martes, 12 de setembro de 2023

IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Xerais

O IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético que publica Xerais, recaeu este ano en O caderno de rama de Ánxel con X. Unha historia ben interesante e moi ben contada.

Ilustracións claras, elipse bastante axustada e unha mensaxe que non deixa a ninguén indiferente. Así se presenta: "Por mor da guerra que asola a cidade, un rapaz queda orfo. Cando é trasladado ao orfanato, descobre que as únicas pertenzas que lle quedan (un caderno e uns lapis que lle regalara a súa nai) teñen poderes máxicos: todo o que debuxa vólvese realidade. Co poder da imaxinación e a axuda dos novos amigos que crea, tentará fuxir do orfanato e atravesar a cidade para volver á súa casa. Pero os temibles Homes Máscara, os soldados que están invadindo a cidade, non llo porán nada doado..."

Declarouse a guerra porque dous homes se incomodaron, o pai está condenado e defender a un deles no medio das batallas. A nai e o neno permanecen xuntos tentando que a vida continúe cos menos cambios pero as bombas caen sobre a casa e o neno (so) é levado con outros nenos e nenas a un orfanato. Na mochila o derradeiro agasallo da nai: caderno e cores que lle retiran ao entrar na institución (menos mal que gardou unhas cuartillas e ten o lapis no  peto). Pola noite ponse a pintar, debuxa un boneco que se fai real e o acompaña. Xa son dous. Necesitan recuperar o resto do material, para iso, gastan a derradeira folla pintando unha ponla con gallas que lles abre a porta (xa son tres!), atopan o que buscan pero os Homes Máscara atópanos a eles; han de fuxir, para iso pintará un avión e sairán voando ata que aterran no medio da cidade sen atopar a súa casa. Para defenderse dos Homes Máscara (que xa están aí) debuxa un Monstro Verde que os defende. A rapazada que escapou do orfanato, aproveitando a fuxida deles, axúdalles; eles están refuxiados na tenda do barrio. Déixalles ao Monstro para que so defenda e fuxe coa pola e o osiño porque anda preto da casa, pero as bombas regresan; o ser de madeira é vítima dos guerreiros, o osiño quere alas para voar e parar as bombas mentres el regresa á casa, destruída; daquela durme, soña cos seus amigos e a nai, pintarán unha porta e fuxirán... 

Unha historia triste, de guerra. Unha historia esperanzada sobre o poder da creación. E, sobre todo, unha historia que nos fala de como só nós poderemos salvarnos dos Homes Máscara.

domingo, 10 de setembro de 2023

Aumentan os títulos da serie "Crías de animais"

 

Aumentan os títulos da colección "Crías de animais" cos títulos Asia. Quen son? e Terras Polares. Quen son? de Tándem Seceda (Chema Heras, Isabel Pelayo, Pilar Martínez e Xulio Gutiérrez) con Ester García nas imaxes.

O oso panda, o macaco xaponés, o dromedario, a raposa voadora, o tigre, o orangután, a cacatúa filipina por Asia. O maior continente do mundo, onde se atopan as montañas máis altas. os desertos máis áridos e as selvas máis impenetrables e onde viven a maioría dos seres humanos, tal como se conta na páxina final, pero tamén se di que a contaminación, a corta masiva dos bosques e a caza ilegal poñen en perigo a fauna... Descrición do animal, adiviña a respecto de algo que o caracteriza e unha mensaxe final relacionada co continente e a ecoloxía.

