dúbidas, os seus sentidos moi desenvoltos, unha pel estremadamente sensible,unhas reaccións imprevisibles, unhas ansias de xustiza urxentes, unha tropa fandanga, unha bisavoa e un código ético. Non podedes perder esta oportuidade de entrar nunha historia realmente novidosa na escrita e no contido, na argumentación e na normativa. Nada vos defraudará!

domingo, 30 de xaneiro de 2022

Varios libros infantil en formatos varios

 A caca cuca de Irene Gasalla, ilustrado por Bea Gregores e publicado por Galaxia. Preséntase así: "Poderias contar…cantas cacas de can pisaches? Eu son a CACA CUCA, e a min de seguro que me esquivaches!" Trátase de denunciar aos "porcos e porcas" que non recollen as cacas dos cans; neste caso, fala en primeira persoa unha destas cacas, avergoñada de que o seu dono a deixe tirada no chan, onde calquera pode pisala, onde calquera pode mancharse, onde calquera cousa pode provocar que se estenda e así emporcallar as rúas ou a natureza. Un libro necesario como aquel de ¡Un can no piso! ¿E que? ou Quen recolle as cacas do can? O noso mundo vaise enchendo de merda de can e eles non son responsables, por iso, está ben que a rapazada lle vaia poñendo nome a quen ten ese tipo de condutas. 

As ilustracións de Bea Gregores, máis planas e simples que de costume pretender achegarse aos máis pequenos e pequenas da casa, seguindo o seu estilo propio.

 
A nena de Mario Caneiro con ilustracións de Eva Rieiro, publicada por Medulia. Así a presenta a editorial: "Álbum ilustrado que conta a historia dunha nena a quen, por primeira vez na súa vida, lle regalan unha boneca. A vida na casa da aldea, o fume da cociña, os xogos ó aire libre, son elementos que están presentes neste conto que achega ás nenas e ós nenos ó valor das cousas inmateriais, por riba mesmo dos agasallos." Unhas ilustracións moi especiais, combinadas con fotos para retratar un tempo no que non había xoguetes; daquela, cando o pai lle trae unha boneca de cartón e ela coas présas, por obedecer a chamada da casa ao anoitecer, esquécea fóra, e a boneca desfaise baixo a choiva que cae pola noite. Todo o gozo un pozo... As lembranzas do episodio e, sobre todo, duns días nos que todo era escaso.
 

Bos días, avoa de R.J. Penalta Blanco e Blanca Millán. Preséntase así: "De mañá, moi cedo, espértanos a nosa avoa. Ela vístenos, lévanos á parada do bus, fai o xantar, xoga e apréndenos moitas cousas. Ten moitísimos anos, aínda que non sempre tivo tantos. Quérenos moito, e nós tamén a ela. Queres coñecela?" Pois si, contestamos, queremos coñecer a avoa. Unha avoa que o fai todo, sen descanso, ela atende a casa e ás dúas netas xemelgas, cando remata o día, a avoa continúa traballando mentres agarda polo pai e a nai das pequenas. Cando eles chegan atópana durmida na sala, e mentres a nai lles vai dar o bico de boas noites ás rapazas, o pai leva á avoa no colo ata a cama, porque ela encolle cos anos e está tan cansa... Esa avoa que vai nos brazos do fillo, como unha nena, inspíranos moita tenrura porque ela tampouco esperta ata o día seguinte cando todo comeza de novo.

Esta parella de Penalta e Millán xa nos ten ofrecido obras de moito interese como Acouga, Babau ou Monstro de ollos vermellos. Esta vez, as ilustracións son moi coloristas pero non resultan tan logradas coma nos casos anteriores, esa avoa tropeza un pouco coa nosa visión... e fainos preguntar, que pasa coas avoas? por que a ilustración queda un tanto sorprendida ante elas e a súa representación non nos resulta tan amable como o foi no pasado?

venres, 28 de xaneiro de 2022

Álbums de ceración galega e traducidos

 
Hai que dicilo, o que máis se está publicando é álbum; a onde máis se está mirando é para os máis pequerrrechos e pequerrechas. 

A escola é un bo barómetro, a familia atende, asiste, acompaña, non perde de vista... aos escolarizados en educación infantil. Mentres as crianzas andan por preescolar pais e nais non saen do recinto escolar, acoden cada vez que se lles chama,  están prestos a botar unha man. Despois, as cousas van cambiando. Nas compras pasa igual, nas librarías sábeno e as editoriais tamén, por iso, o que máis se publica é o libro infantil dirixido ás primeiras idades.  

E así van aparecendo novas editoras que nos traen estes produtos:

A miña árbore secreta de David Pintor. A árbore que planta o avó e da que gozan diferentes xeracións; de avó a neta ata que alguén a corta para facer edificios, daquela, a nena volve acordarse do avó. A identidade, a defensa da natureza, as árbores en vez do cemento, a vida que é segada... Un ilustrador que agora crea imaxe e palabra.  

