martes, 26 de decembro de 2023

De Nadal e luces, de agasallos e libros

                                                                                                         (Imaxe da biblioteca Librín)

Apalpador, Papá Noel, Reis Magos... vacacións, ocasión para atoparnos e ler xuntos, para falar de libros, para agasallalos. 

Ao longo de todos os post do blog imos falando de libros, duns unicamente damos noticia de que se publicaron, doutros falamos de maneira entusiasta. Por que? Normalmente non criticamos, é raro que o fagamos con libros en galego (igual deberiamos), a outros non deberiamos facelos visibles (pola mesma razón) pero, de calquera maneira ben se ve no trato cales valen máis a pena, non é?

Pois ben, ide escollendo para agasallar, e se tedes dúbida preguntade, a través do blog ou directamente na libraría.

domingo, 24 de decembro de 2023

O gran circo das palabras, un novo álbum de Eva Mejuto

O gran circo das palabras, un novo álbum de Eva Mejuto e Federico Martín.

Así se presenta: 

"Benvidos a un circo fascinante. Un circo de contar historias, unha nova cada día. Un circo con biblioteca, música, danza e teatro. Será o circo dun poeta!"

Así comeza: "Leo estaba vello e desdentado. Non bruaba, non cazaba. Gustáballe máis cantar que asustar…

Un día recibiu a mensaxe:

“Vai preparando a equipaxe, no Circo do Pirulí non hai lugar para ti”.

E o mesmo lles pasou a Mona, Ele, Foqui e Rufo.

Un álbum que fala de inventar historias, de perseguir os soños, de facer de cada día unha nova aventura… Abracadabra! Benvido ao Gran Circo das Palabras."

Unha historia que comeza coma outras nas que un personaxe é discriminado por un problema ou un interese especial, é dicir, por non ser o que agarda del. Rima a rima, de cada un dos circos é expulsado un león, unha macaca, unha elefanta, unha foca e un can. Ao can de palleiro o que máis lle gusta é ler así que inventa un novo circo no que se contan historias con música, danza e poesía, con biblioteca, certamente, o circo dun poeta no que hai un lugar para todos e todas as que queriran escribir, inventar... arriscar. E xa sabedes que personaxes foron chegando para crear o Gran Circo das Palabras no que cada función era distinta e que incluso contan con nós para a función do próximo dia.

O ilustrador homenaxea diferentes personaxes da literatura infantil: Max o dos monstros, Matilda a lectora ou o pequeno vampiro, enriquecendo así a lectura do álbum.

venres, 15 de decembro de 2023

Candidatura ao Premio Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) de FINA CASALDERREY, mestra, autora de literatura infantil e xuvenil, académica...

 


Con motivo da candidatura de Fina Casalderrey ao premio Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) lembramos que tamén está proposta ao Ándersen (considerado o Nobel da literatura infantoxuvenil) por parte da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil).

Enorgullécenos que a escritora de LIXG e membro numerario da Real Academia Galega (que tal como dixemos no seu momento, levou consigo a literatura infantil e a escola á casa grande da lingua) sexa recoñecida a nivel das catro seccións da OEPLI, porque iso significa que se nos ve nas librarías, bibliotecas e mans da rapazada española. Chegar aí, dende o galego é unha honra, porque sempre foi a lingua de escrita desta autora e demostra que se pode chegar ao máis alto dende o idioma propio dos galegos e galegas.

Queremos soñar con traer algún destes premios internacionais para Galicia, porque iso sería poñer esta esquina da vella Europa no centro dos mapas e a nosa lingua ocupando a palabra común.

Ogallá que o que soñamos se faga realidade para que as nosas crianzas vexan confirmado que o alimento de proximidade, que lles damos, é o mellor bocado. 

mércores, 13 de decembro de 2023

Memoria histórica en teatro para a infancia

 

Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña, ilustrado por Raquel Lagartos e publicado por Xerais na colección Merlín, conseguiu o XXIII premio SGAE de teatro infantil 2022.

Así se presenta: "Unha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da vila. Mentres xoga, encontra por casualidade un boneco enterrado. É un soldado de porcelana que lle conta que viviu na vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar."

E atoparao, porque a avoa é a filla dese soldado que garda ao lado do peito o debuxo que ela lle fixo de peqeuniña, porque a súa casa fica abandonada dende hai moitos anos, porque as nenas son insistentes e conseguen chegar a onde queren. Grazas á pequena, que o desenterra, consegue recobrar a memoria de quen foi e poder marchar ao lugar onde tiña que estar dende o principio da súa desaparición; agora quedan o resto das sombras, habitando o parque, para que a rapazada  axude nesta tarefa de recuperación, que devolverá a cadaquén ao seu lugar. 

Unha obra que segue o camiño de Labraña de enfrontar os temas máis duros cunha delicadeza extrema, atento aos problemas sociais e as preocupacións cívicas. As ilustracións acaídas, interesantes e nun momento "estrañas",  falando da lectura que se fai da obra con máis ou menos detemento, ou de como as pequenas son quen de ver de forma moi relativa as súas casas. Estoume a referir á casa verde que aparece no debuxo que a filla lle fixera, da que todos os personaxes comentan que é pequena pero que no debuxo aparece máis grande que as outras (ou tanto, polo menos).

