sábado, 14 de xaneiro de 2023

Un par de libros para peques

 

Agora somos tres, de Georgio Volpe e ilustrado por Paolo Proietti (con lapis de cores) nun álbum publicado por Edicións do Cumio. O raposo asiste á chegada da primavera. Roibo prepáralle unha sorpresa a Chío, o esquío que está a piques de espertar da hibernación. Presentaralle ao amigo que fixo neste tempo, Bas? Dubida se é boa idea. E se pensa que agora non lle quere? E se agora se fan amigos eles e non lle queren a el? Como o ve raro Bas sígueo, como o ve raro Chío sígueo... así que se atoparán os tres, el confesa os seus medos e todo se resolve. Serán aínda máis felices!

Se eu fose un gato de Paloma Sánchez Ibarzábal, Anna Llenas. OQO. Realizado con colaxe. 

Respostas á pregunta: Que pasaría se fose un gato? O que lle gusta e o que non, o que faría e o que non, o que podería e o que non... pero sempre sería o teu amigo. O mundo das mascotas e o que fas ou agardas delas.

xoves, 12 de xaneiro de 2023

 

Miñoca e Pega de Ramón Veiga e Iván R. na colección Merlín cómics de Xerais

Estes dous animais  fanse amigos despois de falar, Miñoca vaille axudar a Pega a buscar comida mentres observan ás gavotas roubando o alimento e... cagando. 

Historias sinxelas para lectorado inicial. Unha serie de banda deseñada.

A pantasma da illa de Cortegada de Paula Carballeira e Blanca Millán publicado en Triqueta Verde. Imos cambiar o sentido da lectura e facelo en vertical. Vaise presentar o Parque Natural das Illas Atlánticas e unha historia. 

Din (mariscadoras e pescadores) que hai unha pantasma que vai por diferentres lugares, que se volve vento entre os loureiros. Por moito que miran con prismáticos dende Carril non a ven, ata que Maruxa a brava fai a aposta: ela pasará a noite alí a cambio dunha empanada de ameixas. E alá vai, descalza, camiñando, senta no cruceiro fronte á ermida, escoita queixas (será un moucho?), pranto (será unha londra?), un sopro frío de vento (o outono?). Ela non teme as luces entre as árbores nin aos gruñidos (xabaríns?) pero a piques de volver, na amañecida, sente algo que lle roza as costas e non é unha rama... a pantasma!, unha muller moi branca que lle sorrí. Bailan e promete volver. Cando come a empanada e lle preguntan ela contesta: Sei o que sei. O misterio debe seguir. E as maneiras galegas tamén, porque nos movemos entre a dúbida.

luns, 9 de xaneiro de 2023

 


Milo e loberto
de Gaston Caba publicado en Edicións do Cumio. Unha banda deseñada infantil. Dous seres con cabeza de gato e raposo, ambos con cairos... son monstros? son nenos?

 A rede de Inés de Paula Merlán con ilustracións de Silvia Álvarez, publicado por Lata de Sal. Lapis de cores. Inés pesca con rede peixes que mete na peceira. Os pais pídenlle que libere os peixes... pero queda durmida e soña que está dentro dunha burbulla, así descende ás profundidades mariñas, sentíndose peixe, bate con plasticos e latas; cando volve á casa faino co coproiso de devolver os peixes ao mar e axudar co medio ambiente. Esperta cando os pais a espertan para levar os peixes ao mar e agora xa non pesca peixes senón refugallo.

sábado, 7 de xaneiro de 2023

De mulleres e néboas

As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores

Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo. 

Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas. 

Porque hai presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias: vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade  e pola que a recoñecemos.

martes, 3 de xaneiro de 2023

Libros infantís con información e... algo máis

De festa en festa. Un percorrido por algunhas celebracións da península de Ramón D. Veiga, ilustrado por Sr. Reny e publicado por Edicións do Cumio. Vanse presentando as festas seguindo as estacións, en inverno (Noitevella, Vinajera, Carnaval, Fallas), primavera (cerdeira en flor, moros e cristiáns, feira de abril, os maios), verán (a noite das fogueiras, festa dos tabuleiros, descenso nacional do Sella, o cipotegato) e outono (a vendima, festa da rosa do azafrán, magosto e samaín).

Ilustracións enormes e letra pequena para explicalas, localizala, datalas e recoller a declaración, explicar a tradición e engadir unha historia, nota de prensa ou poema relacionado coa festa. 


Quen é quen? de Vera Galindo, Bululú. O mércores ás 12 é o día das máscaras na escola, desta maneira cada un pode ser o que queira. Como sempre pasa, na escola aprovéitase para ampliar coñecementos, para expandirse, polo tanto falarán das máscaras dende a antigüidade e nos diferentes lugares do mundo (Exipto, grecia para o teatro, Xapón, culturas indixenas (chamáns), Idade Media... Nesa hora, xogan, bailan, divírtense e sémtense coma os seus personaxes. Ás 13 horas todo volve á normalidade, agora, seguirán sendo o que queiran ser (científicos, músicas, pintores...) mesmo sen máscaras.

 

domingo, 1 de xaneiro de 2023

Premio Los mejores 2022 del Bando del Libro de Venezuela

 

Un comité de expertos formado polo equipo do Banco del Libro co apoio de académicos, investigadores, libreiros, bibliotecarios e autores de literatura infantil e xuvenil realiza unha seleccióndos mellores libros publicados ao longo do ano. Nesta edición avaliáronse 257 títulos do ámbito editorial latinoamericano, dos que resultaron 185 finalistas procedentes de países como Chile, Argentina, México, Colombia, Venezuela e España, entre outros. Dende que en 1980 se puxo en marcha esta iniciativa, a selección do Banco del Libro convertiuse nunha referencia internacional. Lembramos que a institución, fundada hai 62 anos, dedícase á promoción da lectura a través de diversas campañas.

Nesta edición destacouse cunha mención especial o libro Informativo, Crías de animais do Tándem Seceda e Esther García destacando a tenrura das súas ilustracións e a capacidade do texto para transmitir "esa sensación de dozora que acostuman xerar os bebés." Outros tres libros de Kalandraka, resultaron ganadores deste galardón: Ocultos en el bosque, Álbum de familia e El vuelo infinito.

mércores, 28 de decembro de 2022

Libros para prelectorado

Dentro da colección Do berce á lúa, acaban de aparecer dous novos volumes: Bebé e Dó re mi. Da autoría de Antonio Rubio e Óscar Villán, traducidos por Manuela Rodríguez e publicados por Kalandraka. Vexamos unhas contadas con outros dous libros desta coleccións que nos abrirán fiestras á nos apropia presentación deste outros dous volumes. Lembremos que sempre se trata de poesía pictográfica ou algo parello coa que xogar e entregar texto e imaxe da mellor calidade. 

Moi logrados. Dó re mi cunha marabillosa rima que nos conduce ao longo das páxinas e nos levará a outras creacións. Bebé, con esa sensibilidade que nos mostra a evolución da vida dende o pricipio e ata o final nese afirmación tan certeira de cando o bebé bota a andar fai igual igual que todos os demais (animais incluídos, por@que tods estamos no mesmo planeta).