Animalalfabeto de Eva Mejuto e Nuria Díaz en Triqueta Verde. Cada animal, unha letra: a para abella, b para bolboreta... e unha pequena historia con esas letras destacadas, unhas veces rimando e outras non, pero sempre con ritmo. Unha obra ben levada: despois de presentar todas as letras, unha plana de chuvia, porque chove sobre o mundo e cando iso pasa de forma esaxerada, xa sabemos: Noé e unha arca aparecen e... "Xa que imos para un undo novo... que sexa un mundo mellor".

Mamá, de onde veñen os bebés?. De onde veñen os bebés? —pregunta unha nena. As palabras da súa nai, embarazada, convídannos a descubrir como en todas as culturas as respostas se enchen de simbolos e de poesía. Un conto escrito por Caterina Valriu e ilustrado por Toni Galmés, que celebra a diversidade da vida e que nos conecta coa natureza e co misterio." 

Publicado por Hércules para axudar a todas as nais que teñen que responder a esta pregunta, para presentarlles e ler ás súas criaturas, para abordar o tema da vida dende o principio dos tempos. Porque para unha nai embarazada, apoiarse no globo terráqueo é poder falar da vida ao completo, da biolóxica e a cultural, por iso, ten que preguntar a nena (porque quere unha resposta ao máis próximo): "-Mamá, se foses ti, a miña nai, que me dirías? -Ela está aquí dentro do meu ventre, a túa irmá". E as gardas, con bebés voando e movéndose polo espazo en branco, coma anxos nun ceo, como formas de vida na natureza...

martes, 25 de xaneiro de 2022

Premio Fina Casalderrey para a igualdade. A pita xefa.

A pita xefa é a obra gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2021). Da autoría da actriz e escritora, Marta Lado, e cunhas estupendas ilustracións de Marina Seoane, que queren simular colaxes, unha historia para avanzar na igualdade.

Así se presenta:"Unha pequena pita cun soño pode facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué... pero, sobre todo, pode conseguir o máis importante: mudar as normas do galiñeiro!" Diso se trata dunha pita que quere ser xefa e á que se lle di o acostumado, que non pode ser, que sempre foi doutra maneira, que o galo está máis preparado... pero o seu empeño é tanto que hai reunión e entre todas amañan o asunto. De novo, estamos ante unha obra que dá para pensar, que racha estereotipos alí onde o hai que facer e que pon a mudar as cousas. UNha obra sobre a sororidade e a democracia.

xoves, 20 de xaneiro de 2022

Dúas traducións nunha nova colección de libros

A Reixa acaba de poñer en marcha a colección Little Neno con dous títulos en galego: "Little Neno descobre... os Beatles" e "Little Neno descobre... os Rolling Stones". Libros relacionados coa música, escritos por Dani Llabrés e ilustrados por Jaime Pantoja, traducidos do castelán por Valeria Pereiras

Ademais de bar, tenda e produtora musical, a Reixa convértese en editorial. Comeza con Little Neno: un neno que descobre aos Rolling e os Beatles e, no futuro, agardan adentrar na historia dos Tamara e a Movida Viguesa. Así se presenta un deles: "Cando Little Neno queda durmido sempre suceden cousas estrañas. Pero estrañas de verdade... Renato, o seu oso de peluche, marchou nun curioso submarino amarelo. Para atopar o seu querido amigo, Little Neno terá que contar coa axuda de personaxes sorprendentes coma o tolo do outeiro, o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes e unha morsa."

Para mergullarse no mundo da música e das súas bandas lendarias, para compartir referentes musicais cos maiores, para fomentar a cultura musical das criaturas...  

Un código QR dá entrada ás cancións do libro.

martes, 18 de xaneiro de 2022

Libros para seguir reflexionando sobre o acoso escolar e... botar unhas risas

Libros para seguir reflexionando sobre o acoso escolar, para gozar da boa escrita, para continuar lendo a un escritor de recoñecida valía.

Papá caníbal de Antonio M. Fraga, con ilustracións de Santi Gutiérrez, publicado na colección Merlín de Xerais, preséntase así: "Fedora está farte de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal, desa maneira pretende o prestixio perdido e poder resincorporarse ao traballo. A partir de aquí iniciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín. Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e reatadamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!"

Dúas voces: a de Fedora e Efebeí, declaran ante o inspector tentando aclarar os últimos acontecementos, ao modo no que se facía en Sostiene Pereira.  Cada un vai achegando a súa verdade. Chegado o final, o autor pásalle o protagonismo ao lectorado pois poderá escoller entre un final feitiño e un final macabro (con morte incluída).

Unha obra diferente, que non nos vai deixar indiferentes.