O oso polar, a morsa, o pingüín emperador, o reno, a foca de Groenlandia, o bufo nival e o raposo ártico. Do Polo Norte ou da Antártida, territorios áridos e xélidos, cos animais que viven en condicións moi duras protexéndose do frío. Teremos que protexelos porque están ameazados pola emerxencia climática.

luns, 4 de setembro de 2023

Un par de libros: un de poesía, outro de narrativa de Ir Indo

Debuxos con palabras de Maria Xosé Lamas semella feito por ela na súa totalidade. Preséntao como un libro para ler, pintar e aprender a ler poesía. Dirixida unha parte a primeiras lecturas (Garabatos para infantil, Bosquexos para 1º e 2º de Primaria e Deseños para 5º e 6º) É mestra e dá un estraño consello: "Ás veces, os mestres e mestras usamos libros da Biblioteca do cole para as nosas clases e fotocopiamos páxinas para que o alumnado traballe sobre elas. Pero eu aconséllovos que, se vos gusta, adquirades o libro para que sexa voso na súa totalidade e que poidades realizar con el moitas actividades"

Poemas con pictogramas, caligramas...

Un exemplo. A biblioteca do cole: No meu cole, a Biblioteca / é un espazo divertido; / nos recreos non se cabe / porque está moi concorrido. // Cando os profes nolo piden, / nela facemos traballos; / mais tamén lemos, sorrimos, / escribimos, debuxamos... // A parte que preferimos / é o recanto dos pequenos, / de mil cores, cheo de maxia, / onde nos sentimos nenos.// Ten tamén unha mascota, / á que lle chamamos Lela,/ que nos regala palabras / para traballar con elas.// É unha hamster moi sabida / que anuncia as actividades / a facer na biblioteca / un día tras outro día. //Oxalá en todas partes / tiveran, como nós temos, / un lugar acolledor / onde gozar do colexio.

Ás veces váiselle a man coas mensaxes como no poema "Abonda, xa!"

O libro de narrativa é Verdelina, a tartaruga viaxeira de Xosé Lois Ripalda, ilustrado por María Xosé Ripalda. Dela di o autor:" É unha homenaxe  á miña neta de tres anos, a única que teño, pero quixen honrar os avós porque malia que se fala moito deles, non se comenta que o máis importante é que teñan unha vida digna. Vexo unha sociedade na que a xente moza non se está a preparar para o acometido de coidar dos avós. Hai moito egoísmo. Todo é ‘eu, eu, eu’. Están a facer méritos para que no futuro os traten mal a eles. O libro fala dunha tartaruga vella que vive na terra e descobre que os seus antepasados habitaron no mar. Decide adentrarse nel para saber como era onde vivían e no seu percorrido vaise atopando con diferentes animais que a axudan. Trato de que sexa didáctico e teña moita acción para que os nenos se divirtan e aprendan, por exemplo, a fauna en galego. Vostede tamén ten escrito moito sobre etnografía." Unha tartaruga que vai na procura dos seus devanceiros no mar.

venres, 1 de setembro de 2023

Un novo título en Merlín Cómics

Incoloro. A profecía dos sangues de José Malvárez Carleos publicado na colección Merlín cómics de Xerais, preséntase así:"Os sangue vermello tomaron o control das terras de Aórtica e escravizaron os sangue verde. A única esperanza deste pobo é que se cumpra a profecía segundo a cal un sangue branco conseguirá liberalos. Mentres esperan, uns rebeldes buscan a maneira de atacar o castelo dos sangue vermello, sen moito éxito. Ata que unha descoñecida rapaza chega á aldea..."

Tres sangues, coma tres aneis. O sangue branco é o que pode liberar aos sangue verde dos sangue vermello. Unha nena que non lembra nada, case nin o seu nome; ela ten sangue branco, ese que o cura todo. A historia ten interese: unha redención pendente, "a esperada" necesaria para a liberación do pobo escravizado, un personaxe que semella que axuda pero traballa para o inimigo (o home da taberna como na filla de Ryan), en realidade un traidor (que antepón os intereses da súa familia aos do seu pobo), alguén que cre o papel de liberador pero é simplemente un mártir ao que traen ao sacrificio (como en Elipse de Ferrín)