Grazas por esta volta, Mambrú, porque estabas aí, na canción, lembrando o horror de todas as guerras!

venres, 8 de decembro de 2023

Un novo libro da factoría Xerais

Violeta ás agachadas de Ramón D. Veiga ilustrado por Abi Castillo, un álbum publicado por Xerais en gran formato. Unha marabilla de libro cunhas ilustracións estupendas que nos van mostrando ata onde pode chegar o interese en agacharse: debaixo das camas, dentro dos armarios, nas lacenas da cociña, nos testos das hortensias, no medio da sebe de buxo, na caseta do can...para pasar a ver o mellor escondedeiro en cada mes do ao e así ir presentando cada un deles nun pareado. Cada lámina é un magnífico cartel no que a ilustración impresiona e nos fai buscar a nena. Non hai moita historia, é certo, pero hai tanta imaxe que nos coloca en situación de crear con cada unha delas o oso propio relato feliz.

Que pai lle ten feito tantos recoñecemento á súa filla? Ramón faille moito a Violeta, dende aquel Violeta quere ser vampiro este pasando por Violeta plarapluei e outras historias de xente pouco corrente. 

martes, 5 de decembro de 2023

De familias e do "innombrable"

Resúltame familiar. Un percorrido actual por diferentes formas de vivir en familia de Carmen Mateo con ilustracións de Lirios Bou, traducido por Inma Alonso e publicado por Cumio

A modo de resumo da rede de Bibliotecas Públicas de Galicia: "Se algo define as familias é o seu constante cambio: dende a Prehistoria ata a actualidade, desde as familias máis numerosas ata as máis reducidas, desde a familia tradicional ata as moitas outras formas nas que se compoñen as familias de hoxe. Numerosas ou de poucos membros, próximas ou afastadas, xuntas ou separadas… hai moitas formas de vivir en familia. Pero aínda que as familias muden continuamente, sempre teñen en común un punto de partida: o amor, a protección e o apoio."

Unha introdución con "Crías que sabías todo sobre as familias?" pois non, están en constante cambio a pesar de ser unha das institucións máis antigas, non? Remata cunha sopa de familias para identificar a propia ou escoller a que che gustaría.   


 

O libro dos cus de Eva Manzano e Emilio Urberuaga está traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho.

Un libro divulgativo para poñer a mirada nesa parte do corpo que vemos poucas veces, porque queda atrás, porque é algo do que non se acostuma falar ou polo que sexa. Sabemos pouco de cus e este é unha obra que deterse aí e observar. Iremos entrando na súa historia, na diferenza entre uns cus e outros sexan de humano ou animal, os nomes cos que podemos chamalos, as formas que teñen, as prendas coas que os tapamos, as súas cores, as mensaxes que nos envían... e despois de tanto ver vannos quedar ganas de ampliar o libro coas nosas ocurrencias.

Di a autora (cando lle dedica o libro aos cus) que son coma a cara oculta da lúa, e non lle falta razón. Non é doado velos porque os ollos os levamos diante e el queda detrás, non é? Para xogar coa escatoloxía...


domingo, 3 de decembro de 2023

XVI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados

 

Este ano, o XVI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, foi outorgado a Núria Figueras e Anna Font por A visita

Dúas autoras catalás que nos fan entrar no silencio, pois quen visita a casa do raposiño é o silencio, ese compañeiro que acompaña a soedade e é tan necesario nestes tempos de ruído e caos. As librarías de Compostela apareceron con el debuxado nos escaparates, porque o silencio é difícil de representar e hai que empeñarse en buscalo cando estamos rodeados de barullo e balbordo, as crianzas tamén. Cando a tv é un griterío, o congreso unha berradeira violenta, as rúas os bocinazos e o rebumbio, nas aulas algarabía... todo un batifondo do que descansamos cando nos visita o silencio e paramos para pensar e pensarnos.

Cando peta na porta di o raposiño que non pode abrirlle a ninguén e o silencio contesta "máis eu non son ninguén. Eu son o Silencio"  Daquela ábrelle e o silencio expándese e á cria éntralle o medo, como o resolve? facéndose unha boa anfitrioa. A historia avanza e seguimos aprendendo que para bailar só hai que escoitar os latexos do corazón ou que cando estás en silencio escoitas os propios pensamentos... 

Así o vemos no issu e nos facemos idea de como transcorre a historia. 

E así o explica Nuria Figueras: «Quixen transmitir que quedar un intre só non é perigoso nin ten que dar medo. Estar só e tranquilo permíteche gozar dos teus sentidos, dos que che rodean, serenarte, escoitar o que pensas e coñecerte mellor. Quizais é todo abstracto, pero aos nenos témolos a todos tan saturados de actividades que darlles unha paréntese para que se relaxen, para que estean eles sós, tamén lles esperta a creatividade». Tamén di que esta obra está inspirada no recordo persoal da primeira vez que quedou soa na casa, cando era pequena e súa nai tivo que saír un momento. Daquela entrou o silencio e nós darémoslle a benvida sempre que queiramos porque máis alá das múltiples actividades escolares e extraescolares, do boureo do día a día teremos que buscar a compañía do silencio... para non perdernos.