O peor: esa manía de non facer unha historia clara (o que non quere dicir transparente) pero que se entenda o que aparece no volume... Semella que vai haber un "continuará", iso está ben, pero a presentación dos personaxes e o engadido da narración só pode ter interese para poder poñer o nome de transmedia que lle pasa a moitos cómics que resultan ser produtos de autor/a pero que non dan os pasos que os vai facer tamén do lector/a? Seguiremos afondando...


mércores, 30 de agosto de 2023

Ai, o plurilingüísmo en forma de conto rimado

 

Aí o temos, un conto sobre un caraguexo que vai aumentando o seu tesouro coa axuda doutros habitantes do mar: a ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexilón. Un texto (conto rimado) de Alba Rozas e José Manuel Dopazo con ilustracións (que ocupan todo o libro e conseguen bos resultados coa introdución do dixital) de Iago Torres e con tradución ao portugués de Bruno Ruíval e ao inglés de Inma Pérez Casal. O tesouro do caranguexo está publicado por Boadice.

luns, 28 de agosto de 2023

Asperger e premio

Acaban de publicar o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2022, Teño un volcán dentro de María Canosa, ilustrado por Zaida Novoa.

O retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. O seguimento da súa vida e da relación coa familia e a escola, vista dende os ollos da irmá, uns anos máis vella. Vai contando, centrándose nos sentimentos, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións... que, a pesar de todo, de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo.

Así se presenta: 

"Miguel observa o mundo con ollos comúns, pero ten unha mirada diferente. A súa cabeza procesa as cores, os números e a música dun xeito especial. Quen o rodea é consciente do extraordinario do seu interior.
Miguel sente que baixo o peito algo estoupa.
Ten un volcán dentro."

Así comeza (ou case):"Miguel pasou, nese mesmo momento, a converterse no centro do meu universo. Nacera, o meu irmán, transformando a nosa vida para sempre. E eu souben, desde ese primeiro momento, que era un ser singular e inigualable. Non respondía só ao feito de que fose o meu irmán, nin de que se tratase dun ser indefenso, nin de que producira en min sensacións ata o momento descoñecidas. Como predicía a claridade do cuarto, Miguel era un ser dotado de brillo. Un ser de luz. Un faro. Por iso me atrapou desde o inicio.  

 

 

xoves, 24 de agosto de 2023

NEE BARROS e o V premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

Eu descubrín a Nee Barros nos vídeos de literatura galega que colgaba en Neumatiko. Un luxo, alguén adolescente contaba aos pares a historia da literatura, coas súas palabras, tal como a entendía e a divulgaba, algo marabilloso que nos facía lembrar a aquela xente do Seminario de Estudos Galegos estudando e divulgando.

Logo comezou a falar de obras particulares, foi dunha cousa a outra como algo natural. E rematou (por agora) falando de xénero e escribindo. Acabo de ler Nom estamos quebrades, publicado por Cuarto de inverno despois de ter recibido o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cóntase en primeira persoa o tempo dunha estudante de filoloxía, autista, e a súa busca de quen é: heterosexul, homosexual, bisexual, asexual ou...? Nesas estamos, en descubrir quen é e o que sente, como se relaciona cos demais nunha obra que profunda nesas interioridades que tamén son política e sociedade. Tal como se di na nota de prensa "en linguaxe non binaria e galego reintegrado, representa a a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden nas relación sociais. Non faltan nela unha morea de referentes do panorama galego a nivel musical e literario". Carmen Fouces declara "Unha temática que sempre estivera aí pero invisibilizada. É preciso escoitar e aprender do que a xente moza ten que contar. Penso que a obra vai ser referencial para o universo xuvenil e un espello para moita xente. ” Nee afirma: "Procuro representar realidades que vivo ou presencio a diario e que non están representadas, falo de modelos de relación que non coñecemos tanto, persoas racializadas, autistas, busco normalizar o uso do pronome elu e do xénero neutro, o galego reintegrado, etc.”

Un libro valente, sen dúbida!